TÍTULO: Non trabes na lingua
ILUSTRACIÓNS:
Pepa Prieto Puy
EDITORIAL: Galaxia. COLECCIÓN: Árbore
Canta necesidade
temos de que a literatura tradicional non se perda e estea presente nas nosas
vidas! Resulta primordial ir recuperando as nosas adiviñas, as nosas cancións,
as nosas lendas, as cantigas de rolda e berce, as mentiras e demais.
Nestes tempos nos que todo está
informatizado, ter libros que nos recorden unha boa parte do noso patrimonio
cultural é de agradecer. Que a rapazada cante, diga en voz alta, xogue nos
patios á calor destas pezas populares, lonxe de parecer unha ilusión, ten que
ser unha realidade. Non son un inxenuo. Creo no progreso, pero o progreso ha de
mirar cara atrás e conservar o patrimonio cultural da sociedade. E a literatura
oral é un tesouro que debe chegar aos
máis novos. Non se pode esquecer endexamais. Nada custa programar nos momentos
de lecer certas actividades coa poesía tradicional como eixe.
Antón Cortizas Amado é un escritor moi preocupado polo uso das palabras. Un escritor que basea unha parte importante da súa obra neste xénero marabilloso. O mesmo escribe romances fermosísimos, que recompila xogos populares dun alto valor socioliterario que nos achega no mundo das adiviñas ou dos trabalinguas etc.
E de trabalinguas vai este volumen, Non
trabes a lingua, que vén de tirar do prelo a editorial Galaxia na súa colección Árbore. Un bo número de pezas divididas
en tres apartados que levan por nome: Trabalinguas argallados na lingua da miña
lingua con doces palabreados, trabalinguas escoitados na melodía da
lingua cos ollos arregalados e
trabalinguas
inventados xogando coa lingua na escola da nosa lingua. A estes tres
apartados engádenselles unha bibliografía e un cuarto espazo, coas páxinas en
branco: trabalinguas argallados por ti porque tes unha lingua que quere que
xogues con ela sen fin, para que os nenos e nenas escriban as súas composicións
de seu ou as aportacións que poidan facer.
Non pode ser máis vivo este libro. Antón
Cortizas sabe xogar coas palabras pois é consciente de que son
un ben grande e dan moitísimas posibilidades de achegalas ao corazón das
persoas. Porque, que sería de nós sen a lingua pouco coidada ou maltratada ou
esquecida? Unha desfeita, sen dúbida, e
Antón ben o sabe e dános exemplos acaídos para que xoguemos con ela e
comprendamos o tesouro que é mantela viva.
Velaquí un exemplo: Non hai xaxún / de xenos nin xatos, / hoxe xantamos / con Xonxa e con
Xurxo / xamón con xenxibre, / tamén xaramagos,
/ potaxe de xarxa / e meixón con caxato. / Xa sei que o menú, / que se ben se
le, / non ten moito xeito, / mais ten moitos xes.
Ou este típico de Carnota, nunha liña moi
coñecida, que di: Eu teño unha boneca / pescuepelicrespa / o que a despescuelipelicrespará
/ bon despescuelipelicrespador será.
Un libro cheo de espírito lúdico, de protagonismo das palabras tan reviradas coma xogantinas, que Pepa Prieto Puy acompaña cunhas ilustracións en consonancia cos textos.
Que o poder da palabra nos guíe polos
camiños da vida e saibamos valorala na súa xusta medida.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO