Entramos no “Ano Manuel María”
e un recibe con satisfacción publicacións coma Canta o cuco.
Levo ben anos defendendo a importancia da
música, das cancións, como un dos recursos importantes para que os nenos e
nenas se acheguen á poesía. E sigo felicitando á Editorial Galaxia, por
activa e por pasiva, polo labor que
neste eido realiza a través da magnífica colección “Sonárbore”.
Canta o cuco é un achegamento ben
interesante á obra de Manuel María,
a través dos poemas musicados por dous grandes artistas do noso panorama
musical: Uxía e Magín Blanco.
Resulta unha delicia escoitar estas
cancións, diversas e ben construídas. Hai moito talento neste traballo –como non
podía ser menos tratándose deles- no que, tanto dun xeito lúdico coma intimista,
vai permitir aos oíntes gozar das melodías e das palabras que lle dan forma.
Son poemas extraídos de poemarios como As
rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. E saliento aquí a
fermosa composición de Uxía e Maxín, Todo
me fala de ti, unha fermosa homenaxe ao noso poeta.
Todo está moi coidado neste libro-disco. Hai
dous poemas recitados por Uxía, uns arranxos musicais excepcionais da man de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández –fundadores de Berrogüetto-, que tocan, ademais, o acordeón e as guitarras
acústicas e percusión, respectivamente.
A voz de Uxía acariña os versos e penetra
no máis fondo da música para producir un ambiente envolvente que seduce. As
colaboracións son importantes: Isaac
Palacín (percusión), Pablo Vidal
(contrabaixo), Raquel Domínguez
(gaita), Pablo Ces (bombo) ou Andrés Giráldez (tambor).
Dicía antes que todo está moi coidado.
Aquí quero salientar o magnífico traballo de ilustración de Leandro Lamas, un pintor e ilustrador
que me entusiasma. O seu traballo é unha festa da cor ben empregada, cunhas
ilustracións dunha expresividade que conmove. Leandro Lamas crea un universo
arredor de cada poema-canción dunha intensidade exquisita.
Para rematar, unhas palabras de Uxía e de
Magín Blanco que definen perfectamente este traballo: Canta o cuco é a nosa ollada arredor do universo poético
de Manuel María. Unha revisión contemporánea dos seus versos, tan vixentes
aínda para as nenas e os nenos do século XXI. desenvolvemos este traballo de
composición cunha globalidade de estilos musicais que abranguen desde a música tradicional
propia ata os ritmos próximos do pop e o rock, pasando polos aromas da canción
de autor ou os aires latinoamericanos (…)
En efecto. moita variedade e riqueza
formal nas composicións. Moito agarimo nos fraseos, nas notas, nas voces.
Un libro-disco para saborear cada unha das
partes que o conforman: a poesía, a música e a plástica.
Unha alfaia para non perderse.
Presentación do álbum-CD e conversa co ilustrador Leandro Lamas.
Presentación de "Canta o cuco" na Fundación Luis Seoane.
Presentación do álbum-CD e conversa co ilustrador Leandro Lamas.
Presentación de "Canta o cuco" na Fundación Luis Seoane.