Páginas

lunes, 21 de diciembre de 2015

UNHA MAGNÍFICA NOVELA DE INTRIGA PSICOLÓXICA: "Europa Express", de ANDREA MACEIRAS






                      ANDREA  MACEIRAS


                      Europa Express

                      Edicións Xerais de Galicia.

                       Col. Fóra de Xogo.

                       2015

    
   
     
     De novo, un libro de Andrea Maceiras.  De novo, unha proposta de literatura ben escrita. De novo, un pracer enorme entrar no mundo que nos propón a escritora.
     Unha novela, Europa Express, gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2015, que aposta pola boa literatura. Esa literatura que lectores en formación deben demandar para ir acadando esa madurez en materia literaria. Porque Europa Express está editada en Fóra de Xogo (Edicións Xerais), pero Europa Express é unha novela para adultos e para todos aqueles que se queiran achegar á palabra ben empregada. Isto é algo constante na brillante traxectoria de Andrea Maceiras.
Andrea Maceiras

     Estamos diante dun relato coral, que se move entre dous planos: dez anos antes e na actualidade. Os capítulos van alternado a voz narradora: a terceira persoa cando se rememora o tempo pasado e a voz dos diferentes protagonistas (1ª persoa) no momento actual. Unha estrutura moi ben deseñada que presenta ademais a historia en tres bloques: I. Sen notificación de recibo.II. Xiro Postal. III. Franqueo en destino.
     Dez anos atrás, ao remataren o bacharelato, sete mozos viaxan xuntos por Europa en Interrail. Unha viaxe que os vai abrir a realidade da vida, á complexidade das relacións persoais e á procura do amor nunha situación nova que compartirán  á marxe do ambiente familiar.
     

     A traxedia acompaña o remate desa viaxe, aparecen as dúbidas, algúns deles cuestionan a vida actual, mentres o espírito de Xacobe  latexa no máis íntimo. Procuran as causas de algo que está dentro deles, aínda que talvez intenten esquecer, temen as respostas e mesmo Aroa é reticente de revolver no pasado.
     
     Malia isto, Nico, un deles, organizará unha festa de reencontro, tras dar cunha  postal en Berguen que lle revelará certa información que o desacouga e que o levará a plantearse que ocorreu naquel fatídico acontecemento. Con máis ou menos ganas, os demais aceptan o convite e aparecerán as múltiples visións da vida.
     
Vista de Praga

     Encántanme as novelas psicolóxicas cando están ben escritas e ben artelladas. Europa Express cumpre con todas as características que lles esixo. O relato vai medrando a medida que te internas nel, cunha alternancia de lugares, personaxes e tempos narrativos que lle dan consistencia. Non perde endexamais o interese, pois a intriga está moi ben levada e queda moi ben descrita a esencia da mocidade. Esa esencia que perdura na memoria dos protagonistas malia semellar efémera.

     Un libro para gozar. Unha desas obras que te reconcilian cos seres humanos e coa boa literatura. Unha obra que salienta a forza da palabra. Unha palabra que marcará a necesidade de poner en orde os pensamentos. Unha obra para reflexionar e para sentir o vento acariciador da liberdade tanto interna coma  externa das persoas.
     Un verdadeiro pracer perderse entre as súas páxinas.
     Parabéns para a autora.


                                                                                                                             ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO