Mostrando entradas con la etiqueta andrea maceiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta andrea maceiras. Mostrar todas las entradas

jueves, 23 de octubre de 2025

XVII PREMIO JULES VERNE DE LITERATURA XUVENIL: Entrevista con ANDREA MACEIRAS

 




Neste ano 2025 a escritora Andrea Maceiras recibiu o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil na súa XVII edición, cun texto que, como ela di na entrevista que podedes ler deseguido, “é no fondo, unha homenaxe aos clásicos da LIX xuvenil”.

 

Andrea Maceiras



Velaquí a entrevista a unha das escritoras máis interesantes do panorama da LIX galega co gallo do premio. (Fonte Edicións Xerais)







martes, 25 de mayo de 2021

FAÍSCA (9) "Dous excelentes Premios Xerais: Santoamaro e A folla azul"

 




Remato unha enorme novela do escritor colombiano Juan Gabriel Vásquez, Volver la vista atrás, na que nos conta as lembranzas do cineasta, Sergio Cabrera, sobre os feitos que marcaron a súa vida e  do seu pai, Fausto Cabrera. Magnífica. Pero aquí non remata a boa literatura porque me agardan dous libros moi atraentes.




Están sobre a mesa dous Premios Xerais  - o Merlín e o Jules Verne – que, tratándose de dous dos escritores que máis me interesan da actual LIX galega, Antonio M. Fraga e Andrea Maceiras, leo cun gusto tremendo.

Antes, sinalar a importancia dos Premios Xerais ao longo de tantos anos, que revitalizaron a literatura galega e abriron canles ata ese momento moi pechadas. Sempre é un pracer ler estes galardóns.

 

     Antonio M. Fraga escribiu Santoamaro co que obtivo o galardón do “Jules Verne”. O escritor de Nogueirosa preséntanos unha novela impactante tanto na súa forma como no seu fondo, e no desenvolvemento da mesma. Concibida como se dunha obra teatral se tratase, o escenario é a Praia de Santoamaro, un lugar onde unha cuadrilla de mozos e mozas se xuntan nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar.

Nese escenario, cunha linguaxe moi axeitada, móstranos as relacións afectivas que existen entre eles. Ao longo das noites van aparecendo as personalidades dos compoñentes da cuadrilla que, paseniño, van amosando as distintas formas de amizade, os segredos que agochan, as súas filias e as súas fobias.

Eu, como lector, síntome espectador privilexiado do que nese lugar acontece. Síntome case partícipe das actitudes humanas que representan e intento comprender a cada un deles. Cunha ben calibrada intensidade dramática, a historia nos presenta un fresco máis que intresante do que senten e padecen eles e ellas arredor dunha amizade complexa. Emocionante, dura e valente, Antonio M. Fraga demostra con contundencia un coñecemento profundo do ser humano, sempre tinguido das contradicións. Un acerto pleno.

 

     O Premio Merlín, gañouno Andrea Maceiras con A folla azul e ben que me alegro. Esta narración, contada cunha delicadeza exemplar, preséntanos a Husu Aké, unha rapaza que é membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verdadeiro. Coa complicidade da súa avoa Arumi, a protagonista vai coñecer a degradación da natureza por parte dos seres humanos, sen escrúpulos, e terá que emprender unha aventura para acadar “a folla azul” e así poder salvar a tribu da epidemia que padece. Husu Aké ten un don e non pode perdelo. Para iso terá que vencer moitas dificultades porque os Kuben, “os homes malos” teñen moito poder e non llo van poñer doado. Sempre ao asexo, estes personaxes son molestos, ruidosos e destrutivos.


 

     A folla azul é un alegato contra a destrución do mundo verde –a Amazonia, por exemplo- e a prol das tribus indíxenas que o levan habitando dende os inicios dos tempos. Digo que é un alegato pero é, ao tempo, literatura pura e de calidade. Contada en primeira persoa, esta novela ten todas as características da boa literatura, con lendas, mitos, narración oral, historias sobre a luz e a escuridade, cun bo número de costumes e tradicións dos pobos indíxenas e a súa importancia no equilibrio do mundo, ademais da defensa da súa identidade nunha nota ao final do libro, por parte da autora: “Esta novela -escribe Andrea- pretende ser unha humilde homenaxe a todos eses homes e mulleres que nos demostran que outro modo de vivir é posible e que non se trata dun ideal, senón dunha realidade que sucede aquí e agora”.

Dous libros diferentes escritos cunha sensibilidade que emociona, porque autor e autora, aman fondamente o ser humano.

Un luxo.

 

                                                                                                          Antonio García Teijeiro


jueves, 10 de octubre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (4): "Conta nove estrelas", de Andrea Maceiras


O lector nunca deixa pasar a oportunidade de ler cada nova obra que Andrea Maceiras tira do prelo. E Conta nove estrelas Non ía ser a excepción. De feito, non o foi. Gústalle ao lector o mundo literario desta escritora coruñesa que ateiga de humanidade cada novela que publica.

     Por iso, o lector deixouse levar, como viaxeiro dunha nave espacial da Galaxia de Oma, pola aventura que viven dous seres – tres, en realidade - que os vai levar a desafiar os límites do universo coñecido.

    
O lector viviu ben interesado nun libro de aventuras intergaláctico. E axiña comprendeu que Quepi, Udai e algún personaxe máis rematarían tocando a súa fibra sensible cando a acción comezase a desenvolverse.

     Xa no principio aparece a figura do avó dos rapaces, Acasi, que vive con eles en Dot, un planeta tan bonito coma inhóspito onde ninguén quere quedar.
E aí xa comeza a tenrura que a autora expresa cara a esas persoas maiores que tanto dan e demasiadas veces tan pouco reciben.

     O lector sempre amosou un agarimo especial polos anciáns e anciás. Prodúcenlle esa tenrura que Andrea Maceiras mostra nesta novela.

     Pero cando o lector coñece a Quepi, fica engaiolado polas características desta rapaza marabillosa que pensaba que non era quen de percibir a natureza e angustiábase por iso.

     Quepi é unha nena diferente que conversa coas rusgalias e a quen lle gusta sentirse libre de cando en vez. En soidade, agochada, ocúpase das cousas do fogar mentres Udai e o avó marchan traballar.

     Quepi, pensa o lector, representa a diferenza. Ser diferente é un problema en calquera sociedade. E a nena da melena turquesa, érao e desexaba ser útil por unha vez na súa vida. Sentíase monstruosa e torpe e sufría porque pensaba que todos tiñan que cargar con ela.

     E foi o bobó, un animal perseguido e teoricamente destutivo, quen vai cambiar boa parte do comportamento de Quepi. Mais tamén lle dará enormes problemas que irán superando xuntos.

     O lector participa activamente nos diversos atrancos que os protagonistas teñen que superar. Activamente porque sente no seu interior a necesidade de botarlles unha man e que deixen de sufrir perante tanta circunstancia adversa.

     O lector, coma os protagonistas da novela tamén queren chegar á Estrela Dormente. Quere coñecer a historia dese pobo antigo como o Universo. Ese pobo pacífico que vivía en paz e foi atacado polos habitantes dun planeta veciño e tivo que elixir entre loitar e fuxir.

     E ao lector véñenlle á mente traxedias de pobos que ao longo da historia tiveron que sufrir o éxodo das súas terras.

     O lector séntese triste e, á vez, feliz de comprobar que na Estrela Dormente hai vida, lugares por descubrir e posibilidades para seguir soñando.

     E aí, nese lugar, a diferenza de Quepi anteriormente, Udai séntese verdadeiramente raro. E non quere deixar pasar a oportunidade de ser, por unha vez, o diferente.

