Fotografía tomada de Babelia (El País) |
Ter a Manuel Veiga en Versos e aloumiños é un luxo do que
estamos convencidos quen damos vida a este blog-revista.
De cando en vez, pedímoslle un artigo,
porque sabemos da súa capacidade para plantear temas interesantes, deses que
chaman a atención. Os seus planteamentos claros e intelixentes provocan
reflexión e, por que non dicilo, ás veces certa controversia que se agradece
nuns tempos coma estes que o vento anda algo revolto e deixa confusións que
preocupan.
E Manuel Veiga sempre ten un recuncho para
encher de palabras cheas de sentido para compracernos. E nós estamos felices de
que sexa así.
E se dubidan do que dicimos, aí está este
artigo que leva por título Por
que é útil ler libros que non entendemos? Unha vez máis furgando na
ferida dos libros e as actitudes lectoras que provocan.
Desfruten del, pensen e sigan lendo libros,
ben se os entenden ou non.
Manuel Veiga (Foto de Antonio Gutiérrez) |
Por
que é útil ler libros que non entendemos?
Manuel Veiga Taboada
Estou a ler A orde
do tempo de Carlo Rovelli. Deste autor xa lera antes Sete breves leccións de física, unha obra na que fala bastante de
física cuántica. Rovelli é un bo divulgador e ambos libros acadaron grandes
vendas.
Non obstante, un profano en ciencias, coma min, e a pesar
do esforzo do autor, pouco pode sacar en claro destes dous breves ensaios.
Arrepíntome de lelos? Debería ler unicamente libros que de entrada me gustan?
Debería limitarme ás miñas materias preferidas, a historia, a literatura, un
pouco de economía?
Carlo Rovelli |
Pero volvendo aos libros difíciles, de que serve que leas
se non entendes? En primeiro lugar serve para saber que esas preguntas e esas
respostas existen. O que viaxa, aínda que pase pouco tempo en cada país,
coñece, cando menos, novas paisaxes. Para os que somos de humanidades, a física
ábrenos a fermosas preguntas, aínda que non cheguemos a entender apenas as
respostas.
Saber que existen outros territorios, aínda que nos sexan
descoñecidos, evita moitos erros e incluso algúns enganos. Cada nova paisaxe
agranda a nosa perspectiva. Visitar Hungría unha semana non proporciona case
ningún coñecemento profundo sobre o país e os seus habitantes. Con todo,
seguramente aprenderemos, por exemplo, que o seu idioma é moi distinto de case
todas as demais linguas europeas, aínda que non cheguemos a saber del máis que
un par de palabras, ou que o pan que se vende nas panaderías de Buda é moi
parecido ao noso. Con iso xa podemos deducir que os húngaros son diferentes
pero tamén parecidos a nós e que calquera razoamento simplista carece de
sentido.
Odgen N. Rood |
Está comprobado, por
exemplo, que cada avance científico transforma a arte. A teoría das cores do
físico norteamericano Odgen N. Rood, lida polo pintor francés Seurat,
permitiulle inventar o puntillismo. Freud imaxinou, case literariamente,
territorios cuxa existencia comprobarían un século despois os neurólogos.
Achegarnos a certos coñecementos é como ver o mar por
primeira vez. En principio, xa é bastante contemplar a súa inmensidade.
Georges Seurat |