Páginas

martes, 23 de abril de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (60): "Non trabes na lingua", de Antón Cortizas Amado







TÍTULO:  Non trabes na lingua


AUTOR:  Antón Cortizas Amado



ILUSTRACIÓNS:  Pepa Prieto Puy



EDITORIAL:  Galaxia.  COLECCIÓN: Árbore





Canta necesidade temos de que a literatura tradicional non se perda e estea presente nas nosas vidas! Resulta primordial ir recuperando as nosas adiviñas, as nosas cancións, as nosas lendas, as cantigas de rolda e berce, as mentiras e demais.
 
     
     Nestes tempos nos que todo está informatizado, ter libros que nos recorden unha boa parte do noso patrimonio cultural é de agradecer. Que a rapazada cante, diga en voz alta, xogue nos patios á calor destas pezas populares, lonxe de parecer unha ilusión, ten que ser unha realidade. Non son un inxenuo. Creo no progreso, pero o progreso ha de mirar cara atrás e conservar o patrimonio cultural da sociedade. E a literatura oral  é un tesouro que debe chegar aos máis novos. Non se pode esquecer endexamais. Nada custa programar nos momentos de lecer certas actividades coa poesía tradicional como eixe.

     
Antón Cortizas Amado (Foto: Diario de Ferrol)
     
     Antón Cortizas Amado é un escritor moi preocupado polo uso das palabras. Un escritor que basea unha parte importante da súa obra neste xénero marabilloso. O mesmo escribe romances fermosísimos, que recompila xogos populares dun alto valor socioliterario que nos achega no mundo das adiviñas ou dos trabalinguas etc.

     E de trabalinguas vai este volumen, Non trabes a lingua, que vén de tirar do prelo a editorial  Galaxia na súa colección Árbore. Un bo número de pezas divididas en tres apartados que levan por nome: Trabalinguas argallados na lingua da miña lingua con doces palabreados, trabalinguas escoitados na melodía da lingua cos ollos arregalados e trabalinguas inventados xogando coa lingua na escola da nosa lingua. A estes tres apartados engádenselles unha bibliografía e un cuarto espazo, coas páxinas en branco: trabalinguas argallados por ti porque tes unha lingua que quere que xogues con ela sen fin, para que os nenos e nenas escriban as súas composicións de seu ou as aportacións que poidan facer.
     
     Non pode ser máis vivo este libro. Antón Cortizas sabe xogar coas palabras pois é consciente de  que son  un ben grande e dan moitísimas posibilidades de achegalas ao corazón das persoas. Porque, que sería de nós sen a lingua pouco coidada ou maltratada ou esquecida? Unha desfeita, sen dúbida,  e Antón ben o sabe e dános exemplos acaídos para que xoguemos con ela e comprendamos o tesouro que é mantela viva.
 Velaquí un exemplo: Non hai xaxún / de xenos nin xatos, / hoxe xantamos / con Xonxa e con Xurxo / xamón con xenxibre, / tamén xaramagos, / potaxe de xarxa / e meixón con caxato. / Xa sei que o menú, / que se ben se le, / non ten moito xeito, / mais ten moitos xes.

     Ou este típico de Carnota, nunha liña moi coñecida,  que di: Eu teño unha boneca / pescuepelicrespa / o que a despescuelipelicrespará / bon despescuelipelicrespador será.
     
     
     Un libro cheo de espírito lúdico, de protagonismo das palabras tan reviradas coma xogantinas, que Pepa Prieto Puy acompaña cunhas ilustracións en consonancia cos textos.
     Que o poder da palabra nos guíe polos camiños da vida e saibamos valorala na súa xusta medida.

                                                                                                                                    ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO