sábado, 15 de abril de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CI) Carlos Negro







                                           CARLOS  NEGRO  (Lalín, 1970)




Técnicas de afeitado


Carlos Negro
Unha poética de dobre folla:

suave e apurada por fóra,

pero cun gume cortante por dentro.






Sen pólvora e cun ramo de magnolias

Algúns reclaman a liberdade pró meu pobo.

Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo.







Folla de reclamacións

Eu…

que non sangro na furna das entrañas
 

Eu…

que non sinto o devalo das mareas


Eu…

que non tecín soa ninguna tea


quixera

ir camiñar descalz* polas rochas




Puntos de fuga

Sinto o útero e non son muller.

Gústame o rosa e non son gai.

Amo o fútbol e non son home.

Levo pendente e non son moza.

Odio as bonecas e non son neno.

Son feliz se me admites diferente.



 


Metáfora da metáfora (A)

O amante
nunca amosa acenos de seda.

O amante
nunca bica con bicos delicados.

O amante non ama:
é a besta dentro do labirinto.

(Aquel que escribe nos corpos con sangue.)





Presentación en Lalín


Metáfora da metáfora (B)

El tamén procura
unha linguaxe que non manque.

Un espazo neutro
de morfemas con bandeira branca.

Un lugar de encontro
en troques dun territorio ocupado.

(Unha sintaxe arredrada da guerra.)





(Do libro Masculino singular, editado por Edicións Xerais. 2016)