viernes, 9 de febrero de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (41) " Formigas, risas, flores e dinosauros", de Euloxio R. Ruibal






TÍTULO:  Formigas, risas, flores e dinosauros.



AUTOR:  Euloxio R. Ruibal.





ILUSTRACIÓNS: Gloria García Iglesias.




EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.




Euloxio R. Ruibal dramaturgo, guionista, narrador, ensaísta e académico da lingua galega, achégalles aos lectores a partir de oito anos, agora na súa faceta narrativa, este libro que contén catro fermosas historias baseadas na oralidade e que, de seguro, engaiolarán tanto a nenos coma a maiores.

     Catro contos que seguen a tradición oral, sustentados na forza da palabra que cobra vida cando é dita en voz alta. Catro pequenos contos cun fío condutor común: o humor e a maxia que conleva a verba ben construída e dirixida dun xeito directo ao corazón.
 
Euloxio R. Ruibal
     Catro contos cheos de tenrura no que conviven o mundo animal e vexetal xunto co universo fantástico dos nenos, onde todo é posible porque a imaxinación non entende de límites. Pero que tamén convidan á reflexión ao contar con diferentes niveis de lectura.
     
     Así dende o primeiro “A formiga revirada”  ata o cuarto “Santi e mais Iago” , pasando por “O xardín de Claudia” e  asumindo “Unha triste perda” descubrimos os diferentes protagonistas que nos desvelan os seus desexos, temores, acertos, experiencias vitais capaces de derribar os muros da intolerancia, dos prexuízos pero tamén de afondar na forza da unión e a perseverancia para lograr os obxectivos e a importancia da risa como elemento imprescindible para acompañar a ledicia.

     Formigas, flores, risas e dinosauros  susténtase  nunha prosa fluída, dunha aparente sinxeleza, que engaiola pola súa  riqueza léxica para amosar un universo propio formado a  partir da mestura do mundo real e o ficticio que convidan á reflexión.
 
Ilustración e capa de Gloria García Iglesias
     As  expresivas ilustracións de Gloria García Iglesias danlles vida aos diferentes protagonistas que aparecen focalizados e en sintonía co ton textual.


                                                                                                                          ALBA PIÑEIRO