miércoles, 21 de octubre de 2015

A LUZ DAS PALABRAS ( 46 ). David Otero





Quero moito a David  Otero.
     
      Uniunos a posta en marcha da colección Árbore da editorial Galaxia,  hai xa ben anos. Tempos felices, aqueles. Tempos cheos de ilusión compartidos con Pilar Sampil, Mª Victoria Moreno, con Manuel Janeiro e o gran Carlos Casares. Unha experiencia inesquecible.

David Otero
      David Otero foi sempre un loitador. Unha persoa moi creativa e eficiente. Un magnífico investigador. Alguén moi comprometido coa causa de Galicia e coas aquelas institucións que axudan a facela máis grande.
     
     David Otero escribe moi ben. Ten unha gran capacidade fabuladora, ademais dunha vea poética lúdica e enxeñosa.

     David Otero é para min un prestidixitador das palabras. Con elas xoga. Nelas  busca os dobres sentidos. Delas tira o seu espírito para poñer  o enxeño e que os lectores se enriquezan coa súa proposta literaria.

          E David Otero é (aínda que estea xa xubilado) un docente exemplar, querido polos seus alumnos e alumnas debido a ese agarimo co que rodea a todos os que están próximos a el.
David Otero  (Foto La Voz de Galicia)

          David Otero tiña que estar neste espazo, A luz das palabras, por méritos propios. Admíroo e quéroo, xa o dixen.
     
     E David agasallou a Versos e aloumiños, un texto precioso sobre algo que lle vén preocupando dende sempre: a biblioteca.
     
     Así que, por fin, e con gran ledicia xa temos a David Otero nunha sección moi querida polos que facemos  este blog-revista.

     
           Gozádeo.





A BIBLIOTECA, LUGAR DE SABER E FACER

                                                                      
Lugar de saber porque alí nese espacio, controlando  sempre por onde está a saída,  coa mesma claridade de como entramos, imos todas e todos polos camiños que nos explican  os nosos desexos. Imos cos amores fáciles e tamén cos difíciles. Atopámonos.

E alí explicámonos podendo sufrir alegremente moitas metamorfoses. Alí podemos viaxar ás orixes e coñecer segredos de todos os tamaños e de todas as formas.Alí sentimos o amor doce da lectura. Da lectura  que nos busca por todos os lugares da man dos soportes que alí hai ( sobre todos os libros).

Nese taller de soños, díghoche, que a lectura nola poñen doada. E nola poñen , no ler primeiro e no reler, as bibliotecarias, os bibliotecarios, as bibliocolaboradoras, os bibliocolaboradores, Todo a unha oferta xenerosa, curiosa, preciosa…amorosa. In situ e on line.E é así porque alí na lectura como bomba de reparación intensa , anunciando e denunciando, escribindo e reescribindo nos nosos pensamentos, recreando e creando,  na forza e sinxeleza de todo o que vivimos, debuxamos imaxes multiplicadas, portentosas ou espantosas. Sempre   marabillosas.
 
David Otero con Ramón Chao
Lugar de facer porque alí xogarás seriamente sen pretensións de lle gañar a ninguén.Sen romper con ninguén.Farás dos desexos unha necesidade interior.Buscarás sempre e moitas veces atoparás algo porque alí están os libros eses soportes inmedibles para vivir as vidas que queiramos porque cos libros teremos e notaremos presenzas, recordos e ausenzas.


Cantos modos de ver… !. E sempre costa arriba ou abaixo, sen ou con freos.Como amantes. Pois cada quen é quen é… para ser mellor, para non falsear nada, pois afondamos nas nosas emocións a toda pastilla coas autoras e cos autores para vivirmos intensamente nos libros os acordes das palabras activadas polas forzas das nosas lecturas.Abrázanse os corazóns. E cantas mentiras marabillosas confesamos… !

Na Biblioteca o noso mundo non se acaba.Sempre haberá unha lectura útil.Mesmo cando peches o libro na segunda páxina porque non che gusta.Pero…hai que ver como quedarán os libros logo de lelos…!

                                                                                                                   david otero , escritor

Un pracer estar ao seu lado...