lunes, 5 de febrero de 2018

DARDO POÉTICO (LIII) "A TENRURA DE MARÍA VICTORIA MORENO FEITA VERSO PARA OS MÁIS PEQUENOS"




Diáfanos, sutís, cheos de emotividade e de sinxeleza son estes tres contos en verso que María Victoria Moreno escribiu pensando na rapazada. Tres contos  de animais e nenos que aman os animais. Tres contos recollidos nun libro que Edicións Xerais publicou en 2005, ano da norte da escritora, que reeditou na colección Merlín o ano pasado e que leva por título Eu conto, ti cantas. Tres contos humorísticos, cheos de tenrura que son ¡Xa non teño medo!, Can branco, can negro e ¿Un cachiño de bica?

     


     María Victoria Moreno tiña unha vea poética moi evidente. As narracións de María Victoria  posúen ritmo poético e están ateigados da poesía da vida. Ela foi quen de darlle un ton poético a todo o que tocaba. Cando falaba, ben veces facía poesía. Cando escribía, tamén. Sabía perfectamente a necesidade da lírica na vida dos seres humanos que tanto amaba. E conxugaba a realidade co lirismo. Isto pódese comprobar nus versos coma estes:

Ilustración de Manuel Uhía
 Cando a nai mata as luces
nace un silencio
que é redondo e escuro,
mais non dá medo.

     Pertence esta estrofa ao primeiro dos contos do libro e nela xa lles está a dicir aos pequechos como se pode expresar poeticamente a noite, no momento que se apaga a luz para durmir.     Unhas estrofas moi ben artelladas e contadas con moito agarimo, que nos falan dese tema universal que é o medo á escuridade de tantos nenos e nenas durante un tempo.

     No segundo deles, Can branco, can negro, cóntanos e cántanos a realidade de dous cans, Nicolau e Correcamiños. Un, o primeiro, foi recibido por todos con festas e aloumiños. Era un can bonito, de moi boas maneiras. Un canciño moi feito / de capa brillante e negra. O segundo naceu na beiravía da estrada onde un home malo e feo / botara a cadela branca, / que levaba na barriga / seis cadeliños de nata.
     Dúas vidas, dúas situacións de partida. Pero, chegarían a coñecerse?

     
María Victoria Moreno
     
     No terceiro conto, ¿Un cachiño de bica?, María Victoria conta a historia, un conto ledo / coma os ollos dun can/ e a voz dun neno.. Nica era unha cadela e Iván un neno que andaban sempre xuntos e sempre ledos… Ai, Nica! Esa foi a cadela que máis acariñei nos anos da miña relación con María Victoria. Iván ofrece á cadela un cachiño de bica para que a probe e a Nica lambe/ mainamente o regalo / que máis lle sabe… Conta a historia a autora que se converte en contadora das andainas deses dous seres marabilloso. E faino nunha linguaxe delicada en verso.
     O conto remata así:

Mª Victoria cos meus fillos Antón e Noa
Se che gustou o conto
ben cho agradezo.
Quero mandarche un bico
máis un consello:

     fai como Iván
     busca o amor nos ollos
     doces dun can.

     Tres contos emotivos, ilustrados de xeito maxistral por Manuel Uhía, grande amigo da autora e o seu ilustrador favorito. Non é de estrañar pois Manuel Uhía é un dos ilustradores pioneiros da nosa LIX. As faces dos personaxes están dotadas dunha expresividade que te deixa abraiado, cunha tenrura e unha dose de humor verdadeiramente conseguidos.
     
Con Begoña, a súa filla, e Pedro Ferriol, o seu compañeiro nos últimos anos
     

     Para rematar, dicir que me emocionou a dedicatoria á súa filla Begoña, a quen adoraba María Victoria:
     Para Begoña, que chega á casa ao solpor e regálame todas as luces do día.
     Pura poesía de alguén que pasou toda a súa vida amando.
     
     
Manuel Uhía con Mª Victoria e Pedro Ferriol


     Un libro necesario que saíu á luz uns días antes de morrer unha das autoras que puxo as bases necesarias para que a LIX en lingua galega teña hoxe o brillo que ten.
     
     Leámolo en alto e gocemos coa súa maneira de facer felices aos demais.



                                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO