Mostrando entradas con la etiqueta ensino. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ensino. Mostrar todas las entradas

miércoles, 3 de junio de 2015

A BIBLIOTECA ESCOLAR, UN ESPAZO DE "ALTO INTERESE" PARA TODAS AS PERSOAS QUE FORMAN A COMUNIDADE EDUCATIVA.

Biblioteca do C.E.I.P. "Miguel Servet" de Fraga (Huesca).

        Opino dende hai ben tempo que xa se poden inventar toda sorte de plans de estudos, de encher de ordenadores as aulas, de facer reválidas nun claro paso atrás, de eliminar humanidades dos currículum, de primar a educación memorística en prexuízo daquela que promovía o traballo en grupo e a reflexión, de crear treitos diversos para os alumnos e alumnas de Secundaria… Si, xa se poden facer estas e outras cousas máis, porque se non se crea a figura do mestre / mestra bibliotecario/a nos centros de ensino seguiremos nas mesmas.

     Vivimos nun país que vive de aparencias. Temos os premios literarios institucionalizados máis rimbombantes do planeta. Non fai falta que os recorde, pois, entre outras consideracións, danme noxo.
     E danme noxo porque non hai apostas claras polos plans lectores como habería que facelo. Fican sempre na superficie. Non valen para nada. Queremos dar unha imaxe de potencia literaria cando o que realmente estamos construíndo son fachadas sen contidos dentro. Dependemos claramente dos esforzos de ensinantes que cren no que fan e non teñen axuda ningunha.
Vista da biblioteca do Colexio Possumus de Vigo.

    Arrúbianse os responsables do sistema educativo cando aparecen os informes PISA e non se obteñen os resultados apetecidos. Daquela, todo é buscar nos plans anteriores ou presentes as causas de tamaño fracaso. Os políticos guíndan dardos envelenados uns aos outros e ninguén, con seriedade, é quen de reflexionar sobre as causas reais do fracaso.

     Sen ningunha dúbida, as causas son variadas. Pero a falta de bibliotecas escolares ben dotadas, con persoas dedicadas a iso durante toda a xornada brillan pola súa ausencia. Non se contemplan, en ningún caso, mestres ou mestras dedicados toda a xornada a levar adiante unha biblioteca que dinamice o centro educativo e faga desa sala con libros o centro neurálxico da escola.

     Todo o que se avanzou neste sentido ao longo dos anos reside no voluntarismo de docentes implicados, que saben da importancia da lectura e que rouban tempo persoal ás súas vidas para empregalo en proxectos bibliotecarios e literarios a prol do alumnado que teñen ao seu cargo. E fano en soidade, loitando con pais e nais que non valoran a función do libros de lectura e, o que é peor, sufrindo a ignorancia e o desprezo dos compañeiros que non dan importancia a labores coma este.

     Así de clara e crúa é a realidade que se vive. Por iso non poden sorprendernos o ínfimo grao lector, o baixo nivel de autonomía literaria que existe, o escaso valor que se lle dá ao libro nesta sociedade baleira e enferma. Agora lese máis que anos atrás, só faltaría!, pero estamos moi lonxe dos índices lectores da Europa desenvolvida. E xa non falo da nosa literatura galega. Dan ganas de chorar.
     O pouco que se le é grazas a eses docentes comprometidos coa cultura literaria e que levan ben anos loitando a prol da lectura nas aulas, para que os cativos non pasen polos cursos de costas a unha actividade fundamental na súa formación.

     Un deses docentes é Mariano Coronas Cabrero. Un home avalado pola súa dedicación a crear un punto de acción sobre as bibliotecas escolares. Un traballador “a pé de obra” que foi (e segue, malia estar xubilado) levando o seu discurso por toda España, partindo dun traballo persoal moi rico e suxestivo dende a escola onde traballaba.
Mariano Coronas en acción.

     Mariano foi alumando persoas con inquedanzas a través de obradoiros, conferencias, cursos, publicacións sobre a biblioteca e as súas vantaxes. Recibiron unha chea de premios as propostas que realizaba no seu centro. Era o faro que brillaba neste eido e noutros moitos que acometía con ilusión.

     Mariano converteuse nunha referencia pola súa sabedoría, pola autenticidade que mostraba e pola intelixencia coa que expoñía as experiencias das que falaba.

     Acabo de recibir un díptico, editado polo Seminario de Biblioteca y Literatura Infantil do C.E.I.P. Miguel Servet de Fraga (Huesca) sobre a Biblioteca Escolar.
     

     O seu autor? Pois Mariano Coronas, faltaría máis! As ilustracións son de Josep Figueres. Unha magnífica invitación a acudir ás bibliotecas escolares, gozar delas e aproveitar as enormes canles que descobren. A biblioteca, un lugar onde imaxinación, curiosidade, información e coñecemento son piares fundamentais da formación integral dos cativos e cativas.
     Reproducimos a continuación o devandito díptico, para que os lectores e lectoras de Versos e aloumiños poidan saborear a extraordinaria tarefa que Mariano Coronas, Mercè
e algúns compañeiros levan adiante no centro escolar oscense dende hai vinte e sete anos.

     Todo un exemplo a imitar.











                                                                                                                        ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 17 de octubre de 2014

ENCONTRO NA LIBRARÍA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



     Segue a chover pero chove menos.
     O de onte foi unha loucura. Caeron 92,8 l/m2 e o dioivo anegou rúas, parques, prazas e provocou o caos na cidade.
    
Vigo. Xoves, 16 de outubro. (Foto Faro de Vigo)
     Aproveitando a mínima tregua (chove, eh!) saín facer unhas cousas que tiña pendentes. Rematadas as obrigas, entrei (como non!) en Librouro. É ben coñecida a miña necesidade de entrar nas librarías e esta está a tres minutos da miña casa. Paso por alí case todos os días.
    

     Tiña na man unha novela curta de Xabier Quiroga, estaba a follear os libros de poesía e, ao erguer a cabeza, vexo onda min a Agustín Fernández Paz. Saíra mercar algo e entrou para comprar o último libro publicado recentemente do seu admirado José Ángel Valente. Trátase de Palais de Justice editado por Galaxia/Gutemberg. Deille unha sentida aperta. Quero moito a Agustín. Persoa de trato exquisito, crítico, honesto, culto, auténtico. E un grande escritor. E falamos dese libro de Valente.
    
Agustín Fernández Paz
     Sempre que sae o nome do escritor ourensán, é imposible non lembrarse de Agustín. Merco dous exemplares do seu magnífico libro A viaxe de Gagarin, para que llelos dedique aos meus fillos que tanto agarimo lle teñen. Senta e falamos de literatura e da vida mentres escribe fermosas palabras para eles.
    
     Curioso! Fixámonos na mesa que esta á nosa beira e vemos, fóra do seu lugar habitual, tres antoloxías de Valente. Incrible. Aínda que teño a súa obra, collo a antoloxía de Alianza e tráioa comigo.
     Aproveito que a teño, ábroa e leo este poema:



ESTA IMAGEN DE TI

Estabas a mi lado
y más próxima a mí que mis sentidos.
 
Hablabas desde dentro del amor,
armada de su luz.
                                 Nunca palabras
de amor más puras respirara.

Estaba tu cabeza suavemente
inclinada hacia mí.
                                   Tu largo pelo
y tu alegre cintura.
Hablabas desde el centro del amor,
armada de su luz,
en una tarde gris de cualquier día.

Memoria de tu voz y de tu cuerpo
mi juventud y mis palabras sean
y esta imagen de ti me sobreviva.




     Agradézolle a Agustín o seu recordo para esa xeración, bautizada por Manuel Bragado como a “Xeración Lamote”, no seu discurso en Trasalba ao recibir o Premio da Fundación Otero Pedrayo na súa XXXII edición. E agradézolle  especialmente que se lembrase de min. Véñenme á cabeza as duras loitas nas aulas que tivemos que sufrir (si, sufrir) para cambiar as cousas no ensino todos aqueles mestres e mestras concienciados de que había que rachar moldes e vicios.
    
Actividade no Colexio Trabenco.
     Non había nada. Todo ulía a alcanfor. Non había axudas. Eras mal visto. Había que ler libros con experiencias avanzadas, centradas en Cataluña (Rosa Sensat), nalgún centro de Madrid (Trabenco) ou no estranxeiro. Coñecer a Rodari e ler  a súa gramática da fantasía foi todo un acontecemento; algo que te sacudiu ben forte e que che amosou novos camiños.
    

     Conferencias, cursiños, talleres, xuntanzas. Semellabamos axentes clandestinos. Creábanse colectivos (houbo ben deles), saían con moitísimo esforzo revistas, intercambiabamos materiais e experiencias. Queriamos unha escola que corrixise as desigualdades sociais, sen discriminacións e que procurase  descubrir as potencialidades que o ser humano posúe. 
    
Exposición de poesía na Biblioteca Rosa Sensat



     Aí comezou toda unha maneira de enfocar o ensino. Aí comezou a inclusión do libro literario nas aulas, as bibliotecas de aula, as bibliotecas de centro, a necesidade de que escribisen os alumnos/as dende prismas motivadores, os encontros cos autores e autoras…

    
     A nosa biblioteca, un proxecto ilusionante, comezou a funcionar con libros agasallados por libreiros amigos, comerciais e con volumes mercados por min mesmo. Saíume caro o proxecto, pero non me arrepinto o máis mínimo. Unha biblioteca que eu coordinaba e que levaban rapaces e rapazas de 6º, 7º e 8º de EXB. Toda unha experiencia.
    
Os nosos comezos. Biblioteca sen andeis. Libros sobre pupitres. Moita ilusión.
     Véñenme á mente todas esas actividades realizadas en soidade no meu centro. Merquei unha cámara fotográfica “decente” para facer diapositivas, un proxector, unha pantalla, libros de diversas idades. Pedía títulos prestados aos libreiros amigos, aos representantes das editoriais para fotografar e para facer exposicións  para que o alumnado se achegase a un tesouro que había que descubrir.
    
     Xornadas coa presenza de libreiros, editores ou autores no colexio. Xuntanzas cos pais (mellor dito, coas nais) para ensinarlles aqueles libros de diferentes formatos, tipos de letra, contidos, ilustracións… segundo as idades, que comezaban a aparecer nas librarías.
    

     A poesía e a narración nas aulas, a animación á lectura, a creación de espazos para gozar coa palabra escrita, á marxe dos libros de texto. Estes eran un complemento importante, sobre todo aqueles aos que lles daban un enfoque distinto ao habitual.
    
     Reuníame unha vez á semana con rapaces e rapazas que levaban dentro o verme da poesía e creamos o CLAP (Club de amigos da poesía), onde escoitabamos cancións con letras coidadas, liamos poemas, coñeciamos poetas e escribiamos versos e versos cunha ilusión sen límites.
    
    


     E, claro, que dicir da loita na introdución do galego nas aulas? Diante da incomprensión de tanta xente, do seu menosprezo polo noso idioma.Doridos  polas clases de galego dadas en castelán, polo descoñecemento da literatura que tiñamos: Rosalía, Celso Emilio, Neira Vilas, Curros, Manuel María…), pola nula axuda das institucións educativas, o labor fíxose durísimo. Pero o entusiasmo e a ilusión non minguaban e levabamos adiante o noso barco. Tocabamos moitos portos, nos que enchiamos as nosas bodegas para continuar coa travesía.

    
     Que tempos aqueles!
    
     E ademais escribiamos libros, recitabamos, visitabamos escolas e dabamos cursiños formativos para compañeiros/as que se interesaban por estes temas. Cantos levo dados na miña vida! E que pouco recoñecemento e motivación por parte daqueles que tiñan a obriga de dalo. En fin.
      

     Pois algunhas destas cousas foron o centro da conversa con Agustín. Díxome que todo isto non se sabe. Que a xente descoñece esta parte da historia do ensino en Galicia. Que moito tivemos que inventar e imaxinar para que houbese un verdadeiro cambio pedagóxico.
    
     Certo. Por iso reflicto aquí algúns (houbo moito máis) recordos. Foi o encontro co de Vilalba o que mo trouxo á memoria escenas vividas en tempos de miseria, que diría o poeta.
Agustín en Trasalba

     Agustín Fernández Paz, no seu discurso, refírese ás razóns que a Fundación Trasalba achegou  para outorgarlle este recoñecemento e, referíndose ao xurado, afirma:
     Destacan o traballo educativo e o labor de normalización da lingua, e personifican en min o esforzo colectivo dunha xeración de persoas que tiñamos entre 20 e 35 anos cando Franco morreu. Por iso quero salientar que aquí non só estou eu; o meu labor non sería nada sen a dos grupos onde desenvolvín a miña actividade. A traxectoria das e dos docentes da miña xeración non se pode entender sen os colectivos que fomos formando, para debater, intercambiar experiencias e materiais… e tamén para saber que non estabamos sós, para sentírmonos parte dun movemento que tentaba transformar profundamente a educación.
      

     Guiábanos unha evidencia: o sistema educativo funcionaba mal, era profundamente antidemocrático, estaba esclerotizado, e había que cambialo. Había que entrar de xeito decidido, enfrontándose ás prácticas autoritarias, á inxustiza, ao dogmatismo, á ignorancia e ao inmobilismo. Porque a renovación pedagóxica, se é verdadeira, é unha práctica transformadora. Nace para cambiar as cousas, para cambiar as mentalidades, para cambiar o mundo” (…)
      

     Ufff! Chegado a este punto, deixo o discurso, tan lúcido e necesario, e pregúntome se non estaremos volvendo atrás. Se non haberá que facer unha nova “renovación pedagóxica. Ai, Wert, Wert!! Se os profesionais do ensino (non todos, xaora) non se estarán acomodando máis do debido.
     O que si afirmo é que, en xeral, ese espírito renovador diminuíu bastante. Alá eles.
      
      Despídome de Agustín, non sen antes falar de Patrick Modiano (el comprou Villa triste) e da última novela de Landero. Aconséllame Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga. Coméntolle que xa a merquei e dime: Vaiche gustar. Unha nova aperta pon remate a este feliz encontro.

     Saíndo Agustín pola porta, volvo a abrir a antoloxía e leo  outro poema de Valente, na súa honra.



LA POESÍA

                   Homenaje a Rosalía de Castro

Se fue en el viento,
volvió en el aire.

Le abrí en mi casa
José Ángel Valente
la puerta grande.

Se fue en el viento.
Quedé  anhelante.

Se fue en el viento,
volvió en el aire.

Me llevó adonde
no había nadie.

Se fue en el viento,
quedó en mi sangre.

Volvió en el aire.



     
     Saio de Librouro coa miña bolsa cos libros. Cae unha choiva sen demasiada forza. 
     Esquecín o paraugas na casa, poño a carapucha e penso no marabilloso que é poder falar con persoas como Agustín.
     
      Entro en Elepé e merco un LP de Rodney Crowell. Excelente.
      E a vida segue o seu curso.

                                                                                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO