Novo ano, novos libros. Novidades ben interesantes.
Edicións Xerais de Galicia acaba de
publicar tres novidades de LIX que amosan o gusto con que esta editorial coida
as súas edicións.
Son tres libros para pequenos lectores. E
un, ben que se alegra cando aparecen títulos para idades nas que é preciso
achegar aos cativos poemas ou historias próximas que os axuden a medrar por
dentro. Que os fagan cómplices da palabra literaria. Que os empurren cara á
satisfacción de ter un libro preto, a través
do hábito lector e da calidade dos textos e ilustracións.
Unha tarefa necesaria, chea de atrancos e
máis, se cadra, se falamos de que están editados en galego. Os mediadores e
mediadoras agradecerán estes volumes, porque con demasiada frecuencia se
esquecen as editoriais destes tramos de idades.
Os libros que nos ocupan aparecen na
colección Merliño dous deles e o terceiro, un álbum en Pequeno
Merlín.
A alegría é dobre, para min, ao ver que a
poesía é a protagonista de Coller as
rendas e que O can Gastón anda
tristeiro évos un conto rimado.
En efecto, dende aquí volvo a alegrarme de
que a gran poeta Yolanda Castaño,
unha das mellores voces líricas do noso panorama literario, siga a escribir
poemarios para os pequechos. Un luxo e un recoñecemento de que a poesía, se é
boa (e a dela é magnífica), non ten idades nin prestixios diferentes.
Coller
as rendas (col. Merliño) é un poemario fresco, cheo de humor, moi ben
artellado, arredor de animaliños que teñen camiños por trazar. Hai animais de
moitas especies: unha berberecha, unha escaravella, unha carracha, un can, un
percebe etc. Bechos mariños, insectos, animais que teñen amigos e veciños, que
comparten, que se dan ánimos para que ao emprender os seus camiños se sintan
libres para facelo sen que ninguén os dirixa.
Velaquí un
dos poemas:
Ilustración de Xosé Tomás. |
Un
cullarapo
topou cun
sapo
que
inchaba o papo
por ser
maior.
“Ti vas de
guapo
e es un
cazapo.
Quen salta
logo,
salta
mellor”.
Un libro de poemas imprescindible para os
máis novos. Un libro delicioso, irónico, festivo, magnificamente ilustrado por Xosé Tomás, un ilustrador con máis de
vinte títulos de LIX que realza os poemas cos seus debuxos plenos de
orixinalidade e dunha expresividade que fascina. Crea un ambiente moi propicio
para que plástica e verso fagan un todo suxestivo.
O segundo, tamén en Merliño, chámase O can Gastón anda tristeiro. Un conto
rimado traducido ao galego por Carmen
Torres París, cuxo autor e
ilustrador é Pablo Rosendo (vigo,
1984), director artístico da serie de animación Berto´s diary, colaborador de diversas revistas e que publica
semanalmente unha viñeta no xornal “La Voz de Galicia”.
Un conto sinxelo, simpático, sen
pretensións, escrito na súa maior parte en pareados, que trata dun can
tristeiro, que nada, nada o fai feliz. O seu dono, Antón, pensa o indicible
para que cambie, para velo sorrir, ata que un día…
Nótase moi ben que o autor traballou na
animación pois os seus debuxos, planos, con moita viveza e cor, así o
confirman.
E o terceiro, está asinado por Sabela Fernández Torres, mestra
especializada en Audición e Linguaxe, licenciada en Psicopedagoxía e autora de
materiais e artigos no ámbito pedagóxico.
Dentro de Pequeno Merlín, Augusta e os seus medos cóntanos a
historia dunha nena, que está chea de soños, pero que é tan medrosa que non
consegue que ningún se lle cumpra. Isto o que lle di a miúdo o seu avó. Tiña
tantos medos que a Augusta non a deixan nin ulir, nin viaxar, nin falar, nin
sorrir. Un día decidiu comentar aos seus pais que quería ser valente. Daquela
comezou a atopar notas e caixas e tras lelas ou abrilas… “Sorprendida quedou co que dentro encontrou”. Un conto que, dun
xeito sinxelo, nos fala da necesidade de enfrontarse aos medos para superalos.
Ilustrado, con trazos lineais en cor, cheos de
tenrura e humor por Alicia Suárez,
este libro fará gozar aos lectores e lectoras pola súa sinxeleza e o seu
optimismo.
Demos, pois, a benvida a estes tres
títulos que aparecen nas librarías para faceren que a xente miúda poida
sentirse moi ben lendo.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO