Doen moito os informes que cada certo
tempo publican institucións coma Cáritas ou UNICEF en relación cos problemas
que a infancia no mundo padece: fame (que horror!), falta de medios para
garantir a saúde dos pequechos, utilización dos nenos nas guerras, abandono por
parte das autoridades, inxustizas, sen dereitos reais a recibir unha educación
mínima, mortalidade infantil alta,etc.
Pero doe máis, moito máis, que os gobernos
do mundo desenvolvido miren para outro lado, permitindo que isto ocorra no
século XXI e sendo conscientes de que as cifras aumentan e non fan nada para
arranxar o problema.
Que nome ten isto? Como hai que cualificar
estas actitudes? A resposta tería que ser tan dura que, afirmo, os dicionarios
de todas as linguas do mundo fican sen palabras axeitadas para nomear tan crúa realidade.
Dicía que aparece un libro, Os dereitos da infancia, editado en galego por Edicións Xerais de Galicia,
no que Antonio
R. Almodóvar, Eliacer Cansino, Gloria Cecilia Díaz, Agustín Fernández Paz,
Mariasun Landa, Gustavo Martín Garzo, Gonzalo Moure, Daniel Nesquens, Ana María
Shua e Lorenzo Silva
escriben fermosos contos para dar a coñecer, dende a mestría creadora, a pequenos
e adultos, eses dereitos que velan pola protección e desnvolvemento dos cativos
e cativas, aínda que, por desgraza, non se cumpren con demasiada frecuencia.
Dez contos orixinais ilustrados por Emilio Urberuaga, cos seus debuxos pícaros,
expresivos, cheos de cor que lles acaen perfectamente aos relatos.
Ten este volume un significativo prólogo
de Francesco
Tonucci
(o gran Frato), pensador, psicopedagogo e
debuxante italiano, que pecha as liñas cunha suxestión para os rapaces e
rapazas: procurade defender vós mesmos os vosos dereitos. Aprendede a pedir que
os adultos vos respecten. Collede o bo costume de protestar, con respecto pero
con firmeza, utilizando as armas da palabra, da escritura. Escribídille ao voso
director para pedirlles que vos escoiten e facede valer os vosos dereitos,
empezando polo do xogo.
Cada principio ten o seu conto.
O principio 1 di: O dereito á igualdade, sen distinción de raza,
relixión ou nacionalidade.
Gustavo Martín escribe “As mondas da lúa”,
que nos fala dun país no que, ao chegar a primavera, as mulleres poñían un ovo,
branco, perfecto, de tacto aveludado, e sentaban a esperar que o neno nacese.
Durante tres lúas tiñan os ovos con elas e, ao chegar a terceira, levábanos á
fraga…
O principio 2 di: Dereito a ter unha
protección especial para o desenvolvemento físico, mental e social do neno.
Antonio R. Almodóvar escribe “A nena
perdida”, no que unha nena chega ´`a Feira do Libro cunhas ganas enormes de ler
un conto que lle lera a súa avoa. Non lembraba o título e só sabía que trataba
dun neno que vivía só, porque fora abandonado polos seus pais e tiña un único
amigo, un falcón peregrino co que se entendía a base de asubíos…
O principio 3 di: Dereito a un nome e a
unha nacionalidade desde o seu nacemento.
Aquí, Ana María Shua, co seu conto “No
mundo dos Seres Estraños”, nos fala dun fillo que lle conta á súa mamá troll
que atopa un neno humano que non se reflicte nos espellos. Tiña grandes ollos
escuros e non sorría. Examinado por distintos veciños e persoas tratan de saber
de onde procede…
Principio
4: Dereito a unha alimentación, vivenda e atención médica axeitadas.
Mariasun Landa escribe “Chamarse Elna”,
onde unha rapaza e a súa nai reciben
unha invitación moi especial. Cando a nena chega á casa do instituto ve a súa
avoa e mais a nai choromicando e lendo a carta unha e mil veces…
Principio 5: Dereito a unha educación e
a un tratamento especial para aqueles nenos que sofren algunha discapacidade
mental ou física.
O conto de Gonzalo Moure leva por título
“A cabeza dun sabio”. Os piollos están a agardar a repartición de cabezas e
andan nerviosos, axitados, excitados. Pi era o piollo máis feble de todos, o
máis lento porque nacera do último ovo e pensaban que non viviría. O seu pai
desprezábao, pero a súa nai, perante a súa fraxilidade, coidábao con tenrura.
Pi vía como os seus irmáns saltaban ás cabezas; sen embargo el…
Principio 6: Dereito á comprensión e ao amor dos pais e da sociedade.
No
conto “Un pai, unha nai, un gato” Daniel Nesquens fala da historia dun rapaz
que non tiña pai nin nai, pero tiña unha casa. E un gato azul, a súa verdadeira
familia. O seu mellor amigo. Aos dous gustáballes pasear polas aforas da vila.
Ademais o rapaz padecía unha estraña enfermidade que lle impedía falar. A casa
onde o rapaz vivía non tiña ventá…
Principio 7: Dereito a unha educación gratuíta. A divertirmonos e a
xogar.
O único escritor galego do libro, Agustín
Fernández Paz, deléitanos con “O voo das bolboretas”, un conto no que un
inmigrante de Senegal abandona coa súa nai a casa do seu país de orixe para
reunírense co pai que leva catro anos traballando en España. Un conto de
lembranzas: do primeiro día na nova escola, de Sara, a profesora que entra na
aula para traballar con el, da noite en que mamá lle di que este curso non
podería ir ao comedor…
Principio 8: Dereito a estar entre os
primeiros en recibir axuda en caso de perigo.
“Non che pasará nada”. Así se chama o
conto que escribe Lorenzo Silva. Nel, Eva foi espertada moito antes da hora
acostumada. Eran as cinco da mañá e preguntábase por que a súa nai a obrigaba a
madrugar tanto. A nai deixa unha maleta pequena no corredor, xunto á porta da
rúa e, sen volverse cara á nena, dille que non se equivocou. Isto a Eva empeza
a cheiralle a chamusco e…
Principio 9: Dereito á protección
contra calquera forma de abandono, crueldade e explotación.
Gloria Cecilia Díaz, escritora colombiana,
escribe “A transparencia da chuvia”. Lourenzo, un rapaz de clase acomodada,
lembra as últimas palabras que lle dirixiu o seu bisavó antes de morrer: “Non
esquezas atravesar a luz”. El foi o seu refuxio. Era quen o coidaba cando estaba
enfermo, quen o consolaba cando a ausencia dos seus pais se facía moi dura. Un
día Lourenzo viu un rapaz moi fraco que corría dun lado para outro tratando de
recoller a súa pobre mercadoría esparexida …
Principio
10: Dereito a recibir unha educación que fomente a solidariedade, a amizade e a
xustiza entre todo o mundo.
O derradeiro relato do libro está escrito
por Eliacer Cansino. Co nome de “Confusión” un mozo vese salavado cando enxerga
as tendas onde acampan os homes do deserto. Non o coñecen e mírano con
desconfianza ao pdirlles axuda. Están dispostos a darlla pero pídenlle algo a
cambio. O mozo lembra as palabras do seu mestre : “só é valioso o que se ama”.
Rebusca na súa alforxa e saca dela un…
Dez contos que poñen o dedo na chaga, que
nos fan pensar, que alimentan o nos gusto pola literatura.
Dez contos moi ben editados,
magnificamente ilustrados (grande, Emilio Urberuaga), nove deles traducidos por
Begoña Varela agás, loxicamente, “O voo das
bolboretas” de Agustín, por razóns obvias.
Un agasallo para o espírito. Un deses
libros que deben estar presentes decontino na nosa vida cotiá.
Achegarse a estas historias fainos, sen
dúbida, un pouco mellores.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO