Admiro
a Paco Mantecón. Teño na casa tres cadros del. Era unha persoa encantadoramente
peculiar. Foi un pracer coñecelo e compartir algún momento con el. Daquela
coincidiamos pola editorial Galaxia e a súa faceta de deseñador gráfico
atraíame moito.
Marchou demasiado pronto desta vida. Co
que tiña que aportar!
Por iso, celebro a exposición que no MARCO
presenta a traxectoria dun pintor orixinal, innovador e necesario.
Gran traballo, por certo, dos comisarios
Alberto González-Alegre e Ángel Cerviño. Agradéceselles a montaxe dunha obra en
evolución, que nos permite coñecer as distintas fases do pintor dun xeito claro
e didáctico sen atender a fríos elementos cronolóxicos. Saben moi ben o que
fan. Parabéns pola súa tarefa tan acertada.
Visitei dúas veces a mostra que leva por
título Paixón e Cálculo. A segunda
delas, na compaña dun amigo íntimo, un irmán, un pintor de enorme categoría.
Refírome ao mestre Xulio García Rivas. Foi unha visita máis que agradable.
Xulio quería e admiraba a Paco.
Cando saímos, pedinlle ao meu amigo que
escribise algo para este blog-revista. O que lle apetecese. O que quixese
expresar sobre a obra, a figura de Mantecón, a sensación vivida na visita.
A Xulio encantoulle a idea. Non o dubidou.
Díxome que si, que por suposto lle apetecía facelo. O resultado é este texto
magnífico, ateigado de afecto e de sabedoría que se pode ler a continuación.
Un luxo que un dos grandes pintores de
Galicia na actualidade nos conte por escrito o que foi para el a figura de
Francisco Mantecón, ademais de facer uns sabios apuntamentos sobre a súa obra.
A obra, tal como podemos ler no fermoso catálogo da exposición, “dun dos maiores artistas ibéricos da
segunda metade do século XX no que atinxe á abstracción contundente, a dos
rectángulos e interseccións, a que mesturaba paixón e cálculo. Artista libre,
cunha liberdade controlada pola intelixencia”.
Unha
vez máis, Xulio, Versos e aloumiños
agradéceche a túa colaboración. Ademais dos teus cadros que aluman este espazo con certa frecuencia, a túa palabra amósanos canles que sen ela non descubririamos nunca.
Xulio García Rivas na exposición "Paixón e Cálculo" no MARCO en Vigo. |
FRANCISCO
MANTECÓN: A BELEZA DA PINTURA
XULIO GARCÍA RIVAS
Quen morre e non perece é eterno
E neste misterio
encóntrase a porta de toda marabilla
( Lao Tsé,
fragmentos XXII e I do Tao Te King )
Durante a miña visita á mostra de Francisco Mantecón no Marco de Vigo
acompañado por Antonio García Teijeiro, un irmán a quen quero e admiro, sentín
unha intensa e grande emoción ao ver as súas pinturas vin a Mantecón, si alí
estaba o seu espírito
extraordinariamente sensible, a paixón, a coherencia, a súa fina
intelixencia e o seu compromiso radical coa pintura. Recordei a miña relación
con Mantecón, vímonos algunhas veces en Tui e tamén en Vigo. Na súa
casa de Vigo , en 1983 tivemos unha longa conversación.
Nese momento Mantecón díxome que non
atravesaba un bo momento anímico, algo que me sorprendeu moitísimo. Eu díxenlle
o que pensaba sobre a súa obra e o
respecto e admiración que lle profesaba. Coa xenerosidade que o caracterizaba
decidiu regalarme unha obra sobre papel
Kraft que pertence a unha serie
na que Mantecón traballou ampliando pequenas zonas de pel da man logrando obras orgánicas que poden suxerir
referencias eróticas ou sensuais. Para min é unha paisaxe sobre a que se abre
unha fiestra que nos remite a un espazo inquietante. Tivemos un encontro moi
familiar en Tui, pouco antes da miña exposición na Galería Lepina en 1991. Alicia, Pilón ( así lle
chamabamos os amigos a súa muller ) e os nosos fillos respectivos Xavier e
Marcos. Mante ( como lle chamaba Pilón ) despois de ver algunhas das obras
díxome que eran moi “ cerebrais” , tamén apuntou algunhas observacións
cariñosas que nunca esquecín e sempre
as tiven moi en conta.
Francisco Mantecón ten na busca da beleza da pintura un dos seus principais argumentos,
expresada a través dunha fonda análise do espazo logrado coa sutil utilización
de rítmicas estruturas xeométricas, da
presenza do baleiro, dunha xestualidade controlada e da cor
moi matizada con delicados degradados que aportan á súa xeometría
elegancia, sinxeleza, sensualidade e misterio.
Mantecón, nos seus fondos, suxíreme
paisaxes sen horizontes, árbores, follas e ramas movidas polo vento, gotas de
chuvia e po. Eu vexo esas paisaxes esenciais acoutadas pola xeometría
que tanto me evocan o espírito
do Tao, da pintura chinesa taoísta
que , como o noso Mantecón, valoraba o baleiro como a clave na pintura
de paisaxes. Con sinxeleza e elegancia, ás veces, chega a un misticismo que aparece contido
en gran parte da súa pintura.
O traballo de Mantecón da década dos
noventa é especialmente atraente para min. Nestas obras o protagonismo da cor,
da xestualidade e das texturas é cada vez máis evidente. A estrutura xeométrica está pero xa non ten unha
transcendencia tan radical. Aparece, ás veces, como unha “veladura”
rectangular ou cadrada mergullada na
pintura. Así vemos a presenza cada vez
máis marcada dunha xestualidade que crea texturas e suxestións cheas de
misterio, de fondas emocións e que, en
ocasións, producen vertixe e inquietude. Pode moi ben servir de exemplo unha
obra ” Sen Título “ de 1993 na que o
movemento xestual da cor e as texturas dilúen os límites da estrutura dos
rectángulos emerxendo unha inquietante forma de cruz sobre un fondo de luces e
sombras que poden suxerir un ceo de treboada nunha paisaxe nocturna, case que
nos remite a unha concepción romántica e mística da natureza. O mesmo misterio
e vertixe produce unha obra de 1999 tamén “Sen Título “ na que sobre
un espazo nocturno vai emerxendo un círculo e nel aparece unha
fantástica e máxica arquitectura na que se abre unha porta ao silencio . Estas
obras sinalan, na miña opinión, un lixeiro cambio no proceso evolutivo da súa pintura que, desgraciadamente, non
tivo tempo de desenvolver.
Esta
mostra da obra de Francisco Mantecón reafirmoume, aínda máis, na miña idea de que
Abstracción e Figuración xa non son conceptos en confrontación. Neste sentido
quero deixar aquí o que nos di José María Moreno Galván no seu libro " Introdución á Pintura Española
Actual " (Publicaciones Españolas. Madrid 1960.) "O entendemento dos problemas que formulou a
arte contemporánea ao
longo do seu medio século
de historia esixe ter en conta esa dobre perspectiva de loita. Por un lado é
unha loita contra a figuración; por outro é unha loita na busca da realidade de
fondo, que pode ser de orde expresiva ou de orde formal...efectivamente a loita
antifigurativa tiña como finalidade deixar aclarada a existencia dunha
realidade non condicionada pola representación. Unha vez que esa finalidade foi
alcanzada, unha vez que a arte xa sabe a que aterse respecto á verdadeira
filiación da realidade, tal loita carece de obxectivo.” A arte “non figurativa
“ continuará existindo, pero xa non en guerra contra a representación senón a
favor do tipo de realidade que persiga. E a arte “figurativa” continuará
existindo tamén, pero sabendo que non é
só na súa representación onde se apoia a súa realidade, senón no carácter
“formal” ou “expresivo” da súa contextura interna”. … podemos definir idealmente a arte contemporánea como a “ gloriosa aventura da realidade en
liberdade “
Destaca na mostra a excelente montaxe
levada a cabo polos comisarios Ángel
Cerviño e Alberto González Alegre que
permite o diálogo das obras de Mantecón a través das súas afinidades
conceptuais e estéticas e non por medio dunha ríxida disposición
cronolóxica. Esta concepción da mostra
logra dar unha visión moi completa do traballo de Mantecón incluso para as persoas que descoñecesen a súa
traxectoria. A estrutura da montaxe
permite que se teña unha visión fonda da singularidade e transcendencia da súa
pintura. Tamén é un notable acerto a presenza dun vídeo no que Mantecón fala con
contundencia do seu ideario artístico. Debería de ser de obrigada difusión en
calquera centro de ensino e sobre todo nos centros dedicados á docencia da
Arte.
A
Coruña Marzo 2015