miércoles, 3 de junio de 2015

A BIBLIOTECA ESCOLAR, UN ESPAZO DE "ALTO INTERESE" PARA TODAS AS PERSOAS QUE FORMAN A COMUNIDADE EDUCATIVA.

Biblioteca do C.E.I.P. "Miguel Servet" de Fraga (Huesca).

        Opino dende hai ben tempo que xa se poden inventar toda sorte de plans de estudos, de encher de ordenadores as aulas, de facer reválidas nun claro paso atrás, de eliminar humanidades dos currículum, de primar a educación memorística en prexuízo daquela que promovía o traballo en grupo e a reflexión, de crear treitos diversos para os alumnos e alumnas de Secundaria… Si, xa se poden facer estas e outras cousas máis, porque se non se crea a figura do mestre / mestra bibliotecario/a nos centros de ensino seguiremos nas mesmas.

     Vivimos nun país que vive de aparencias. Temos os premios literarios institucionalizados máis rimbombantes do planeta. Non fai falta que os recorde, pois, entre outras consideracións, danme noxo.
     E danme noxo porque non hai apostas claras polos plans lectores como habería que facelo. Fican sempre na superficie. Non valen para nada. Queremos dar unha imaxe de potencia literaria cando o que realmente estamos construíndo son fachadas sen contidos dentro. Dependemos claramente dos esforzos de ensinantes que cren no que fan e non teñen axuda ningunha.
Vista da biblioteca do Colexio Possumus de Vigo.

    Arrúbianse os responsables do sistema educativo cando aparecen os informes PISA e non se obteñen os resultados apetecidos. Daquela, todo é buscar nos plans anteriores ou presentes as causas de tamaño fracaso. Os políticos guíndan dardos envelenados uns aos outros e ninguén, con seriedade, é quen de reflexionar sobre as causas reais do fracaso.

     Sen ningunha dúbida, as causas son variadas. Pero a falta de bibliotecas escolares ben dotadas, con persoas dedicadas a iso durante toda a xornada brillan pola súa ausencia. Non se contemplan, en ningún caso, mestres ou mestras dedicados toda a xornada a levar adiante unha biblioteca que dinamice o centro educativo e faga desa sala con libros o centro neurálxico da escola.

     Todo o que se avanzou neste sentido ao longo dos anos reside no voluntarismo de docentes implicados, que saben da importancia da lectura e que rouban tempo persoal ás súas vidas para empregalo en proxectos bibliotecarios e literarios a prol do alumnado que teñen ao seu cargo. E fano en soidade, loitando con pais e nais que non valoran a función do libros de lectura e, o que é peor, sufrindo a ignorancia e o desprezo dos compañeiros que non dan importancia a labores coma este.

     Así de clara e crúa é a realidade que se vive. Por iso non poden sorprendernos o ínfimo grao lector, o baixo nivel de autonomía literaria que existe, o escaso valor que se lle dá ao libro nesta sociedade baleira e enferma. Agora lese máis que anos atrás, só faltaría!, pero estamos moi lonxe dos índices lectores da Europa desenvolvida. E xa non falo da nosa literatura galega. Dan ganas de chorar.
     O pouco que se le é grazas a eses docentes comprometidos coa cultura literaria e que levan ben anos loitando a prol da lectura nas aulas, para que os cativos non pasen polos cursos de costas a unha actividade fundamental na súa formación.

     Un deses docentes é Mariano Coronas Cabrero. Un home avalado pola súa dedicación a crear un punto de acción sobre as bibliotecas escolares. Un traballador “a pé de obra” que foi (e segue, malia estar xubilado) levando o seu discurso por toda España, partindo dun traballo persoal moi rico e suxestivo dende a escola onde traballaba.
Mariano Coronas en acción.

     Mariano foi alumando persoas con inquedanzas a través de obradoiros, conferencias, cursos, publicacións sobre a biblioteca e as súas vantaxes. Recibiron unha chea de premios as propostas que realizaba no seu centro. Era o faro que brillaba neste eido e noutros moitos que acometía con ilusión.

     Mariano converteuse nunha referencia pola súa sabedoría, pola autenticidade que mostraba e pola intelixencia coa que expoñía as experiencias das que falaba.

     Acabo de recibir un díptico, editado polo Seminario de Biblioteca y Literatura Infantil do C.E.I.P. Miguel Servet de Fraga (Huesca) sobre a Biblioteca Escolar.
     

     O seu autor? Pois Mariano Coronas, faltaría máis! As ilustracións son de Josep Figueres. Unha magnífica invitación a acudir ás bibliotecas escolares, gozar delas e aproveitar as enormes canles que descobren. A biblioteca, un lugar onde imaxinación, curiosidade, información e coñecemento son piares fundamentais da formación integral dos cativos e cativas.
     Reproducimos a continuación o devandito díptico, para que os lectores e lectoras de Versos e aloumiños poidan saborear a extraordinaria tarefa que Mariano Coronas, Mercè
e algúns compañeiros levan adiante no centro escolar oscense dende hai vinte e sete anos.

     Todo un exemplo a imitar.











                                                                                                                        ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO