domingo, 31 de mayo de 2015

"A DELGADA LIÑA DA ESPERANZA", UN TEXTO DE ARMANDO REQUEIXO, QUE PERMITE UNHA LECTURA PLENA DE "DETRÁS DEL HORIZONTE".

   
Edurne Baines, a editora, presenta os compoñentes da mesa.
 Foi un pracer compartir a presentación de “Detrás del horizonte” en Compostela con Armando Requeixo, un dos críticos máis prestixiosos da nosa literatura.
     
     Un crítico que, ademais, non só non trivializa a LIX, senón que a ten en alta estima.
     
     Nos tempos que corren é para valorar a visión de persoas coma el,que levan ben tempo pescudando entre os moitos títulos literarios que aparecen en Galicia. Persoas necesarias no sistema literario galego que aluman e nos falan das luces e das sombras do que se escribe neste noso país.
     
     E, entre esas numerosas obras,  Armando non baixa o listón nas súas reseñas, cando se trata de comentar os libros dirixidos aos mozos e cativos.  É de agradecer que sexa así, porque aínda hai demasiada xente que intenta menosprezar a literatura infanto-xuvenil.
     
     Na  prestixiosa libraría Couceiro Armando Requeixo falou de “Detrás del horizonte” con agarimo, sen perder de vista a edición orixinal  en galego, “Trala liña do horizonte”, e salientando os valores que, ao seu xuízo, contén esta obra.

      Coa súa xenerosidade habitual, Armando Requeixo enviou para ser publicado en Versos e aloumiños  o texto completo da presentación. Un texto fermoso, intelixente, cheo de pistas literarias para un maior gozo dos lectores e lectoras que se acheguen a esta historia.
     
     A continuación podedes ler as palabras de Armando Requeixo.

     
     Sobran os comentarios.

Armando Requeixo fala de "Detrás del horizonte".




A delgada liña da esperanza

                                                             Armando Requeixo

Detrás del horizonte é unha pedra angular, unha pedra base. Na estesa e dilatada obra de Antonio García Teijeiro este título funciona como un miliario, unha marca do camiño a partir da cal se referencia moita outra da súa produción. Dalgunha maneira, na escrita deste autor vigués houbo un antes e un despois deste libro. E non sen razón.
            
     A narración publicouse por vez primeira en galego, no ano 2002. O título daquela edición orixinal foi Trala liña do horizonte e inseriuse no catálogo de Edelvives-Tambre, concretamente na súa Colección Catavento, serie na que tamén apareceron textos de Paco Martín, Paula Carballeira ou Xosé Manuel Martínez Oca, entre outros.
            
     
Esgotado hai tempo, o libro volve ver a luz agora da man de Belagua, nunha edición traducida ao castelán por Alba Piñeiro Estévez e revisada polo propio autor. Entre os notables cambios que se operaron nesta nova entrega cómpre salientar a inclusión de fotografías de Ricardo Grobas tiradas durante o transcurso dunha operación de axuda humanitaria en Albania liderada por Nacións Unidas en 1997. Estas instantáneas substitúen as ilustracións que Andrés Meixide dispuxera na edición galega, acentuando o diálogo entre as imaxes e o texto e retroalimentando ambos os discursos, pois García Teijeiro realizou intelixentes modificacións no texto de partida para a máis sólida integración no relato conxunto dos materiais de Grobas.
            
     A obra que no 2002 se abría cunha dedicatoria que rezaba “A Susi, Antón e Noa. A Alba, a miña amiga. Todos están comigo trala liña do horizonte” veu agora como se sumaban outros nomes queridos a García Teijeiro: os de Libby e Erin, tamén o do escritor Alfredo Gómez Cerdá, quen tanto animou o autor para que dese ao prelo esta nova edición, que mantén as citas cabezaleiras de persoas do mundo da literatura e da música unhas si e outras non; as que agora figuran son: Mario Benedetti, Manuel María, Silvio Rodríguez, Miguel Hernández, Ismael Serrano, Bob Dylan, Martin Monestier e José Agustín Goytisolo, incluíndose tamén a testemuña dunha rapaza vítima dos horrores da guerra.
           
Ricardo Grobas, autor das fotografías de "Detrás del horizonte".
 
     Esta tradución ao castelán engade unha breve “Nota del autor” na que dá razón da obra e o do seu sentido e advirte que non é “un libro amable”, pero si “un libro tierno y duro. Poético. Necesario. Un libro por el que circula, pese a todo, la esperanza. Una esperanza que sirve a algunos de sus personajes para vivir y mirar, a lo lejos, detrás del horizonte”.
            
     Un último paratexto antecede o relato: a reprodución dos artigos 38 e 39 da Convención sobre os Dereitos do Neno aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, articulado que xa figuraba tamén na edición galega.
            

     Argumentalmente a obra presenta un narrador en terceira persoa que relata a fuxida dun mozo soldado quen, non podendo aturar máis nas entrañas da guerra, escapa desta loucura colectiva para refuxirase nunha casa pequena e abandonada. Alí atopa unha carpeta de cartón azul cunha serie de follas escritas e prendidas por uns clips a uns recortes de xornal con fotografías de guerra, que comeza a ler. Así, nas seguintes páxinas, a voz do narrador, que aparece en letra cursiva e se vai centrar na acción e descrición do estado de ánimo do soldado, vai alternar coa lectura das citadas historias, que se reproducen a modo de capítulos independentes. Trátase dun conxunto de dezanove historias protagonizadas por nenos danados física e psicoloxicamente pola guerra, nas que o asolagan todo os sentimentos de dor, de pánico, de tristura. Neste ambiente tan desolador, recreado por medio dunha prosa acentuadamente poética que mesmo incorpora versos á narración, ábrese ao final unha luz de esperanza, unha procura alén do horizonte inmediato, da anguria dun vivir baixo a chuvia dos morteiros, unha luz ao futuro nun tempo e un espazo de irmandade que deixe atrás o pesadelo das armas e os conflitos.
            
     Como se bota a ver, é esta unha obra descritiva sobre a guerra e a súa incoherencia vista a través dos ollos dos nenos, unha novela na que se narran situacións dramáticas de momentos bélicos puntuais en dezanove flashes ou microrrelatos que son, dalgunha maneira, testemuña da impotencia perante tanto odio, destrución e guerra. Dezanove fotografías de rexeitamento e visceralidade, de tenrura narrativa e compromiso para desterrar a dor e o sufrimento, para sensibilizar ante o horror e desbotar a indiferenza. Historias buriladas cunha prosa ben harmonizada, depurada, directa, sen adornos gratuítos e que se serve estruturalmente do recurso do manuscrito atopado, de longa tradición literaria, mais que deixa transparentar tamén as influencias cinematográficas; poño por caso, a célebre A delgada liña vermella (The Thin Red Line), que García Teijeiro admirou, sobre todo, na versión de Terrence Malick.

            

     En Detrás del horizonte García Teijeiro idea dezanove desacougantes epifanías sobre a barbarie bélica. Un papaventos fuxidío aos ollos dun neno que acaba resultando ser un bombardeiro mortífero; a reclusión nun campo de concentración dun mozo que se evade da súa gris existencia debuxando nas paredes con xices de cor; un neno que, cheo de carraxe e desesperación, vence a amargura guindando pedras aos tanques de ocupación; nenos e maiores escapando da morte nun éxodo imposible; inocentes medos dos contos infantís que cobran forma na dureza terrible das armas; xentes que, cal procesión de formigas, foxen do exterminio; unha nena que, asolagada pola impotencia, propina pancadas aos panzer destrutores; unha mina antipersoal que augura a proximidade debeladora da guerra; unha bomba que vén romper a tranquilidade dunha aldea remota e pacífica; a tristura inmensa dun campo de refuxiados; a desolación dun pai que ve morrer o fillo entre os brazos malia estar agochado tras as trincheiras; a tolemia da mocidade que se ve obrigada a participar nunha guerra na que non cre; a tímida esperanza de tres nenos que xogan ao balón entre cascallos, tentando recompor unha normalidade que non existe entre tanto síntoma de destrución; o afogo dun neno que perde o seu ceo de cores e formas ideais mudado nun campo de morte polo que sobrevoan, cal paxaros mortíferos, avións de guerra; o alistamento absurdo ao que os confrontamentos armados obrigan, esgazando familias e vidas; a loita pola supervivencia dos que, coas mans, tentan inutilmente frear as máquinas de guerra invasoras; a fuxida para salvar a vida entre os bombardeos e a xenerosidade dunha nai que se sacrifica para librar os fillos; a cruel realidade que substitúe os inconscientes xogos dos nenos pola oufegante masacre ordenada polos señores da guerra. Velaí os fotogramas cos que Detrás del horizonte amosa, con toda fereza, o horror e a destrución que sobreveñen tras cada guerra. Historias coas que García Teijeiro se afirma nunha mensaxe pacifista, liña esta que xa abrira moito antes en obras precedentes (aí o está, por exemplo, o tan próximo polos temas e sensibilidade O que ven os ollos dos nenos, 2000), mais que ten neste libro unha concreción dunha contundencia dificilmente superable.
            

     Alén do dito, a liricidade da súa prosa, o xogo sinestésico e metafórico dos períodos e o esencializado sucederse dos sintagmas fan de Detrás del horizonte un texto de alto valor literario, no que o continente foi coidado tanto coma o contido, véndose todo orquestrado nunha intelixente estrutura enmarcada que non só dá unidade ao conxunto, senón que serve de pautado climático ao decorrer das historias.
            
     Non quero rematar sen chamar a atención sobre o coidado labor de tradución levado a cabo por Alba Piñeiro. Quen lea estas páxinas atoparase cunha fluencia idiomática agradecida, onde todo vai de seu e o propio relato pide as palabras que a tradutora sabe darlle. A competencia demostrada de Alba Piñeiro consegue amosarnos o máis xenuíno Antonio García Teijeiro nunha segunda lingua que é tamén, para ambos os dous, lingua de escrita e de expresión.
            

      Se ao anterior sumamos a forza das imaxes en branco e negro de Ricardo Grobas, esa súa habelencia para captar coa cámara todo un mundo avolto que se desangra e esfarela no caos pero que, asemade, é quen de non perder o sorriso e confiar nun futuro esperanzado, teremos un poderoso conxunto de razóns para entender por que Detrás del horizonte é unha certeira aposta editorial de Belagua, que se honra engadindo ao seu catálogo o nome de Antonio García Teijeiro, a quen edita con dignidade e feitío que non poden menos que aplaudirse.
            
     Sexan, pois, parabéns tanto a Antonio García Teijeiro por este Detrás del horizonte como a todos os que, dunha ou doutra maneira, axudaron a volver a pór en circulación unha obra que moito merecía abrirse a novas fronteiras, a novos horizontes, sempre alén.


Fotografía de Ricardo Grobas.