jueves, 6 de noviembre de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( XV ) : BLIND BLAKE



Dende sempre tiven interese por aquelas figuras da literatura e da música sobre as que moi pouco se coñece. Tal é o caso do doutor Carlos García, que escribiu dúas obras en castelán publicadas en París a comezos do século XVII, unha delas pertencente ao xénero picaresco, ou do cantante Emmett Miller, sobre quen Nick Tosches escribiu un magnífico libro titulado Where Dead Voices Gather (Onde se xuntan as voces mortas) pero que, malia ter influído en grandes do country coma Bob Wills ou Hank Williams, fica envolto nun misterio que o paso do tempo fai a cada volta máis impenetrable. Algo semellante ocorre con Blind Blake, un dos guitarristas e cantantes de blues máis prezados dos anos 20 e 30, de quen moi pouco sabemos, aínda que algúns estudosos teñen traballado arreo para atopar datos que iluminen a súa traxectoria vital. De Blake non nos queda máis ca unha fotografía, na que aparece vestido de xeito elegante e cunha boa guitarra descansando no colo, e na que podemos apreciar que era cego. Quedan, ademais, unhas oitenta gravacións que fixo para o selo Paramount entre 1926 e 1932, e que son boa proba do virtuosismo instrumental dun home que era quen de tocar a guitarra coma se fose un piano e que non se limitaba a acompañar a súa voz co instrumento, senón que creaba arranxos complexos e solos dunha rapidez extraordinaria. Quedan, tamén, as testemuñas dalgúns músicos que tocaron con el ou que o coñeceron, coma Papa Charlie Jackson, Blind Willie McTell ou o Reverendo Gary Davis, pero ás veces as súas declaracións caen en contradicións irreversibles. Tal é o misterio que aboia sobre a vida de Blake que non está claro se é el quen toca e canta en "Champagne Charlie Is My Name," a súa derradeira gravación.


Blake debuxado por Robert Crumb
Por non saber, nin sequera sabemos o seu verdadeiro nome. Durante anos pensouse que era Arthur Phelps, pois así o declarara Blind Willie McTell, pero nun dos seus rexistros fonográficos, o mesmo Blake di que o seu nome é Arthur Blake, así que eu prefiro crer o que di o interesado, que ben debería saber o seu propio nome, non si? O seu certificado de defunción especifica que naceu en Jacksonville, no estado de Florida, durante a derradeira década do século XIX, probablemente en 1896, o que explicaría o sotaque que se pode escoitar nalgúns dos seus discos. Blake, que era cego de nacemento, segundo as crípticas notas biográficas dun catálogo discográfico de Paramount de finais dos anos vinte, foi obtendo renome devagariño na súa rexión do país pola súa impresionante técnica á guitarra e por ter un repertorio ecléctico que incluía dende blues ata ragtime, pasando por temas de music hall e mesmo pop. Pero a meirande parte das súas gravacións, que comezou a facer despois de se asentar en Chicago cara á metade da década dos vinte, céntranse no blues e no ragtime, con varios temas compostos por el mesmo. Así, entre 1926 e 1932, Blake rexistrou para Paramount e para a posteridade clásicos coma "Early Morning Blues", "West Coast Blues", "Southern Rag" ou "C.C. Pill Blues". Blake era un verdadeiro lóstrego cando tocaba a guitarra no seu estilo vertixinoso e orixinal, e Paramount decidiu utilizalo como músico de sesión acompañando a cantantes coma a gran Ma Rainey. Ao mesmo tempo, algunhas das gravacións de Blake contan coa participación doutros instrumentistas coma Papa Charlie Jackson ou o clarinetista Johnny Dodds.


O enorme éxito dos discos de Blake, que debe ser atribuído tanto á súa voz clara e melodiosa coma ao seu dominio da guitarra, aseguroulle seguir gravando mesmo durante os anos da Gran Depresión, que afectou moi negativamente á industria discográfica estadounidense. Pero a súa carreira rematou de súpeto cando a compañía Paramout pechou as súas portas debido a problemas económicos en 1932. A partir de entón, aínda menos sabemos dos derradeiros dous anos da vida de Blake. O Reverendo Gary Davis, que se viu moi influído polo estilo e polos discos de Blake, dixo nunha ocasión que a morte lle sobreviu tras ser atropelado por un tranvía en Chicago, pero non hai datos fidedignos que o confirmen. O máis probable é que, como figura no seu certificado de defunción, a causa do seu pasamento fose unha tuberculose pulmonar causada por unha pneumonía mal curada. Como é doado supoñer, cando Blake morreu, o primeiro de Nadal de 1934, non foi unha nova de alcance nacional, pero para o blues e para a música en xeral constituíu unha perda irreparable. Non só Gary Davis estudou os discos de Blake, senón que tamén o fixeron músicos posteriores coma Ry Cooder, Jorma Kaukonen e Leon Redbone, e o título dun dos discos de Bob Dylan dos anos oitenta, Good As I Been to You, coincide cun dos versos do tema de Blake "You Gonna Quit Me Blues", do cal o de Minnesota fai unha versión moi semellante á orixinal nese álbum. Varias son as compilacións que poden atoparse en CD, pero sen dúbida, a mellor introdución á obra de Blake é o dobre Rough Guide to Blind Blake (World Music Network, 2013), pero quen estea verdadeiramente interesado en mergullarse na súa música (o que eu recomendo sen reservas) debe facerse coas súas gravacións completas, dispoñibles nunha caixa de cinco discos baixo o título de All the Published Sides (JSP Records, 2003). Ambas as dúas opcións permiten apreciar a incontestable calidade instrumental e vocal dun deses músicos únicos que paga a pena descubrir.


Publicidade para o disco de Blake "He's in the Jailhouse Now"

Xa que, obviamente, non temos vídeos de Blind Blake, déixovos cunha actuación do Reverendo Gary Davis, un dos bluesmen máis influídos pola técnica de Blake. Trátase dunha pequena xoia de vinte e cinco minutos na que Davis interpreta diversas cancións, algunhas delas instrumentais, que lembran o estilo de fingerpicking de Blind Blake. 



                                                 ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