Gústame que na LIX non se lles agochen aos nenos temas que están ao seu redor. Se pensamos que literatura é vida, non debemos estar de costas a certas realidades. O que si hai que ter presente é a maneira de contar. Sutileza, elegancia, agarimo, intelixencia… son algúns dos substantivos que me veñen á cabeza se falo destes asuntos.
E isto é o que fai Marcos Viso no seu precioso álbum Vaite xa!, que edita
Edicións Xerais na súa colección Merliño. E ademais Marcos Viso, como
grande ilustrador que é, acompaña o seu texto cunhas imaxes fermosísimas. Un
reto interesante.
Oso está preocupado porque nos últimos
meses a horta convertérase nun cadaleito, levándose por diante a ilusión. Oso,
perante a situación de necesidade, terá que partir na procura dun traballo
mellor. E iso supón partir e deixar a
Osa e mais a Osiña no fogar e traballar lonxe, algo que lle doe fondamente.
A Oso xórdenlle dúbidas e a dor invádeo ao
tomar esta dura decisión. O desarraigo familiar é un tema que o autor plantea
nesta obra. A emigración, sempre presente no devir dos pobos, deixa a súa
pegada no texto. Un texto que trata un tema real, doloroso, pero que o autor
envolve en lirismo. Oso sofre os medos, as dúbidas, as determinacións, as
incertezas, pero sen perder un fío de esperanza na súa decisión.
Marcos Viso conta unha historia que
reflicte, xaora, uns feitos que están a padecer os seres humanos. E faino, na
dobre vertente de escritor-ilustrador. Sae moi airoso do reto. Emprega unha linguaxe
sinxela, directa, cun ton lírico que engaiola. Axilidade e emoción apálpanse ao
longo das súas páxinas. E ilustra o texto con perspectivas diversas, primeiros
planos, detalles precisos e con obxectos que simbolizan situacións e sentimentos.
Un acerto este planteamento cheo de
tenrura, que nos permite imaxinar un todo con eficacia. Marcos Viso crea un
ambiente engaiolante e obríganos a camiñar descubrindo espazos varios (de aí as
diferentes cores empregadas) segundo os
estados de ánimo e dacabalo do sentir máis fondo do protagonista.
Parabéns a Marcos Viso polo que está a
realizar. O seu nome xa comeza a figurar entre os artistas máis interesantes
dentro da nosa LIX actual.
Ten un magnífico futuro por diante. E eu
alégrome moito.
ANTONIO
GARCíA TEIJEIRO