domingo, 4 de octubre de 2015

A "HISTORIA DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA", UN FITO QUE NON PODE NIN DEBE PASAR DESAPERCIBIDO.



Blanca- Ana Roig Rechou
“Deixando atrás unhas poucas mostras que constitúen a súa prehistoria e tendo en conta os xéneros literarios canónicos (narrativa, poesía e literatura dramática), pódese dicir que a literatura xuvenil galega se inicia con Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas; a literatura infantil cos contos de Carlos Casares que conforman A Galiña Azul, coa peza dramática, tamén de Casares, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e aínda co poemario Os soños na gaiola, de Manuel María.”
     

     Son palabras da profesora, filóloga e crítica literaria Blanca-Ana Roig Rechou a Lourdes Varela, xornalista de Faro de Vigo en maio do presente ano.
     O labor inxente e serio arredor da nosa LIX de Blanca-Ana Roig Rechou non merece máis que eloxios dende calquera punto de vista. 

     

Traballando cun grupo de persoas moi interesadas e cualificadas no tema, deu ao prelo varios libros monográficos sobre múltiples aspectos da literatura para nenos. Entre outros: Inmigración / Emigración na LIX, A memoria das guerras na literatura infantil e xuvenil galega, Poesía infantil e xuvenil en Galicia, Premios literarios e de ilustración na LIX, A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil, Multiculturalismo e identidades permeábeis, Seis chaves para entender mellor a LIX no século XXI…Achegas moi serias, que xa forman unha base sólida para que se poidan levar a cabo futuras investigacións, algo que non había ata o de agora e que se precisan nunha literatura normalizada.

     Acaba de aparecer, para satisfacción de estudosos e interesados no tema, un volume coa Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (Edicións Xerais), traballo de investigación coordinado por ela. Un traballo conxunto no que participa un grupo de profesionais vinculadas á LIX e formado por Eulalia Agrelo, Pilar Bendoiro, Mar Fernández, Carmen Ferreira, Isabel Mociño, Marta Neira e Isabel Soto quen, con Blanca-Ana, organizan secuencialmente en séculos, seguindo a metodoloxía establecida polas teorías sistémicas e as achegas doutros paradigmas teóricos.
     

     Dividido en seis capítulos o traballo,ben profundo, fai un percorrido historiográfico no que se describen as diferentes etapas existentes na constitución do sistema literario infantil e xuvenil, atendendo aos factores e axentes que propiciaron a súa conformación e asentamento, e á análise das obras dos xéneros literarios canónicos.
     
     No capítulo I, abórdase un período que vai da Idade Media ao século XX.
     
     No capítulo II, fálase do século XX. Dende 1900 até 1950. Aí atopamos o contexto e discurso galeguista, as primeiras manifestacións e ruptura, e a guerra civil española: algunhas obras durante e despois da mesma.
     
     O capítulo III abrangue o século XX, dende 1950 até 1980. Destaca o labor das asociacións e dos movementos de renovación pedagóxica e cultural, as mudanzas do sistema educativo,publicacións periódicas e labor editorial. É este un capítulo amplo no que se dá conta da produción literaria nesta época que foi moi rica.
    

     O capítulo IV céntrase no século XX, dende 1980 até 2000. Ademais doutros temas aborda o asociacionismo e outros axentes divulgadores e promotores, os premios literarios e os novos soportes coa irrupción das Tecnoloxías da Información e da Comunicación.
     En todos estes capítulos fálase dos autores e autoras dos diversos xéneros canónicos e da banda deseñada e a pegada que van deixando no desenvolvemento da historia literaria infanto-xuvenil.

     Idéntica estrutura presenta o capítulo V que se centra nos anos que van dende 2000 até 2012. Aquí aparecen as denominacións das diferentes xeracións:  Xeración do 68, dos 90 e a Xeración Google. Baixo estas premisas faise a análise crítica.

     Cerra o libro o capítulo VI. Para saber máis. Bibliografía, webgrafía, índice onomástico e un breve currículo das redactoras.


     Estamos de noraboa. Xa hai un punto de partida. Cara aos anos vindeiros os investigadores e investigadoras teñen unha ferramenta fundamental para continuar os seus traballos e afondar no corpus literario.
    

     Non sei se se valorará na súa xusta medida este volumen, que a nós nos emociona. Si, falo de emoción, porque nos permite saber de onde vimos, que está a ocorrer mentres escribimos, ensinamos, ilustramos…ou sexa, creamos, e cara a onde nos diriximos. Un proxecto este, excepcional, polo seu rigor científico, pola necesidade que había de estruturar algo que naceu cunha forza infinita e podía levar ao desconcerto; para saber, en definitiva, cales son as liñas de creación literaria para nenos e mozos dunha literatura, a nosa, que posúe un prestixio indubidable.
     
     Blanca-Ana Roig Rechou e o seu grupo de investigadoras poden sentirse satisfeitas. Tempo atrás ían poñendo pedras moi importantes, case sen faceren ruído,  no edificio literario galego (e portugués , que iso é outro dos seus grandes logros: abrirse ao país veciño e colaborar cos seus especialistas); pedras moi necesarias. Con este traballo o edificio posúe xa unha fachada e un interior dunha solidez indiscutible.
     
     
Unha tarefa exhaustiva realizada con humildade, en silencio, pedindo esmolas ás institucións, cunha dedicación máis que xenerosa, impartindo cursos, organizando congresos, estas persoas acaban de escribir unha das páxinas máis importantes da LIX galega. E lamentablemente sen demasiados medios. Tampouco quero  esquecer a aportación de todas elas á modélica revista galaico-portuguesa, Malasartes, unha xoia de edición dirixida polo grande estudoso e magnífico poeta Jose António Gomes, e da que Roig Rechou é a subdirectora.

     Na mesma entrevista, Blanca comentaba  que “a nosa LIX ten historia, aínda que sexa breve, dado que se formou en pouco tempo e de forma moi intensa, por iso foi difícil elaborala. Falta perspectiva. Pero o importante é que aí está, que é unha achega útil para saber o que hai, para axudar ás seleccións e para invitar a traballar, a investigar. Creo que con esta obra se demostra que a LIX debe ser atendida desde o ensino superior para que tamén así o sexa nos tramos primeiros da formación do lector competente”.

Nun acto con José A. Gomes e AGT en Compostela.
    Totalmente de acordo con esta manifestación. Non se pode ser máis clara.
Así que estamos diante dun libro imprescindible que debe estar ben preto de todos nós. Un libro para consultar, para comprender, para saber o que houbo e o que hai. Un libro verdadeiramente excepcional.

         Grazas, moitas grazas por tan fermoso agasallo e parabéns!

                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO