Paco Ibáñez durante o concerto en Vigo |
E
Paco Ibáñez, una vez máis, cantou en Vigo. E fíxoo cun repertorio magnífico
e, ademais, galeguizado.
Ata catro cancións cantou na nosa lingua.
Un fermosísimo “Chove” de Celso Emilio
Ferreiro e tres cancións baseadas nos meus poemas: “Que ocorre na terra?”,
que xa é habitual nos seus concertos , “O vento dorme” e “Pomba de lume”.
Chegado o momento de interpretar esta
última, convidoume a subir ao escenario. Momento incrible, único, máxico. Fíxome
cantar con el !!! Non o podía crer.
Pois ben, alí arriba,
despois de loitar coas letras que esvaraban polo atril, cantei co mestre a esa
pomba de lume, de amora, de menta, pomba que chora. A emoción invadiume.
Superei o nerviosismo para non quedar mal no intento. Paco sorría, tocaba a
guitarra, cantaba. E o público, que tiña o fermoso cartón coa pintura da pomba
que creou Xulio García Rivas,
acompañaba no retrouso. Éxtase.
Uns intres para non esquecer. Algo
fondamente emotivo.
Eu sen Paco Ibáñez non sería o mesmo.
Tería máis eivas das que teño. Débolle moitísimo. Sempre estivo nas alturas e, ao tempo, moi preto da xente. E
eu acababa de cantar, ombro con ombro, con el no teatro García Barbón.Sen palabras.
Paco estivo dúas horas longas no
escenario. Repasou una chea de cancións que son memoria viva de todos nós.
Vibramos con Celaya, Góngora, Quevedo, Goytisolo, Lorca, Miguel Hernández, Brassens,
Neruda, Alfonsina Storni … Esa nómina inmensa de poetas que encheron de
forza e compromiso poético a miña vida e a de tantos outros.
Sobrepasados os oitenta anos, Paco Ibáñez
segue emocionando pola calidade dos seus temas e a autenticidade nos seus comportamentos.
Próximo coma poucos artistas, o público
vibrou coas súas interpretacións (marabilloso coa súa guitarra Mario Mas, nos tres temas nos que
interveu) e aplaudiu con forza as
mesmas.
Paco Ibáñez é un mito. Un mito que vive
preto de nós. Un mito que nos agasalla versos e que nos fai sentirnos máis
felices despois de escoitalo.
Así saímos todos do concerto: felices e
renovados por dentro.
Un pracer sen límites.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO