Son Foolmakers.
Si, “artesáns da loucura”, máis ou menos. Coñecinos nunha conversa con Luis
Vila e coa magnífica cantante, Pilocha, hai uns días.
Pilocha |
Levo ben anos coincidindo con eles no
Festival de Jazz de Pontevedra. Sabía quen eran, dende que Pilocha participara
nun traballo fenomenal de Antón Seoane, que musicou poemas infantís, algúns
meus.E antes das actuacións de Richard
Bona e Eric Bibb, nesta edición, falamos o que non falaramos tempo atrás. Foi
un auténtico pracer.
E Luis contoume a experiencia de Foolmakers. Un proxecto marabilloso que
naceu, case por casualidade, en Lugo, no mes de xaneiro de 2013. Catro
psiquiatras e un músico profesional reúnense para formar un grupo de jazz. Toma
corpo a partir da amizade de Luis Vila e Carlos Doval.
Luis Vila |
(Así nacen os grandes grupos. Lembrade os
Beatles, por exemplo. Amizade entre dous).
No servizo de psiquiatría do HULA, hai uns
médicos con inquedanzas musicais. Luis Vila lanza a idea e xúntanse con Doval
para tocar. Ensaian, existe química entre eles e axiña comezan a participar nas
“jam sessions” que organiza a Escola Fábrica de Sons no club Clavicémbalo na capital lucense.
A
partir de aí, todo encaixa perfectamente. Conceptos como “clases de harmonía de
jazz”, “amizade”, “paixón pola música”, “composicións”, “galego”, “standards”
etc. van uníndoos día a día.
"Son un gigoló". Foolmakers no Café Jam Session de Ourense. Convidado, Cleto González.
Clubs coma El Cercano (Ourense), Clavicémbalo,
Dado Dadá (Santiago de Compostela), Joana´s Place (A Coruña), por exemplo,
son testemuñas da categoría dun proxecto ilusionante.
Soan moi ben. Son orixinais. Polo que
non é de estrañar que este ano 2014 vaian tocar nun dos concertos das Festas de San Froilán en
Lugo.
"St.Louis Blues". Foolmakers no Café Jam Session de Ourense.
O seu repertorio está formado,
basicamente, por temas standards de
jazz, algún bolero ou bossa nova e versións cun toque jazzístico de temas de
Lou Reed, The Beatles ou Pilocha (fermosísima a versión que fan d´O sancristán de Coímbra) quen subiu con eles ao escenario nunha ocasión e, estamos seguros, non será a última.
Debemos salientar que a meirande parte
dos temas deste repertorio son traducidos ao galego, cambiando as referencias
orixinais por outras más próximas á nosa actualidade e á realidade de Galicia.
Todo isto, dende logo, tinxido de ironía e retranca.
Ella Fitzgerald |
Actualmente, teñen montado un
espectáculo titulado “Cancións de amor e sornaswing”, no que interpretan
clásicos de Ella Fitzgerald e Billie Holiday, temas de películas como “Put the
blame on Mame” de Gilda ou “I wanna
be loved by you” de Con faldas y a lo
loco e outros máis, todos, iso si, en galego e con esa retranca nosa que os
fai moi atraentes.
"Toda a culpa é dela". Foolmakers no Club Clavicémbalo de Lugo.Festival Jazz.2013
Son Foolmakers
(ou como os chaman popularmente “os psiquiatras”) un grupo musical curioso,
orixinal e digno de gozar con el.
Un grupo de jazz formado por Paula Cores (voz), Luis Vila (piano, teclados),
Isidro Gómez (batería), Luis
González (guitarra e voz) e Carlos
Doval, o único músico profesional, que toca o baixo.
Versos e aloumiños, sempre preto daqueles
proxectos artísticos que pagan a pena, ofrece Foolmakers aos seus lectores/as
para que coñezan de preto o moito e bo que se fai neste país noso.
Deseguido, podemos entrar no mundo de Foolmakers, se vemos esta reportaxe que realizou a TVG. Interesante.
Que a "loucura" do jazz siga viva coa música destes fabulosos artesáns.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO