martes, 30 de mayo de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (9) "Miño", un segundo libro que recolle nova antoloxía do relato galego.

 


                       SOBRE  “MIÑO”(Antoloxía do relato galego actual).

                                                                                            Antonio García Teijeiro


Hai proxectos que se converten en esenciais no mesmo intre de ser pensados. E son esenciais polo valor que lle proporciona á cultura dun pobo. Son proxectos abertos, cheos de contido, que salientan -como ao que me vou referir-  a identidade cultural e, neste caso, a identidade e a puxanza da literatura escrita en galego.

     Miño é o segundo volume (o anterior foi Fisterra), que xorde dunha iniciativa da asociación Amigos do Libro Galego/Artes e Letras, coordinada con moito criterio polo xornalista Xosé Manuel del Caño e editada nesta ocasión por Edicións Xerais.

     En Miño recóllense 38 relatos de escritoras e escritores de Galicia nunha mostra fundamental para coñecer a auténtica realidade da narrativa actual na nosa lingua e, en particular, do relato curto.

     Cun limiar e un epílogo escritos por Rexina Vega e Antón Riveiro Coello, dun interese excepcional, Miño é unha voz que fala ben alto da forza que ten a nosa literatura.

     

Xosé Manuel del Caño, coordinador do proxecto


     Hai en Miño moita diversidade tanto formal coma temática. Enfoques narrativos ben diferentes, técnicas variadas e voces que ofrecen a riqueza narrativa dun modelo literario, o relato curto, que pide paso con insistencia no escaparate da nosa literatura. Unha literatura que contou sempre con magníficos exemplos deste xénero -Fole, Dieste, Cunqueiro, Ferrín, Casares, Neira Vilas…- e que, polo visto neste libro, a calidade do xénero está garantida.

     Este volume reflicte que a literatura galega non é unha literatura menor, que está desexando ser valorada na súa xusta medida e intentando desbotar a falta de autoestima que tan mal lle fai.

     E como apunta con precisión Rexina Vega no texto Todos somos reiseñores: En Miño pode observarse a enorme diversidade e calidade que caracterizan hoxe a narrativa do noso país. Nunca como agora tantas voces creando tantas liñas de sentido, tantas formas de ordenar o mundo.

 

                                                                                                                         Antonio García Teijeiro