martes, 9 de abril de 2013

AGASALLOS DYLANIANOS




De verdade que hoxe non vou falar de Bob Dylan. E prometo, ademais, non facelo ata dentro de moito tempo.
A min encántame regalar libros, discos e todo aquilo que ás persoas que quero lles poida facer ilusión.
Non o vou ocultar. A min tamén me gusta moito que me agasallen algo, se ese obsequio procede do agarimo que os amigos e amigas me poidan ter.
Moita xente sabe que son un obsesivo dylanita. Colecciono todo aquilo que teña que ver co vello Bob. Dende chaveiros, badgets, libros, picture-discs, rarezas en compacto ou en vinilo, camisetas, fotos, entrevistas, viseiras, adhesivos, edicións especiais dos seus discos etc.
Jordi Sierra i Fabra, amigo e irmán en Dylan, deixou por escrito, nunha dedicatoria que o estaba espoliando. Que esaxerado! Aínda que algo de razón tiña (e ten).
Sei que ao meu amigo Aute lle gusta, pero mantén que o mellor autor de cancións é John Lennon. Sendo un dos meus músicos favoritos o exbeatle, afirmo que Bob Dylan é mellor compositor ca el. A Luis Eduardo non lle parece así, porén , fainos rir a discusión. Eu amo a Lennon.
Paco Ibáñez, o meu mestre, pono verde dun tempo a esta parte. Di que perdeu as esencias do que era nun principio. Unha especie de traidor. Non estou de acordo con el, pero a Paco permítolle o que queira dicir de calquera. É a persoa do mundo musical máis auténtica  e consecuente coas súas ideas que coñezo.
Moitos falan de que Dylan é un ser antipático, desagradable e moitas outras cousas. Admítoo. Ten moitas contradicións e rarezas. E quen non? Pero digo, tamén, que Bob Dylan chegou a crear un personaxe para protexer a Robert Allen Zimmerman. Está canso de que o queiran facer bandeira de todo o que ocorre neste mundo. E el négase. Só quere cantar.
Non falo máis, porque me estou a pasar xa.
Nesta entrada, vou poñer os diversos agasallos relativos a Dylan que fun recibindo. Pódense admitir máis, por suposto.  Así que os irei comentando para gozo meu e de quen tiveron a amabilidade de obsequiarmos. Grazas a todos e a todas por serdes tan detallistas comigo.
Non cambiedes, por favor.
A ver que vos parecen. Cando menos son unha curiosidade.


AGASALLOS DYLANIANOS






Susi, a miña muller é quen me compra os discos oficiais que están saíndo.
Cando estivo de viaxe en Berlín ou en París, non estamos seguros, trouxo esta
orixinal litografía que, enmarcada, loce no meu estudio de traballo no terceiro andar.

Gústame moito a súa concepción. Do máis curioso en retratos dylanianos.


Se imos a calquera concerto onde toque Bob Dylan, temos un pacto. Dende a primeira vez que o vimos en Barcelona, Susi cómprame unha camiseta oficial.
Cumpre a súa palabra fielmente e xa teño unha boa colección delas.
Noutras ocasións, encárgame algunha se ve que é bonita e que a min me pode gustar.


Estando nos EE.UU, meu fillo, Antón, e a súa muller, Erin, unha persoa tenra e sensible, leváronnos a unha pequena vila. Entraron nunha libraría para ver libros antigos (son basatante bibliófilos) e saíron cun libro envolto en papel de agasallo. Dixéronme que non o podía abrir ata o 13 de agosto, xa en Galicia, e o día do meu aniversario atopeime con este libro que desenvolve a vida de Dylan en imaxes e a fermosa canción Forever young. Con Antón comparto unha paixón desmedida pola música.


Conseguir o "Unplugged" en vinilo custoume moito. E non a conseguiría se non fose pola insistencia de Antón. Con el completei toda a colección dos vinilos oficiais de Bob Dylan. Ademais, colaborou na consecución doutros álbums e agasalloume un disco que, daquela, só se podía atopar nas cafeterías "Starbucks", e a versión de Love Sick que editou a empresa de lencería Victoria´s Secret.


Noa, a miña filla, e Javi, o seu mozo, saben a ilusión que me fai calquera detalle que teña que ver con Dylan.
No meu 60 aniversario, fixéronme un agasallo especial. Mercáronme unha reprodución da célebre harmónica Hohner, da serie coa sinatura do artista gravada sobre a foto dun Dylan novo. Sentín unha gran ledicia. Eu estaba disposto a mercala na súa tenda oficial on-line. Eles insistiron en que agardase e as cousas saíron perfectas. O día 13 de agosto recibía o valioso obsequio.Ademais, xa me regalaran un libro con fotos moi fermosas sobre Bob Dylan. Javi Ruiz, líder do magnífico grupo Trestrece, conseguírame anteriormente uns adhesivos e unhas tarxetas oficiais de identificación do backstage dalgúns concertos do cantante.Mercounas a través da Internet.

Nesta Semana Santa, estiveron en Vigo e entraron nun comercio de roupa. Aparecéronme cunha camiseta de Bob Dylan. Noa, cada vez que viaxa, se ve algo dylaniano tráemo, como fixo cunha tarxeta que representaba o cartel dun concerto do xenio de Minnessota. A verdade é que son dúas persoas marabillosas.


 Con Oita podería estar horas e horas falando de música.
Con Oita podería estar horas e horas escoitando cancións. Temos uns gustos moi semellantes. Oita é un artista. Así de claro. E moi xeneroso, como dixen noutro artigo. Oíta acaba de agasallarme cunha peza maxistral. Chámase Dylanita e consta dunha figura dun mozo (non son eu, por suposto) cunha camiseta coa faciana de Dylan. A figura está sobre unha base e un rectángulo de madeira, no que se reproducen uns versos da canción Like a rolling stone, coa letra manuscrita de Bob Dylan.Unha composición orixinal e fermosa.


Uns anos antes, fíxome outra obra mestra.
 Esa guitarra de cerámica é un dos meus tesouros dylanianos. Tirado o debuxo dun dos volumes Escritos, canciones y dibujos de Bob Dylan, non se pode facer mellor. É unha marabilla, que Oita realizou cun agarimo e unha mestría excepcionais. Non lle falta un detalle, mesmo cando encargou o soporte de ferro que lle dá unha vida incrible.
Eu non me canso de ver esta obra. Pásame como coa caixa da Hohner. E unida a guitarrra á composición xenial de Dylanita nunca esquecerei o agarimo que este artista me demostrou.








E por se fose pouco, aí tedes a folla das cancións que Bob Dylan e o seu grupo tocaron en Vigo no mes de xullo de 2008.
A folla atopouna un amigo de Oita no escenario ao rematar a actuación do vello Bob.
Como sabía que a Oita lle gustaba Dylan, deulla. Contoume o detalle. Eu non dixen nada. Simplemente referinme á sorte que tiña. Uns días despois, Oita díxome: "Vouche deixar en Elepé, a folla do concerto. Ti es máis amante de Bob Dylan ca min".
E así foi. Uns días máis tarde Suso deume un sobre co folio que aparece á esquerda. Pódese ser máis xeneroso?









Mari Carmen Barciela, compañeira e amiga do colexio, sorpréndeme  con este libro de banda deseñada, Bob Dylan Revisited, e non é doado, porque procuro estar ben informado das novidades sobre Dylan.Nesta obra, editada por Norma Editorial, trece debuxantes adaptan ao cómic o mesmo número de cancións do bardo americano. Son os temas preferidos de cada un deles e con este libro o xénero da banda deseñada entra na lenda de Bob Dylan.Que acerto!





Merco en Elepé, a miña tenda de discos favorita, discos dende hai máis de trinta anos. Hoxe en día, Suso Hidalgo é o seu propietario.
Amante da boa música, en Elepé atopas vinilos e cedés moi especiais. Eu levaba vendo un picture-disc durante moitos meses, mellor anos.
Quixen mercarllo varias veces ou trocarllo por algo que a Suso lle conviñese. Nel víase a Bob Dylan cantando nun concerto con Tom Petty. Fascinábame a idea de telo na miña casa. Non foi posible ata agosto de 2013. Cando cumprín os sesenta anos, Suso deume a alegría de regalarmo. Por detrás vese a Bob cantando el só. Hoxe loce nun andel da sala de estar como se ve na fotografía.




Xulio García Rivas, ademais de amigo, é un pintor da máis alta calidade.A súa obra resúltanos engaiolante.
Con el e con Alicia, vivimos momentos dun afecto difícil de describir.
Na nosa casa temos obras de Xulio, que dan carácter aos distintos lugares nos que se atopan.
Ambos forman unha parella exemplar e entrañable. Agora viven na Coruña e xa fomos dúas veces  pasar unhas fins de semana moi agradables.Son amigos íntimos. Son persoas que alimentan o espírito.
Un día, díxome Xulio que tiña algo para min. Aínda algo máis? -díxenlle.
E apareceume cun retrato de Dylan, recreado dixitalmente mesturando cores e creando unha obra que me emocionou. Con dedicatoria dylaniana e todo. Un orgullo tela na casa.



Se alguén comprende a miña poesía como ninguén ese é Xosé Cobas.
Quen coñeza a miña bibliografía verá o enorme talento que posúe e un bo número de poemarios que ambos temos xuntos.
Xosé Cobas fai poesía co pincel.
Sen que eu lle diga nada, interioriza os meus versos e as súas ilustracións viven en conxunción co poema completo.E logo agasállame unha ilustración. Este é o caso do orixinal que fixo sobre Bob Dylan para o libro Palabras envoltas en cancións. E agora, enmarcado, ocupa un espazo na parede para que gocemos del. Grazas, mestre

Paco e Margarita son uns amigos cataláns aos que queremos moito. Tras pasar uns días en Vigo, ao chegar a Barcelona atoparon este libro do que xa falamos antes, Bob Dylan Revisited. O cómic que traía as versións de 13 cancións de Dylan desenvolvidas por trece debuxantes de enorme calidade. Cun prólogo de Jordi Tardà, aparecen cancións como Blowin´in the wind, Lay Lady Lay, Like a rolling stone, Hurricane, Desolation row, Not Dark Yet ou Knockin´on Heaven´s Door. Acompañado dunhas fotos realizadas en Galicia e dedicado cun enorme agarimo.

Olga, amiga e compañeira, sabe da miña loucura por Dylan. cando pode sempre ten un detalle que eu lle agradezo. 
Con motivo dunha viaxe a Londres, tróuxome esta composición de tres fotos en branco e negro do meu cantante-poeta favorito.
Foi toda unha sorpresa e un detalle de cariño. Púxenlle un marco e aí, na parede, fica a súa pegada.





Rafael Cruz-Contarini é un poeta sevillano.
Rafael, ademais de gran poeta, é un dylanita confeso.
Xuntos, Rafael e mais eu fixemos un poemario a medias, a través dos correos electrónicos. Eu enviáballe uns versos e el remataba o poema. Logo, ocorría ao revés. Foi unha experiencia fascinante.
  Gañamos o Premio de poesía infantil Luna de Aire, con ese libro de poemas que se chama Estelas de versos, un certame convocado polo CEPLI (UCLM).
Como amantes de Bob Dylan (o outro día falei por teléfono con el e díxome que o escoita todos os días), pois compartimos as venturas e desventuras de Bob. Amamos as súas cancións e gozamos delas.Cando saíu a película excelsa de Martin Scorsese, No Direction Home, Rafael non tardou en enviarma cunha dedicatoria moi agarimosa.
Un dobre DVD que, segundo David Fricke, da revista Rolling Stone "A odisea definitiva do rock and roll...Maxistralmente dirixida por Scorsese, supón a electrizante narración dunha vida sen precedentes".



Un día escoitei que un cantante asturiano, Toli Morilla, gravara un disco de homenaxe a Bob Dylan cantando unhas cancións súas en asturiano. Teño cancións do mestre en bastantes e variadas linguas. En bable, non. Por iso púxenme en contacto coa miña admirada Rosa Serdio, unha mestra, unha dinamizadora exemplar. Comenteille o tema e en menos de tres días tiña o disco na casa. Unha rareza máis do mundo dylanesco.
Graciñas, Rosa.






Deixei para rematar un home excepcional. Amigo, irmán en Dylan, un pioneiro da divulgación e difusión da música en España. Aínda que algúns o queiran silenciar, aí están os seus libros para demostrar o que este home fixo por amor ao rock. E fíxoo honestamente, como é el, dun xeito entusiasta e intelixente, dende a radio e os medios escritos nos que foi de todo.  Falo, claro, de Jordi Sierra i Fabra. A el débolle o coñecemento máis fondo dos músicos máis importantes da época. E a paixón por Dylan seguiu vencellándonos ao longo dos anos. Con Susi e Jordi, escoitei no Pueblo Español de Barcelona a Bob Dylan. Que experiencia! O final do concerto resultou emocionante. Agarrados os tres da man, cantabamos coas bágoas nos ollos a canción Like a rolling stone.Dese momento, naceu Concierto en Sol Mayor, libro que gañou o Premio Joaquim Ruyra en 1996 e que nos dedicou aos dous.Un pouco despois, aparece Buscando a Bob, outra novela de tema dylanesco, na que un mozo sae de Vigo para ir ver un concerto deDylan en Barcelona. Esta novela dedícama no libro a min, e chámame irmán en Dylan e na literatura. Cando pasabamos uns días de verán na súa casa de Vallirana, a súa xenerosidade permitiume facerme con exemplares únicos de libros sobre Bob Dylan. El mesmo dicía que o día que chegásemos a Vallirana agocharía todo aquilo que eu lle puidese espoliar. A miña fama de espoliador dos libros e casetes que el gardaba chegou moi lonxe. Teño moito que lle agradecer a Jordi. Como amigo, como mestre musical e como o grande escritor que é. A miña vida irá decote vencellada ao seu amor por un dos máis grandes. Nestes intres, temos un libro feito a medias sobre cancións de Bob Dylan. El escribiu relatos a partir dos seus temas e eu, poemas a partir de versos escollidos. Pódese comprobar en todo isto o que o xenio de Minnessota significa para os dous.


Ben, pois ata aquí chegamos. Vós, lectores, podedes xulgar se vos parece interesante ou non. Pero supoño que podedes entender que son anacos dunha vida chea de pequenas emocións, esas emocións que nos permiten darlle sentido aos nosos comportamentos.


                                                                 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO