Os galardoados |
Pasou ano e medio dende que
me comunicaron que gañara o Premio Nacional de LIX o día 3 de
outubro de 2017. Estaba fronte ao mar esa mañá, cando me chamaron.
“poemar nacional. parabéns”
enviárame un chisco antes Manuel Bragado ao móbil. Emoción intensa e bágoas.
Non o podía crer. parecíame imposible.
O 19 de marzo de 2019 recibín o galardón
da man da Raíña Dona Letizia.
Poemar o mar
levaba tempo espallándose pola xeografía nacional, enchendo de ondas poéticas
moitos territorios, algúns deles de terra adentro. Nenos e nenas de distintas
latitudes bañáronse –e seguen a facelo- no meu mar poético. En galego e en
castelán para agrandar o seu efecto mariño-poético.
O acto foi sinxelo. O lugar, fermosísimo:
o Claustro do Museo Nacional do Prado, en Madrid, claro. Excelente o discurso
de Rosa Montero e necesarias, as
palabras de Blanca Berasategui. Reivindicación da literatura e chamamento a facer da cultura
algo vivo e necesario.
Cando subín recoller o diploma pensei en
Galicia. Mil sentimentos revoltaron dentro de min en poucos segundos. Ao
volver ao meu sitio, unha estraña
sensación de incerteza invadiume. E agarreime inconscientemente á figura de Rosalía. Foron uns segundos de fusión
coa gran poeta galega. E lembrei a Rafael
Alberti, que tanto me axudou a crer en min. Todo sucedeu moi rápido pero
deixoume unha pegada imborrable.
Unha vez máis sentín no meu interior a
emoción da Galicia que amo tan fondamente. De novo, a nosa literatura brillaba
e era recoñecida ao máis alto nivel. E cun libro de poesía!
Nese marco marabilloso sentinme orgulloso
do acadado. E nel, nun acto tan
especial, vivín a felicidade de estar acompañado pola muller que leva ao meu
lado máis de corenta anos, Susi, e
que tanto fixo para que eu chegase ata onde estou agora. Pero a satisfacción
foi maior ao ter alí, á miña beira, a miña filla Noa, acompañada de Iván Ferreiro. Un orgullo.E dous amigos, case
irmáns, os que tanto quero como son o poeta Juan Carlos Martín Ramos e a marabillosa Lurdes López. Todos eles e elas arroupáronme nun intre tan intimamente
inesquecible e desfrutaron comigo.
O tempo vai pasando. Eu non deixo de seguir
levando a poesía cara ao corazón das persoas, en especial, á rapazada. Precisan
dos versos. E gústanlles cando se lles achega con paixón e agarimo.
Dixen o mesmo día da concesión deste
premio que me ía facer estar máis próximo ao lectorado e ás persoas que
traballan a prol da divulgación da lectura. Dixen, tamén, que era un enorme
recoñecemento á poesía como xénero –tan esquecido- e, xaora, un novo galardón á
nosa literatura galega e ao seu idioma, un ben de grandes dimensións que algúns
intentan non só minimizar, senón, ademais, borrar con indignas decisións.
Velaquí queda a mensaxe: ler e ler moito
en galego. Porque temos unha lingua que é un tesouro que ninguén nos pode
roubar.
Ah! e lamentar a actitude, verdadeiramente
lamentable, da señora Ruiz de la Prada que deu a nota dende que entrou no
Claustro (ademais do vestido que lucía) e que me fixo sentir vergonza allea. O que hai que ver!
Feliz, co premio |