     O lector emociónase cando cara ao remate do libro le: “Que sempre exista algo que nos faga diferentes, pero que nunca esquezamos que todos provimos dun mesmo, enorme e único latexo.”

     O lector pecha o libro. Pensa nas diversas reflexións do mesmo e volve ser feliz e non sabe se, por influencia da novela, está a sentirse diferente el tamén.


lunes, 25 de junio de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (48) "O que sei do silencio", de Andrea Maceiras







TÍTULO:  O que sei do silencio


AUTORA:  Andrea Maceiras




EDITORIAL:  Edicións Xerais.  COLECCIÓN: Fóra de Xogo




Estiven ata  ben entrada a madrugada para rematar unha historia que me seduciu moito. Non fun quen de abandonala ata que acabei a derradeira liña, a derradeira páxina.

     Andrea Maceiras escribiu unha novela máis que interesante: O que sei do silencio, finalista do Premio Raíña Lupa, 2017. Un relato estremecedor sobre o  acoso escolar. Non é doado aportar matices novos ás historias sobre este tema que están a proliferar na LIX actual, pero Andrea Maceiras conseguiuno. E fíxoo a través da estrutura e da figura de Delia, unha acosadora pasiva con Silke coma vítima, unha rapaza sueca recén chegada ao instituto para cursar 3º de ESO.

    
Andrea Maceiras (Foto E.Xerais)

     Unha historia de silencios cómplices que rachan posteriormente cando Delia, pasado un tempo, decide crear un blog para contar o sucedido. Para contar como se lles foi das mans algo que non debía suceder. Ela mesma afirma que "son unha covarde". E afirma, tamén, o inútil que se sentiu  (era bastante asociable e precisaba de amigas que a visibilizasen) e como se deixou levar por compañeiras acosadoras como Xulia, Lara e Daniela por medo á soidade.

     Por iso, Delia abre un blog no que vai contando o sucedido. Un acerto da autora esta estrutura, porque, ademais das diversas narracións da rapaza, aparecen testemuños de Marcos, indiferente el ao longo dos acontecementos, e de persoas alleas que dan as súas opinións arredor do que len no blog.

     Salientar, tamén, os contos dunha tal Leaena Hiems, recollidos nun suposto volume co nome de "De cando fun serea". Contos de países remotos, de princesas e príncipes que teñen unha carga emocional grande e que están en sintonía co espíritu do relato.

     Hai moita crueldade na novela. Unha crueldade que fere, Pero hai tamén unha visión da vida que posúe graos diversos de sentimentos, pasos adiante e pasos atrás, reflexións e remorsos. Hai covardía pero tamén desexos afogados de asumir actitudes positivas.

     Os personaxes están moi ben perfilados -Silke é unha rapaza admirable- e a acción non só é crible senón que te convida a pensar fondamente no que alí se conta.

     
Asinando

     Encántame a escrita de Andrea Maceiras. Sígoa dende hai tempo e afirmo que é unha das mellores escritoras desta nova xeración de autoras que non só escriben de marabilla, senón que poñen o dedo na chaga da realidade que se está a vivir hoxe en día. E fano con vocación literaria. Un gran mérito pola súa parte. Denunciar, sen esa vocación literaria, sería todo menos literatura e iso ben o sabe a autora, que desenvolve a acción con moita medida e con moita intelixencia.

     Novela, sen dúbida, moi necesaria O que sei do silencio. Unha novela na que a palabra acada unha nova dimensión para explicar, literariamente, silencios que queren deixar de ser crueis para facer máis auténtico o ser humano.

     Altamente recomendable, esta novela é un paso máis na traxectoria magnífica de Andrea Maceiras que xa demostrou a súa calidade con libros como Volverás, golfiño ou Europa Express, tamén editados por Edicións Xerais, entre outros, e que tanto me gustaran.

     
     Mil parabéns.

                                                                                                    ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO