TÍTULO: Xa non estou aquí.
AUTORA: Iria Misa.
EDITORIAL: Edicións Xerais.
COLECCIÓN: Fóra
de xogo.
Iria Misa principia a súa
andaina na LIX coa publicación da súa primeira novela, Xa non estou aquí, gañadora do Premio Jules Verne, 2016.
Xa non estou aquí é unha novela coral que atrae a atención do lector dende as
primeiras páxinas. E faino tanto dende a forma coma dende o contido, pois trata
de sentimentos humanos universais contados polas diferentes perspectivas dos
personaxes.
Iria Misa |
A trama comeza cando Ánxela, a protagonista-confidente
do lector e narradora en primeira persoa, desaparece. Será a propia Ánxela a que nos irá desvelando o que ocorreu
para chegar á situación presente. Así descubrimos como a causa dun desengano
amoroso xunto coa falta de comunicación cos seus pais, os febles alicerces da
súa vida van esmorecer e provocar que teña que repetir 1º de Bacharelato.
A través da súa voz e das persoas que
formaban parte da súa contorna: familiares (pai, nai e irmán), amigos,
compañeiros de clase… o lector vai adentrarse no mundo dos sentimentos
desordenados da adolescencia na procura da identidade, da aceptación e pertenza
a un grupo, da comprensión etc.
Novela que non busca adoutrinar pero si
reflexionar sobre aspectos vitais propios da adolescencia, etapa na que se vai
formando a personalidade e a capacidade para afrontar os medos, as incertezas, as
inquedanzas, o desexo de coñecer o permitido pero tamén o prohibido.
A alternancia de narradores, que contan a
súa versión, crea un clima de suspense á vez que imprime un ritmo acompasado
polo emprego dunha prosa fluída e clara.
ALBA PIÑEIRO