Alegría é
unha festa. Unha festa de cor, de música, de palabras.
Alegría é
un libro-disco cheo de luz,
envolto en ilusión e dunha felicidade que contaxia.
O seu autor, o brasilego Sérgio Tannus, é dende hai algún
tempo un
nome imprescindible dentro da música de calidade pensada para os pequenos.
Este multi-instrumentista,
autodidacta, virtuoso cantautor presenta en Sonárbore (Que
extraordinaria colección da Editorial Galaxia!) unha historia
optimista escrita por el,
na que Alegra, unha eiruga
pequerrecha que, malia o seu nome, non é divertida, emprende unha viaxe chea de fascinantes
aventuras e novas amizades, grazas ás que descubrirá que outra realidade é
posible.
Música e literatura
camiñan da man na procura da felicidade e, a través de trece composicións
musicais relacionadas con pasaxes e personaxes da historia, farán comprender ao
lector que as pequenas cousas lle permiten gozar máis do que parece e que un se
debe aceptar como é.
A música ten unha calidade
excepcional.
As cancións chegan a quen
as escoita como frechas optimistas que convidan a cantar, a repetir versos, a
moverse, a bailar. E os nenos e nenas serán acariñados polas nubes, polas
sandaliñas que lle permitirán andar na liña do horizonte. Comprenderán o
mosquito inaudito, coñecerán a Menta polenta, dubidarán cantando o que queren
ser, axudarán a facer unha máquina do amor (fermosa chiscadela a Ruí) e
sumaranse ao coro de cantores de personaxes do conto cos versos de Final:
O amor é calor,
bolboreta que visita a flor,
fai mudar, transformar,
a eiruga libre para voar.
Un libro para sentir o
pracer da palabra en música. Da palabra utilizada para chegar dentro, case sen se decatar, de quen a escoita ou le. Unha música que
peta na porta das persoas para entrar e permanecer dentro delas. Historia e
cancións, convertidas nun todo, para demostrar que cando alguén se dirixe ao
mundo infantil ten
que facelo con respecto e dando o mellor
de si mesmo.
E Sérgio Tannus faino. O seu traballo é un
exemplo de amor pola música e pola palabra escrita ou contada.
Isto é Alegría.
Porque á intelixencia con que escribe texto e cancións, se
suman
grandes personaxes do noso panorama musical como Uxía, Isaac Palacín, Magín Blanco, Xoán Curiel, Quim Farinha, Jara Ortiz ou Santi Cribeiro, entre outros.
As ilustracións, moi suxestivas, cheas de colorido, complementan un todo verdadeiramente atraente para quen se achega á obra. Luís Borbolla fai un traballo que lle acae perfectamente ao espírito do libro.
Debemos salientar as
palabras de Sérgio Tannus nunha das
primeiras follas do libro-disco. Son unha declaración de principios:
...doulle grazas á vida e ao universo pola oportunidade de levar eses
conceptos de esperanza, optimismo, amizade e alegría aos cativos de Galicia e
do mundo. Conceptos tan esquecidos e pouco valorados nos turbulentos días de
hoxe...
Así é. Todo isto e moito
máis podemos atopar en Alegría, un paso adiante no
marabilloso proxecto que é Sonárbore, unha colección da que
todos nos sentimos orgullosos.
Deseguido podedes ver o booktráiler do libro-disco. Así podedes facervos mellor a idea do que acabades de ler.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO.