A EDICIÓN CONMEMORATIVA D´ OS SOÑOS NA GAIOLA, UNHA ALFAIA LITERARIA.
Antonio García Teijeiro
Con Manuel María comecei a descubrirlles aos meus alumnos e alumnas a poesía en
galego. Unha poesía feita pensando neles
con luz e agarimo. Xa levaba a rapazada gozando da poesía en castelán con
Machado, Lorca, Alberti e Juan Ramón,
pero faltaba que desfrutasen cos versos escritos na nosa lingua.
Eran nenos e nenas de terceiro de
primaria. Eu non lles daba clase (daba aos maiores) pero collera unha hora
solta no meu horario para trasladarlles a festa da palabra dita en voz alta, a
palabra poética recitada e cantada.
Os rapaces/as entenderon
axiña a importancia de ler e escoitar versos en galego. Ilusionáronse co poemario que eu lles presentara: Os
soños na gaiola, de Manuel María. Editado pola Editorial Celta (Lugo) con expresivos debuxos infantís, foi o libro
protagonista deses mércores pola tarde dedicados a ler, cantar, debuxar e
sentir a literatura preto de nós.
Foi nesas sesións marabillosas onde eu
escribín o meu primeiro poema pensando no lectorado infantil: Tres pombas chegaron cansas /
tristeiras preto dun neno… E foino
grazas á forza e á sensibilidade poéticas, ademais do compromiso, de Manuel
María. El foi guía para eses pequenos de
oito anos que dicían en alto e ilustraban os seus poemas, e para min, porque me
fixo comprender a a importancia de escribir poesía infantil. O entusiasmo deles
diante da palabra do poeta emocionoume. Prometín naqueles días que non deixaría
de escribir poemas para eles e hoxe, trinta e moitos anos despois, sigo a
cumprir aquela promesa.
Non agochei endexamais a débeda que teño
con Manuel María. El foi o impulsor de que eu escribise poemas en galego. Co
tempo, tiven a oportunidade de dicirllo en actos que compartimos. E gustoulle
sabelo.
Acaban de cumprirse cincuenta anos da
publicación d´ Os soños na gaiola. A ninguén se lle escapa que este poemario
foi a obra inaugural da poesía infantil galega.
Abriu camiños que moitos outros e outras seguimos. Sen el estariamos
máis perdidos.
E teño que felicitarme de ter unha edición
fermosísima deste poemario. Chegou ás miñas mans a través dunha muller que,
malia a súa xuventude, está a realizar un traballo de investigación e de
divulgación
Montse Pena Presas |
verdadeiramente
salientable, Montse Pena Presas. O estudo que acompaña á edición facsimilar da
1ª edición d´Os soños na gaiola, publicado en Lugo por Cartonajes ANMI (1968) é
portentoso. Unha edición, por certo, coidada ao máximo, cos poemas de Manuel María, ilustrada por Reimundo Patiño, con múltiplas
correccións autógrafas do poeta. Unha xoia.
O estudo introdutorio de Montse Pena é
impresionante. Amosa nel, un traballo de investigación profundo e dá unhas
claves necesarias para facer novas lecturas dun poemario esencial na nosa LIX.
Porque parte, ademais, dunha realidade fundamental: Manuel María levaba Galicia no máis fondo dos seus sentimentos,
algo que se nota nestes poemas. Mergullándose en mil fontes, con anotacións ao
pé de páxina, Montse Pena Presas vai
abríndonos os ollos sobre a importancia que o poeta daba á poesía infantil. El
sabía, dende o seu compromiso, a
importancia que os versos para a rapazada teñen para que os soños do presente
se convirtan nas realidades do futuro. Isto que comenta a autora do estudo
é fundamental para que eu escribise poesía para a xente miúda. Sempre o
entendín así e por iso levo loitando ben anos.
Nun caderniño, que acompaña ao libro,
Montse Pena vai mergullándose neste poemario, relacionándoo coa obra de Manuel
María e poñendo o acento sobre a historia deste libro, coa problemática da
publicación do mesmo, as súas inquedanzas, a correspondencia do poeta (con Neira Vilas, por exemplo), os traballos
de reelaboración, a significación da
obra, as ilustracións de Patiño, as diversas edicións, a música que os poemas levan dentro, a
tradución ao portugués, a importancia do legado do poeta e múltiples
aportacións a partir de publicacións sobre o tema.
E un desfruta deste traballo serio,
científico e próximo a un tempo, necesario para unha mellor comprensión dun
poemario clave da nosa LIX. Un labor, o de Montse Pena, que un agradece
fondamente polo respecto que amosa a un xénero que as elites consideran de
segunda categoría. Un achegamento fundamental para seguir profundando na poesía
infantil sen complexos, como debe ser, como xa se empeza a ver no noso panorama
literario, aínda que sexa aos poucos.
Parabéns
á autora, así coma as Deputacións
da Coruña e de Lugo e, xa que
logo, á Casa – Museo Manuel María por
permitiren que unha alfaia coma esta poida chegar a un bo número de persoas.
Traballos e edicións así dan pulo e axudan
a que a literatura infantil acade o prestixio que merece pola súa calidade e
respecto polo lectorado ao que vai dirixida.
Con Manuel María, un mestre para min |