Estou feliz. Si, moi feliz.
O
feito de que o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil recaese no
libro Escarlatina, a cociñeira defunta,
de Ledicia Costas, púxome moi contento.
Contento porque recaese nun libro en
galego.
Contento
porque é unha historia deliciosa (ai,esas receitas!) e chea de enxeño. Un libro
moi ben escrito.
Contento
porque, dende que lin Unha estrela no
vento, hai xa ben anos, e a autora era unha mociña, souben que tiña un
magnífico futuro por diante se se esforzaba. E acertei. Díxenllo a ela nunha cafetaría (a da Casa do Libro),
cando nos coñecemos persoalmente tempo atrás.
Contento porque Ledicia Costas é unha
persoa afable, agarimosa e coa cabeza moi ben asentada.
Contento porque Ledicia Costas escribe moi
ben, arrisca e non se acomoda endexamais no discurso literario fácil.
Contento polo tan querido para min Premio
Merlín, un certame que
non deixa de abrir camiños no
desenvolvemento da nosa LIX. E nisto, moito ten que ver Helena Pérez, a editora, tantos anos coordinando
cun acerto innegable os xurados do premio. Unha referencia esencial para todos
nós.
Un momento da presentación |
E estou contento, por fin, porque tiven a
honra de presentar en Vigo, no mes de outubro de 2014, este libro, na compaña
da editora, da autora e do ilustrador, Víctor
Rivas, que fixo un
traballo marabilloso de ilustración cunhas imaxes que lle acaen perfectamente
ao texto. Un gran ilustrador para un libro moi especial.
Resultara un acto festivo, con afectos varios
e moi doce (esas larpeiradas estaban exquisitas), onde a literatura foi o eixe
central do moito que alí houbo.
Felicidade completa, pois, co fallo do
xurado. Escarlatina ten moita vida por diante. Tena toda, pois os bos libros
viven eternamente.
E este éo, e moito.
Parabéns a todos os que participaron
neste fermoso proxecto. Tédelos ben merecidos.
Deliciosas larpeiradas |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO