miércoles, 26 de agosto de 2015

UN POETA QUE ENTROU NA MIÑA VIDA PARA NON SAÍR: FEDERICO GARCÍA LORCA


   Os que somos uns apaixonados da poesía, perdémonos pola obra de tantos e tantas poetas que, ao longo do tempo, foron facendo aportacións moi variadas ao enorme corpus lírico universal.

     E descubrimos que hai poetas lúcidos, profundos. Que hai poetas fríos, arquitectos metálicos que constrúen edificios poéticos, formalmente perfectos pero que nos deixan xeados. Rematan sendo indiferentes porque se lles nota demasiado a impostura.
Federico  García  Lorca

     Descubrimos poetas da rúa, poetas de ocasión, poetas con discursos puntuais. Poetas fume. Poetas luz. Poetas sombra. Poetas…

     Hai poetas que pasan pola túa vida dunha maneira fugaz.

     Hai poetas que pousan a súa pegada no corazón e permanecen para sempre nas túas inquedanzas líricas.

     Poetas que forman parte da túa vida. Poetas que che amosaron camiños para percorreres con eles a forza e a emoción das palabras, dos versos.

     Hai poetas para un intre determinado. Hai poetas para certas homenaxes. Hai poetas que aguilloan; poetas que aloumiñan; poetas que poñen os dedos nas chagas; poetas sociais; poetas cómplices.
     Poetas para remover sentimentos; para chorar; para sustentar cos seus versos as contradicións da nosa existencia.

     Teño nas mans un volume coa poesía completa editado por Galaxia  Gutenberg/Círculo de Lectores, dun poeta-cor, poeta-luz, poeta-imaxe, poeta-lúa, poeta-sol.

     Federico, si, Federico García Lorca.

     Un poeta, un home que me marcou claramente á hora de crear a miña poesía; esa poesía pensada fundamentalmente nos nenos.

     Por Lorca sinto un agarimo especial (outra é Rosalía) e emociónome diante dos seus versos. Simplemente con botarlles unha ollada xa se move algo no meu interior. Algo que me acariña, que provoca sensacións de pracer infinito. Lorca converteuse para min nunha paixón.

     Os que facemos da poesía “un xeito de vida”, non temos un único poeta. Ao contrario, estamos coas nosas portas abertas a todos aqueles e aquelas que, co seu discurso poético, nos sacoden interiormente.

     
Pero hai poetas que pasan de moitas maneiras polo noso espazo de interese literario. Eu quedo cos que medran no meu interior. Uns máis outros menos, pero preciso sentir dentro que os seus versos están en continuo proceso de crecemento, Un crecemento que non se detén.
E isto pásame con Federico García Lorca. Unha forza interna mantén vivas en min as diversas cualidades da súa poesía.
Volvo sempre a el. Unha e outra vez releo os seus poemas. Están presentes no meu acto creativo. Lévanme da man. Fanme sentir a súa sensibilidade e danme azos para vivir, para sorrir, para loitar, para escribir, para pensar, para, en definitiva, acadar que, malia os atrancos cotiáns, poida sentirme razoablemente libre.

     
Carta de Federico García Lorca publicada por El País
     Este home, Federico García Lorca, dunha personalidade moi acentuada (nunca pasou desapercibido), cunha ollada penetrante, creador de lume onde as metáforas brillan, espello do desgarramento, capaz de levantar voos líricos, de prender luces diáfanas, de pousar os seus ollos sobre o máis humilde da sociedade; defensor de causas perdidas e xerador de alegrías sen fin.
Este home, digo, é quen de provocar ledicia, tristeza ou de inventar fontes de esperanza nos meus ollos xa cansos.

     Bágoas e sorrisos. Cantigas de berce ou lanzas punxentes. Frechas de dor, intuición da traxedia, mans de veludo, aloumiños profundos ou paixóns melancólicas, Sinxeleza imaxinativa, popular. Malabarismos líricos. Flores e bolboretas nas augas ocultas da contradición.

     Iso e moito máis é Federico (permitídeme que o chame así nesta altura do escrito).
Amo a Federico. Quéroo á miña beira. Seguirei saboreando os seus poemas, as súas melancolías, a súa sensualidade, o seu compromiso cos indefensos, o seu equilibrio/desequilibrio emocional, as súas verdes loucuras, as súas rodas xeadas, as súas fondas penas.

     Amo a Federico e seguirei abrindo os seus libros, contaxiando a súa alma de poeta, o seu amor polos nenos, polos xitanos, polos negros. O seu amor pola lúa que comparto.
O seu amor polos vidros desgarrados da existencia.

     
     Co groso libro nas mans abro ao chou e axiña descubro razóns para emocionarme.

Y hay un niño que pierden
todos los poetas.
Y una caja de música
sobre la brisa.

     
     E sempre é así. Levo a Lorca comigo. Lévoo nos meus sentimentos confusos, nas miñas loitas, nos meus delirios denegridos, nos meus desarraigamentos, nas miñas dúbidas.



Bajo el agua
siguen las palabras.
Sobre el agua
una luna redonda
se baña,
dando envidia a la otra
¡tan alta!
En la orilla,
un niño,
ve las lunas y dice:
¡Noche; toca los platillos!

    
     
     E vólvome neno e quero que a nai me borde na súa almofada, canso de dicirlle que quero ser prata, de auga…
E sinto que estou en Nova York con el e, ao compás dos seus versos, diríxome a Walt Whitman para cantar a pegada fonda que deixou en min.
Utilizo os versos de Federico para dicir:

Walt Whitman

Ni un solo momento, viejo hermoso Walt Whitman,
he dejado de ver tu barba llena de mariposas,
ni tus hombros de pana gastados por la luna,
ni tus muslos de Apolo virginal,
ni tu voz como una columna de ceniza;
anciano hermoso como la niebla
que gemías igual que un pájaro
con el sexo atravesado por una aguja,
enemigo del sátiro,
enemigo de la vid,
y amante de los cuerpos bajo la burda tela (…)


     
     Dou co fermosísimo Romance  sonámbulo, dedicado a Gloria Giner e a Fernando de los Ríos. A emoción fai subir a temperatura a cotas imaxinables. Unhas bágoas percorren as miñas meixelas mentres recito en alta voz tan coñecidos versos:


Verde que te quiero verde.
Verde viento. Verdes ramas.
El barco sobre la mar
y el caballo en la montaña.
Con la sombra en la cintura,
ella sueña en su baranda
verde carne, pelo verde,
con ojos de fría plata.
Verde que te quiero verde.
Bajo la luna gitana,
las cosas la están mirando
y ella no puede mirarlas (…)

   
     A pegada marabillosa dun poeta total, dun home deliciosamente egocéntrico.
    Os versos que foron facendo carreiros no meu interior, que son transitados unha e outra vez os meus desexos máis transparentes.

     E como dixo o poeta: Soñaba que la tierra / fuese de cristal (…) e eu, da man do poeta, soño ademais cun arco de lunas negras / sobre el mar sin movimiento.


     Soños tolos con Lorca.

     E soñemos con Lorca, escoitando  a Amancio Prada cantando o gran poeta granadino:



     E para rematar este texto, podedes escoitar a Paco Ibáñez cantando coa súa filla, Alicia, "Mi niña se fue a la mar " de Federico García Lorca.




                                                                                                             ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO