jueves, 8 de octubre de 2015

" ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA", DE LEDICIA COSTAS, PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, 2015


Estou feliz. Si, moi feliz.

     O feito de que o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil recaese no libro Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, púxome moi contento.

     Contento porque recaese nun libro en galego.
    
Contento porque é unha historia deliciosa (ai,esas receitas!) e chea de enxeño. Un libro moi ben escrito.
    
Contento porque, dende que lin Unha estrela no vento, hai xa ben anos, e a autora era unha mociña, souben que tiña un magnífico futuro por diante se se esforzaba. E acertei. Díxenllo  a ela nunha cafetaría (a da Casa do Libro), cando nos coñecemos persoalmente tempo atrás.
    

     Contento porque Ledicia Costas é unha persoa afable, agarimosa e coa cabeza moi ben asentada.

     Contento porque Ledicia Costas escribe moi ben, arrisca e non se acomoda endexamais no discurso literario fácil.

     Contento polo tan querido para min  Premio Merlín, un certame que non deixa de abrir  camiños no desenvolvemento da nosa LIX. E nisto, moito ten que ver Helena Pérez, a editora, tantos anos coordinando cun acerto innegable os xurados do premio. Unha referencia esencial para todos nós.

Un momento da presentación

      E estou contento, por fin, porque tiven a honra de presentar en Vigo, no mes de outubro de 2014, este libro, na compaña da editora, da autora e do ilustrador, Víctor Rivas, que fixo un traballo marabilloso de ilustración cunhas imaxes que lle acaen perfectamente ao texto. Un gran ilustrador para un libro moi especial.
     Resultara un acto festivo, con afectos varios e moi doce (esas larpeiradas estaban exquisitas), onde a literatura foi o eixe central do moito que alí houbo.
 
Co ilustrador Víctor Rivas
     Felicidade completa, pois, co fallo do xurado. Escarlatina ten moita vida por diante. Tena toda, pois os bos libros viven eternamente.
     
     E este éo, e moito.
 
Con Helena Pérez e Ledicia Costas

     Parabéns a todos os que participaron neste fermoso proxecto. Tédelos ben merecidos.

Deliciosas larpeiradas



                                                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO