Mostrando entradas con la etiqueta luís valle.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta luís valle.. Mostrar todas las entradas

miércoles, 11 de mayo de 2016

DARDO POÉTICO ( XXXIII ) : Viaxar en tren cos versos de Luís Valle




Non o fixera nunca, pero no periodo de tres semanas fun dúas veces á Coruña no tren rápido. Ese que tarda unha hora e vinte en facer o traxecto entre Vigo e a cidade herculina.
     
     A segunda foi porque tiña un encontro nun colexio de Ferrol na compaña do meu amigo Antonio Reigosa. Lendo lendas, digo versos era o motivo.
     
     


     Cada volta gústame máis viaxar en tren. E se vas na compaña, como é o meu caso, de libros excelentes, moito mellor. Así foi. Pois nesa última viaxe acompañoume o poemario Fedor  do meu admirado Luís Valle. Con estes poemas o escritor lucense nado en 1977 gañou  a XXIII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2011.

     


     Fedor  é un libro impactante. O seu autor ten acadado xa  unha voz nova, persoal, dentro de panorama poético galego.  Luís Valle gusta dos poemas curtos pero intensos. Poemas que che producen calafríos. Poemas que están atravesados pola morte, neste libro, e que provocan unha enorme vertixe cando por eles transita un . Ben di Isidro Novo no prólogo que “ a morte é neste libro como unha paisaxe visíbel en todo momento e en todo momento está a interiorizarse no ollar do poeta dende calquera ángulo”.
    
     
     Xaora que o poeta nos permite convivir coa morte en imaxes atrevidas que nos sacoden e nos enchen de emocións íntimas.


Acubillado á beira dos ourizos,
cada mañá procuro unha choiva de
Luís Valle
paxaros sobre as árbores brancas.

     
     O tren marca un camiño e a paisaxe pasa á miña esquerda mentres eu percorro as liñas, verdadeiros camiños incendiarios que o poeta me propón cun certo descaro:


TEÑO OS CABELOS ROTOS, os ollos
secos e lañados, os nervios ven-
cidos, o esqueleto dilatado. Estou
pálido, estrinxido, suado, lánguido
e inchado. No meu corazón brilla a
chama, coagulada: lugar  estraño,
onde amar, é dar sen tempo. De-
vezo vil no mediodía do idioma!

     
Non son capaz de deixar á beira esas liñas das que antes falaba. Esas liñas que marcan os pasos a dar na lectura, na conseguinte reflexión e no resultado abraiante que eses versos, escritos a xeito de pequenos textos narrativos, van pousando encol da miña actitude de lector entregado:


LEVO A ROSA EPILÉPTICA rinchando
no corazón: hime esnaquizado por
alas de libélula. Sinto o son inter-
mitente das lágrimas salvaxes, e a
obscenidade das virxes nos tím-
panos secretos.


     Eu tamén. Eu tamén sinto “as sílabas brancas: tona seca das primeiras verbas”. Iso di o autor noutro poema. E, coma el, “tralos meus ollos aínda arden algunha lágrimas: fondas, inútiles e puras coma as túas ensinanzas”. As túas, as súas, as deles e delas.

     Vén o revisor. Semella unha pantasma neste espazo capaz de atravesar as fronteiras das caricias. Doulle o billete e sigo a liturxia da orde/desorde poética que Luís Valle vai deitando ao longo dos poemas. Unha liturxia espida de follaxe, mais chea de símbolos que non queren agochar a mágoa insistente.
     
     Non sei se cheguei ao destino. Coido que a poesía de Luís Valle nos agasalla destinos diversos, verdadeiros labirintos que agochan sapos secos no seu corazón.
     
     Coma el mesmo nos di nunha “Pequena poética”:

                                               Escribo porque teño un sapo seco
                                               por corazón, e unha flor morada
                                              cravada no ollo.

     
     A algún destino si que cheguei (destino físico?) pois xa sinto a proximidade da estación. O tren vai minorando o seu paso. Estou de volta.
     
     


Eu pecho o poemario e penso no estado de ánimo do poeta cando di:


                                                                 FARTO DE MIRAR CARA A ESTA
                                                                 FLOR cuxo nome descoñezo, míro-
                                                                 me. Tremo. O soño é unha liña
                                                                dilatada por onde vai a morte.


    
     Intento afastar esa “morte”, pero póñome a tremer coma el.



                                                                                                                             ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

lunes, 28 de diciembre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS ( 49 ) Luís Valle







O PRIMEIRO, O NOME
que  baixo ti latexa.

Logo, a beira das cousas,
a luz doída
                  e o rego
                  sobre as terras.

Ao final,
              o xardín roto.

     Este foi o primeiro poema que lin de Luís Valle (Lugo, 1977). Axiña me decatei de que estaba diante dun poeta que me interesaba. Pertence ao libro A caída, co que gañou o VII Premio Caixanova 2008. Un libro que arrecende a haiku sen haber moitos nel. Un libro formalmente sinxelo, pero dunha fondura que emociona. Poesía espida de ornamentos, a de Luís, mais dunha intensidade que fai encoller o corazón do lector.

Luís  Valle

DE TI QUÉDAME
                             o oco
inmensamente
namorado.

Pois
       en verdade baleiras
       o excremento
       de min mesmo.

     Converteuse nun dos poetas aos que sempre acudo cando preciso ordenar os meus pensamentos, resolver conflitos e dominar os meus sentimentos.
     
     Defíneo moi ben Darío Xohán Cabana no Limiar do poemario cando di “que é capaz de lograr esa concisión emocional” que o lector ou lectora atopará na lectura dos seus versos. Mágoa de non ter Zigurat, onde, segundo Darío Xohán Cabana, se atopan bastantes dos haikus máis exquisitos que el tiña lido.
     
     Pero ese libro marabilloso que escribiu con ilustracións de Baldo Ramos (outro magnífico poeta), Trona, o merlo (Barbantesa, 2015), empuxoume a mergullarme naquela poesía que era descoñecida para min. E fíxenme con Fedor, co que gañou o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón na súa vixésimo terceira edición (Sotelo Blanco, 2011) e co Caderno do mendigo (Barbantesa), tamén publicado nese mesmo ano. Rendido fiquei diante do seu discurso poético; un discurso poético sólido que vai dirixido, coma unha frecha, directo ao corazón.




BONECA DE TRAPO DO ENGANO
teño calos nos ollos de verte
morrer. No meu corazón arden as
pombas fartas.
     
     
     Estes versos de Fedor son un exemplo da poesía impactante do autor, na que, ademais do amor soñado ou vivido, está moi presente a morte e eses lugares fríos, ás veces ignotos,  cara a onde se dirixe o ser humano.




O CEO ESFÍASE
as chaves
do mediodía.
                    Caen
as achas afiadas
no corazón
dos Magos;
                 caen
os paquetes baleiros.

     
     Un poema, este, tirado do Caderno do mendigo, que continúa a liña trazada polos libros anteriores. O amor arelado, as ansias vitais e íntimas, a ira que produce a realidade, as imaxes feridas e ferintes…atópanse nun poemario de “tristeza dixerida”.
    
     Ben, pois xa está dito. Luís Valle é quen de facer que te sintas próximo aos seus versos, de que te inqueden, de que os mastigues unha e outra vez e que descubras neles todos os sabores que conteñen.

     
     Non podía faltar un poeta así nesta sección de Versos e aloumiños. E como é un innovador incansable, decidiu enviarme este impresionante foto-poema.
      
     Para este blog-revista é un luxo que Luís, a súa pegada, fique aquí n ´A luz das palabras. E nós agradecémosllo de corazón.

     
     Gozade da foto-poema. Gozade da súa poesía.




                                                                                      Luís  Valle