martes, 19 de agosto de 2014

A POESÍA DE PERDAS E AUSENCIAS DE BENITO PÉREZ FERNÁNDEZ.



Benito Pérez Fernández
     Hai persoas que posúen unha  potencia creativa verdadeiramente enorme. Unha forza interior que as permite crear dende o máis íntimo.
     
      E hai, entre elas,  persoas cuxa diversidade brilla, porque son quen de tocar paus  variados no eido da cultura.
      
     Algunhas escriben; outras tocan instrumentos, fan música, dan pasos na poesía e debuxan ou pintan de marabilla.
      
     
     Benito Pérez Fernández é unha destas persoas, capaz de tocar a frauta traveseira ou os teclados, de pintar óleos ou acrílicos, de debuxar maxistralmente e de expresar con fondura os seus sentimentos.
     Benito Pérez fixo ultimamente dúas exposicións (Cangas de Morrazo e Santiago). Un éxito.
      
     Pero Benito Pérez viviu un tempo moi duro, debido a un caso grave de enfermidade no contorno familiar. Loita, pasos cara adiante, retrocesos, esperanzas, novos camiños, máis esperanzas, tensións, angustia…a loucura!
     Daquela, chegou a man de neve e levou con ela a Merchi.
      
     Benito é un ser intelixente e sensible. Deixou de pintar durante todo o difícil proceso. Foi asimilando todo ata un punto demasiado fondo. E rachou. E ergueuse. Reflexionou. Interiorizou. Con persoas, que o queremos, ao seu redor, Benito non deixou de buscar, quizais de buscarse; de intentar non caer no pozo do irremediable e levantar a cabeza. Procurou o equilibrio. Non foi doado. Penso que o conseguiu.
      
      Un dos apoios neses momentos de baleiro emocional foi, sen dúbida ningunha, a poesía.
      
     
Non me estraña nada, pois o espírito poético, dende a lectura ou a escrita, permite reencontrarse coa esencia do ser humano dende o punto de vista subxectivo e ese “eu”, en contacto con todo aquilo que forma a contorna , vai recibir as doses de compaña necesaria para continuar a travesía polo terreo da vida. É un bálsamo. Un alivio que nace da necesidade humana de reflectirse nas moitas arestas que o día a día presenta. Sénteste menos só cuns versos na man, cuns poemas que acariñan e dan forza para superar as malas épocas sufridas con intensidade.

       Iso fixo Benito Pérez. Escribir poesía para sentir a catarse necesaria perante a dor da perda.
      
       Así naceu Sendas, un manuscrito composto por poemas fondos, intensos. Poemas de diálogo, de lembranzas. Poemas sen fatalismos nin desacougos excesivos. Pero, por riba de todo, poemas necesarios.
     Leunos nunha fermosa noite de verán na miña casa, durante unha desas veladas poético-plástico-musicais que facemos de cando en vez. Deixounos mudos.
     Emocionounos. Leu con sentimento e naturalidade á vez.
      

Pedinlle unhas palabras para  Versos e aloumiños sobre o que o levou a escribir estes poemas.
      
      Benito escribiu isto:

     Envíoche estas reflexións sobre o poemario.
Cando xa non sabes como xestionar a dor, e a ausencia non che permite vivir.
Cando o sufrimento se fai insoportable , e as emocións transfórmanse  nun remuíño incontrolable , necesitas visualizar estas emocións para poder seguir.
Por iso escibín estes poemas
Tamén tento reflectir aquilo que me produce sosego e tenrura , sen esquecer esa crítica necesaria a esta sociedade que nos tocou vivir.

    
     Pódese engadir algo máis a estas palabras tan emotivas e sinceras?
     Penso que non.
     Mellor será ler uns poemas de Sendas e comprender ata que punto a ausencia dun ser querido, o compromiso ético e a calidade literaria poden convivir nun espazo escrito para sobrevivir.




Pintura de Benito Pérez Fernández.
Quéntome coas verdades
escritas nas estrelas,
para sobrevivir no misterio
deste caos harmónico.
Sintonías inaudibles
achegan do máis profundo
anacronismos que corroen
este corazón canso.
Loita desigual.
Escepticismo depredador.
Imaxes xustapostas,
dunha lírica
prisioneira do silencio.





Pintura de Benito Pérez Fernández.

A mística perversa da violencia
evoca accións abxectas,
cerimoniais iniciáticos,
circunscribindo espazos letais.
Vontades degradadas
comproban a masacre:
certeza da sen razón.






Pintura de Benito Pérez Fernández.

Carraxe nas veas,
inmolación perfecta,
nomenclatura do perverso.
Arritmias disuadindo
o pulo construtivo da crítica.
Canción de berce
para un mundo
en fase terminal.
Homenaxe póstuma.









 
Olladas de anguria
que queiman,
que abrasan.
Corazóns azoutados
pola vertixe da perda.
Sentín o salouco
dunha dor sen consolo,
perpetuando cada intre,
como pegada inevitable.






                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO