domingo, 23 de noviembre de 2014

A VOZ POÉTICA DOS MEUS ALUMNOS E ALUMNAS EMOCIONOU EN SEVILLA.


     Xa estou de volta.
      
     Atrás quedan catro días marabillosos.
      
     Quedan atrás no tempo, mais non no reloxo dos sentimentos vividos, gozados.
     Nese reloxo as agullas xiran pero ese tempo é infinito. Máxico.
      
     E volvo feliz, orgulloso, emocionado. A presentación do noso proxecto, (si, noso, dos rapaces e rapazas de Secundaria), “Haciendo camino con Paco Ibáñez” removeu o máis fondo dos asistentes ao acto no Centro de Iniciativas Culturais da Universidade de Sevilla (CICUS).
     
Durante a miña intervención.


     Expoñíanse alí, experiencias didácticas baseadas na obra de Paco Ibáñez. Esa obra inigualable, monumental que abrangue unha parte esencial da poesía en lingua castelá – España e Iberoamérica – dende o século XIII ata o momento actual.
      
     Comezou o acto cunha mesa redonda que inaugurou Julia Sanjuán, doutora en Historia e directora de “A Flor de Tiempo”, e na que participou o editor, profesor, crítico de arte, Francisco Lira, coordinada por Rafael de Cózar, catedrático de Literatura da universidade sevillana.
      
Esq. a dereita: Francisco Lira, Rafael de Cózar e Julia Sanjuán.
      Tras a sentida e lúcida intervención destas tres persoas, de Cózar coordinou tamén as diversas exposicións pedagóxicas.
    
     Matilde Rodríguez-Castellano e Julio Flórez comentaron “Palabras con alas. Una propuesta para el aula”, realizada en centros educativos de Xixón, Madrid, Bruxelas e Edimburgo. Impresionantes os obxectivos marcados e conseguidos.
      
Expoñen Julio Flórez e Matilde Rodríguez-Castellano.
     Miguel Alcedo, director do CEIP “Alfonso X el Sabio” de Xerez da Fronteira, presentou unha fermosísima proposta, “Paco Ibáñez, desde niño”. Realizada por rapaces de Primaria do centro, moi plástica, encantounos. Un traballo gozoso e necesario.
     
Á dereita, expón Miguel Alcedo.
       
     Foi Violeta Luque, doutora en Psicoloxía social e profesora da Universidade de Cádiz quen nos falou de “Foro de Debate: La Labor Conscientizadora de Paco Ibáñez”, “Nos queda la palabra”, dentro da comunidade virtual. Unha rede de debate internacional arredor do traballo do “poeta musical”, como o definiu acertadamente Rafael de Cózar. Unha interesantísima actividade.
      
     
Violeta Luque, á dereita, na súa participación.

     Javier Alonso, profesor de Xeografía e Historia, foi o encargado de facernos viaxar pola Vega granadina, co proxecto do IES “Ilíberis” de Atarfe (Granada) chamado “Lorca para la Vega”. Un proxecto, aínda en construción, moi ambicioso e vencellado a esa fermosa terra.
    
      
Javier Alonso, á dereita, esmiuzando a súa experiencia didáctica.
     E chegamos á nosa iniciativa. Aquí teño que dicir que os meus alumnos e alumnas (algúns xa ex) foron a sensación do acto pedagóxico. Non esaxero ren.
     O labor desenvolvido cada luns, ao longo de cinco meses, tivo un recoñecemento xeral e brillou con luz propia. Que fachendoso me sinto deles! 
    
      

     Os seus poemas, os seus textos poéticos, as súas preguntas a Neruda e a Paco, as súas reflexións, as súas cartas a persoas descoñecidas, os seus versos compartidos cos grandes poetas, a súa inmersión en Latinoamérica (grazas, Alba), os poemas conxuntos, as recreacións plásticas (fermosa guitarra, Dana), a Poemoteca levantaron a admiración dos asistentes que chegaron a aplaudir, no medio da exposición, a beleza dos textos que eu ía lendo emocionadísimo.
    
Debuxo de Paco Ibáñez. Autora: Nicole Doural.
     O propio Paco Ibáñez deume, ao rematar, unha efusiva e interminable aperta e manifestoume que lle encantaran os textos lidos. Seguía nunha nube.
      
     Veño mantendo, dende sempre, que, malia problemas e situacións difíciles que existen, as rapazas e rapaces son o mellor do ensino.
      
     Unha vez máis, quedou comprobado. Por iso loitamos, non ?
    

     Nun silencio que se cortaba, os textos de Wendy Carrillo, de Iago Freire, De Nicole Doural, de David Couceiro, de Silvia Castro, de Paula Cabañas, de Iriana Cabaleiro, de Jacobo García, de Ariana del Valle,de Laura González, de Fran Otero, de José M. Malga, de Lía Aldea, de Álex Cerdeira, de Javier Freije, de Alexia Venegas, de Jennifer Rodríguez e dalgúns máis, entraron directamente no corazón do numeroso público asistente.
      

     Comprendín, de novo, canto quero os meus alumnos e alumnas e que importancia ten a poesía na súa formación coma persoas.
      
     Comprendín, por enésima vez, a forza dos versos, os seus efectos tan beneficiosos. 
     Comprendín que a palabra poética posúe un encantamento insubstituíble. Achega, apreixa, aloumiña, sacode. É unha fonte de reflexión. Dá forzas.
    

     Non esquecerei endexamais ese día 18 de novembro en Sevilla. A palabra do alumnado do Colexio Possumus voou e atravesou fronteiras. Fixo máis universais os sentimentos humanos e demostrou que non todo son exames e cualificacións na vida. Hai bastante máis.
      

     Xa estou de volta, dixen ao principio.
      
     E síntome feliz (coido que xa o comentei, pero tanto ten). Feliz xunto a eles e elas. Feliz porque o orgullo que me fixeron sentir estes rapaces non se pode expresar con fidelidade total.
     

        Todo isto foi un achegamento imperfecto, pero sincero.
      
        Bicos e versos para todos!



                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO