viernes, 23 de octubre de 2015

"ALGUNHAS IDEAS PARA NON ABURRIRNOS COA ANÁLISE SINTÁCTICA", un artigo ben lúcido de MANUEL VEIGA.

Manuel  Veiga

Non vou incidir nos rasgos que definen a Manuel Veiga  tanto no persoal coma no intelectual.
     Leva escritos varios artigos para Versos e aloumiños, do que nos sentimos moi honrados os que diriximos este blog-revista, e o lector intelixente sabe moi ben por onde camiña.
     De aí que non quero repetir que Manuel Veiga é unha persoa coa que dá gusto conversar, sabe escoitar, respecta as opinión dos demais e ten unha lucidez moi evidente para analizar os múltiples aspectos que conforman a nosa sociedade.

     Este xornalista e escritor, ben crítico coa estupidez humana, ten unha paixón por riba de todas: a literatura.
     E como Manuel Veiga, lector incansable e esixente, ama a literatura, temos falado ben veces, arredor dun café e dun chocolate, da importancia da lectura literaria a todos os niveis, comezando por abaixo.

     Por aí van os tiros deste  magnífico artigo sobre o papel que desenvolven e deben desenvolver os mestres e profesores nas aulas se de literatura se trata. Sobre o que se debe e o que se fai. Sobre o nivel lector de moitos ensinantes.
     Un artigo crítico, xaora, pero que debe servir para reflexionar a todos aqueles e aquelas que imparten Lingua e Literatura nos centros educativos de todos os niveis..

     Lede e pensade  no espírito das súas afirmacións, dúbidas e sensacións que posúe o seu texto. Nada nel é gratuíto.




Algunhas ideas para non aburrirnos coa análise sintáctica

                                                                                                              
                                                       MANUEL  VEIGA


Teño a impresión, non sei se certa, de que o profesorado é máis proclive a centrar os seus esforzos na lingua e un pouco menos na literatura, aínda que ambos termos vaian xuntos na cuberta principal do libro. E sospeito a razón de que iso ocorra. As faltas de ortografía e todo o demais son medíbeis, permiten dar notas exactas, un 4,45, por exemplo. A literatura resulta infinitamente máis difícil de avaliar. Entran en xogo moitos factores e sobre todo, entran en xogo a creatividade e a subxectividade. Supoño que moitos profesores senten unha suor fría só de imaxinarse a un pai ou nai que lles discute a nota dunha redacción.
        
William Faulkner
          Pero, a literatura non só é máis difícil de cuantificar, sobre todo se non a reducimos, como se facía antes, a memorizar o título dos libros de cada autor e o seu lugar e data de nacemento, senón que obriga a ler. Talvez hai profesores que non entenden que, unha vez aprobada a oposición, aínda teñan que seguir lendo. Algúns deles escolleron a carreira por razóns que pouco tiñan que ver con Hemingway ou con Rosalía. É máis, nunca entenderon de que ía, en realidade, iso da literatura, máis alá das peripecias dun argumento e dunha serie de nomes propios.

Certo que algo parecido sucede probabelmente con calquera outra materia e en calquera outra profesión, pero eu falo aquí de literatura porque me sinto máis autorizado para facelo e quero defender a literatura fronte aos que, por suposto sen pretendelo, conseguen que o alumnado se aparte dela, probabelmente o resto da súa vida.

Creo realmente que as cousas se poden facer mellor, aínda respectando os programas obrigatorios de estudo. Creo que non hai por que saír do instituto odiando a literatura ou cando menos pensando que “é un rollo que non ten nada que ver comigo”. Creo que hai que ofrecer textos de calidade e interesantes. Claro que para iso teñen que existir claustros de literatura nos que se lea e se escolla. Non serve o deixarse guiar polo editor, polo que fan noutros centros, polo compañeiro porque “xa le el”. Non serve repetir cada ano o mesmo, aínda que se saiba que é un fracaso ou que o libro é pésimo. Non serve dicir que un xa está canso, porque nada cansa máis que levantarse cada mañá para repetir a mesma rutina.

Hai que saber, antes de nada, que a literatura é a vida, formulada dun modo interesante. Hai que explicar que a literatura é a forma máis completa e, ao mesmo tempo, a máis rápida de satisfacer a nosa curiosidade natural por coñecer outras persoas, incluídas as doutros lugares e doutras épocas.
Marcel Proust

A literatura evádenos, entretennos, pero, por comparación ou por contraste, tamén nos axuda a comprender a sociedade na que vivimos.
A literatura non sempre entusiasma ao primeiro golpe. Máis ben, debe seducir lentamente, porque o importante non é o que mostra senón a impresión diferente que provoca en cada lector. Por iso nos sentimos mentalmente crecidos despois de ler un bo libro.

Non creo que aprender a facer unha análise sintáctica sirva para moito. Si estou seguro, en cambio, de que a sintaxe é extremadamente importante, non só para escribir, senón para expresarse en xeral. A corrección sintáctica permite que nos entendan mellor e máis rápido. Tamén axuda, claro, ter un vocabulario amplo. Aquel que se expresa ben acada antes o seu obxectivo.

Algúns dos máis grandes escritores son tamén mestres da sintaxe. Faulkner ou Proust son capaces de redactar varias páxinas, sen puntos e aparte, introducindo múltiples incisos e digresións, e non obstante logran que nunca nos perdamos. Iso demostra que, máis importante que a puntuación e a ortografía, é a sintaxe, é dicir, o modo de ordenar as palabras e as frases. E iso apréndese, sobre todo, lendo. Gozando da literatura e, por suposto, como mellor se aprende tamén a lingua.

A literatura fálanos das cousas que pasan e faino dun modo que podemos chamar musical, sorprendente. Por que, entón, nos aburrimos tanto nas clases de literatura?