viernes, 6 de junio de 2014

ACHEGAS Á VIDA E Á OBRA DE DÍAZ CASTRO EN "CADERNOS RAMÓN PIÑEIRO".



     Acabo de recibir o número XXIX  dos “Cadernos Ramón Piñeiro”, que edita o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
      
     Difícil é para min expresar o labor que está a realizar esta institución arredor da literatura galega e doutras disciplinas. Son todos os seus, traballos dun interese excepcional, que descobren recunchos salientables da nosa cultura que, demasiadas veces, pasan desapercibidas malia o seu indubidable interese.
     
      O volume que nos interesa hoxe está todo elo dedicado á figura e mais a obra de Xosé María Díaz Castro, poeta a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E leva por título, Nimbos: cáliz fervendo!
      
      Extraordinaria e completa monografía sobre o poeta de Guitiriz, un autor descoñecido para a maioría dos galegos e que ten unha importancia ben grande no eido das nosas letras.
      
      Este número, o XXIX dos “Cadernos Ramón Piñeiro”, xunta artigos, achegas, estudos, ensaios, lecturas, feitos por investigadores, críticos ou profesores: mestres do saber.
       
     Na PARTE I, Arcadio López-Casanova e Andrés Torres Queiruga reflicten nos seus escritos, con visión de totalidade estelar, a arquitectura e a dimensión transcendente de Nimbos.
     

      Na PARTE II, a máis extensa, teñen asento moi doado bastantes textos – de mestres de saber – espléndidos, do mellor que até hoxe -  mañá xa se verá – se pode ler, concorde co que adoitamos dicir cando dicimos rigorosa divulgación. Especialistas como Darío Xohán Cabana, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Fernández Ferreiro, Franco Grande, Xosé Luis Axeitos, M.Forcadela, Pilar García Negro, Olga Novo, Armando Requeixo, Chus Pato, Mario regueira, Claudio Rodríguez Gfer, Daniel Salgado, Mercedes Queixas ou Francisco X. Fernández Naval, entre outros, aluman un mundo apaixonante literaria e humanamente de Díaz Castro.
      
     E vou salientar aquí, o artigo dun autor a quen quero e admiro: Francisco Xosé  Fernández Naval. Leva por título “Nimbos: a espada e a beleza”, e, partindo do título do último poema do poemario, “Coma unha espada”, fai fincapé no emprego da conxunción comparativa  en varios poemas deste libro, xa dende o título: “Coma ventos fuxidos” e “Coma brasas” que pertencen a PÓRTICO; “Coma un anxo airado”, penúltimo poema do epígrafe NOITE; “Coma un río” e o segundo dos tres que forman SOÑO; “Coma unha escada”, “Coma unha insua” e  “Coma unha espada”, que pertencen ao último apartado, FERIDA.  E engade Fernández Naval: “En todos eles o autor propón a identificación entre o elemento designado no título e tamén recollido no poema, e un aspecto esencial, normalmente íntimo, da natureza, vida ou do pensamento do poeta”.
      
F.X. Fernández Naval. (Foto de Maribel Longueira)

     E segue Fernández Naval analizando estes poemas, un por un, indicando que “os fragmentos do ser pérdense coma fuxidío vento de amor, salvados por un anxo, no primeiro caso; no segundo, as palabras que representan as perdas arden como brasas e manteñen a calor das cousas amadas; o anxo airado do terceiro convida a loitar contra a confusión das sombras na sombra, confirmada a calidade efémera da gloria”. Así, sucesivamente, penetra nas entrañas dos poemas con reflexións dunha lucidez evidente.
      
     Gústame a afirmación que fai cando di que “Díaz Castro sente a ferida mortal porque intúe e comprende. A beleza feriuno para sempre a través da fe e do coñecemento. Coñecer ten, tamén, un dobre valor, o do gozo e disfrute das cousas marabillosas e seres entrañables cos que convivimos e, ao tempo, a certeza de que elas e eles, coma nós, son fuxidíos, condenados a desaparecer (…)”.
      
Xosé Mª Díaz Castro

     Sabemos que Xosé María Díaz Castro, que se formou no seminario, escribiu unha poesía na que a relixiosidade e a fe están presentes. Fernández Naval afirma que “porén, a súa capacidade expresiva, a fondura con que reflexiona sobre a condición humana, a proximidade de cada  un dos poemas a esa beleza da que el fala, permite a calquera lector, crente ou non, achegarse e dialogar cos versos, gozando da súa luminosidade e sensibilidade, compartindo eses nimbos, que son, tal como el di, coma cinzas de rosas”.
      
     É este un volume imprescindible para coñecer os sentimentos máis profundos de Díaz Castro, a súa poética e a relación tan estreita entre a súa vida e a súa obra.
      
      Felicitar fondamente a Luís Cochón (editor), a Luís Alonso Girgado (coordinador) e a Laura Mariño Taibo (pola colaboración), por este volume tan necesario. E salientar as pinturas de Xulio García Rivas, que, dende a cuberta ata as páxinas interiores, proporcionan ao libro un carácter plástico e artístico dunha calidade excepcional.
      Remato estas liñas co poema, derradeiro de Nimbos, ao que F.X. Fernández Naval fai alusión.
                              
      COMA UNHA ESPADA

Tódolos ríos pasan pola miña
Unha das pinturas de Xulio Gª Rivas que atopamos no libro.
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.

Ó traveso da escura teadaraña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.

En cada voz eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire coma espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.

E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡pro no enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.


                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO