lunes, 12 de febrero de 2018

ESCAPARATE POÉTICO (CXIV) Tamara Andrés






                                      TAMARA  ANDRÉS  (Combarro, 1992)





NON SEI construír barcos.

Tampouco recomponer
camiños que non sexan
o da perda.




Tamara Andrés (Foto, Faro de Vigo)

NON HAI  beleza nas mans
que modelan os corpos.

Porén, nós lembramos o debuxo
ao medrar e competimos no trazo
da mellor silueta para afirmar
unha identidade
quizais efémera.

Mais a arte da natureza
está por enriba de nós
e por iso nos destrúe.

Nós calamos
mentres continuamos
a debuxar.






O CORPO


INUNDO  as miñas mans
co cuspe agoirento que
o meu corpo exhuma.

Escoitade: o verdor esmorece,
e as luces agochan aflixidas a
claridade para non alumar
tanto desterro.

Eu espallo a miña segregación
sobre todos os mares, alongo o

corpo e deito as miñas costas
en todos eles.

Son corpo sobre negro:
o antídoto para fluír
arrastrando o apego
de todas as debacles.






O INVERNO


NON PROCURES  nestas liñas
palabras que non formen parte
da linguaxe común entre
auga,
merlo
e xemas
táctiles
e fráxiles.

O meu corpo dilúe
o seu sabor
na superficie
dese triángulo
sen contido.

Nunca puiden denominar
as miñas moitas cidades
porque fun continuo desterro,
mais agora, o teu nome
-doce inverno-
reclama
ser
único contexto.




Foto de Stella Nine


                                                  (Do libro Corpo de Antiochia, editado pola Editorial Galaxia, 2017)