Que a editorial Kalandraka é unha referencia
indispensable no mundo da LIX tanto galega como a nivel do estado e, mesmo alén
das nosas fronteiras non o discute ninguén.
Que Kalandraka / Faktoría K de Libros ten
un prestixio inmenso en todos os círculos literarios pola calidade das súas
publicacións é algo incuestionable.
Que aposta polos textos
e polas ilustracións innovadoras, por autores e autoras con talento, por
ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel resulta evidente e gratificante.
Non hai ocasión, nas
miñas viaxes literarias por España, na que, entre o profesorado, escritores
amigos e demais, non saia o nome desta editora tan rompedora.
O deseño dos seus
libros, o gusto pola edición, a nómina de autores e autoras, ademais da
recuperación de clásicos da LIX mundial (o gran Fernando Alonso será o próximo)
fan de Kalandraka / Faktoría K de Libros
unha editorial dun extraordinario prestixio.
E canto lle agradezo a
publicación de libros de poesía! Achega ao público clásicos da lírica universal
na colección “Trece Lunas” (Nicolás
Guillén, Fernando Pessoa, Miguel de Unamuno ou Gabriela Mistral), da poesía
galega (Rosalía de Castro, Ramón
Cabanillas ou Celso Emilio Ferreiro) e publica gañadores/as do Premio Internacional “Ciudad de
Orihuela” de poesía para nenos (“El secreto del oso hormiguero” de Beatriz Osés, “Ciudad Laberinto” de Pedro Mañas, “El idioma secreto” de Mª José Ferrada) e na colección “Orihuela”
encontramos libros tan suxestivos coma “Almanaque musical” de Antonio Rubio, “O baile diminuto” de MªJosé Ferrada, ambos traducidos ao
galego por Xosé Ballesteros, “De
los álamos el viento” de Ramón
García Mateos ou “Bululú” de Beatriz Giménez de Ory.
Son libros, ademais, ilustrados
de maneira moi fermosa e orixinal, que abren novos camiños de ilustración, nada convencionais
e que crean un mundo paralelo ben interesante aos versos que acompañan. Libros
ilustrados por Sole Poirot, David
Pintor, Fernando Vicente, Zuzanna Celej, Mariona Cabassa, Miguel Ángel Díez
etc.
Teño enriba da miña
mesa unha serie de libros que me emocionan. E moito.
Engaiolado estou co
gran Maurice Sendak, quen, por
certo, vai centrar o plan editorial de Kalandraka ao longo do presente ano.
Unha gran noticia para a todos os que, hai ben anos, gozamos cos seus títulos
tan vangardistas e peculiares. A obra dun home que estaba convencido de que dar
forma á fantasía de millóns de nenos era unha gran responsabilidade. Iso dicía
a crítica e iso, estou seguro, tamén o sabía el.
Quen non lembra o mítico “Donde
viven los monstruos”? Un libro que tanto nos fixo gozar cun texto agudo,
con moita forza, e cunhas ilustracións tan diferentes do que estabamos
acostumados a ver/ler.
Ilustración de "Donde viven los monstruos" (Maurice Sendak) |
Nestes intres estou
engaiolado por “Na cociña da noite” do escritor estadounidense. Un álbum
excepcional. A historia dun soño dun neno que se afunde nas sombras da noite e
mestura situacións soñadas coa realidade. Exquisito.Obra dunha imaxinación
desbordante, ilustrada con tinta e acuarela, no estilo do cómic en distintos
tamaños e ateigada de detalles. Unha marabilla plástico-literaria. Un álbum
para todas as idades. Literatura intelixente, sen dúbida. Sendak é unha referencia da LIX de todos os tempos que debe ser coñecida ben a fondo.
E agora irei poñendo
unha mostra dos libros de poemas que están na miña mesa de traballo. Poemarios
cos que gocei profundamente e que deben ser tidos en conta para que os cativos
(e os mediadores) comprendan que a poesía provoca alegría e resulta atractiva
cando ten calidade.
Xosé Ballesteros. |
Antonio
Rubio (texto) e David
Pintor (ilustrador) firman “Almanaque musical”, traducido ao
galego por Xosé Ballesteros.
Leamos un poema:
XULLO
Músicos en xullo
coma liñas rectas
dun gran pentagrama.
A clave de sol
é unha barcaza:
remos desvelados
sobre a auga clara.
Palmeiras moi altas
chantadas na praia,
allegro non presto
que flota na auga.
Ramón
García Mateos é o autor do poemario “De
los álamos el viento”, cuxas ilustracións son de Fernando Vicente.
Leamos o seguinte
poema:
De los álamos el viento
a las orillas del agua
y el cielo azul en las
manos
contemplando tu mirada.
A lo lejos sin remedio
tiembla la voz en el
alma.
Canto si quiero cantar
pero lloran mis
palabras.
El cielo azul en las
manos
contemplando tu mirada.
De los álamos el viento
a las orillas del agua.
María
José Ferrada, autora do marabilloso poemario “El
idioma secreto”, escribiu estoutro libro de poemas, “O
baile diminuto”, traducido ao galego por Xosé Ballesteros. As ilustracións, máis que suxestivas, son obra de Sole Poirot.
Velaquí un poema deste
libro:
O
VAGALUME
O vagalume nun
principio non era nada,
pero despois foi
vagalume.
E como era vagalume
fixo un farol verde,
prendeuno nunhas das
súas antenas
e saíu a coñecer mundo.
Pensou que o mundo tiña
moitas cousas
que iluminar cun farol.
Pensou nas laranxas
coma pequenos soles.
Pensou no orballo,
coma un abrigo de auga.
Pensou no tomate
coma un universo
pequeno e vermello.
E o vagalume, que nun
principio non era nada
pero despois foi
vagalume,
pensou que cada cousa
vista á luz dun farol
tiña un brillo
diferente.
E foise polo mundo
iluminando as cousas,
iluminando.
Fernando Pessoa |
E vou rematar
referíndome a unha antoloxía que se me fai necesaria. Trátase da “Antoloxía poética de Fernando Pessoa”.
Haina en castelán, pero eu teño nas miñas mans a edición en portugués. Trece
poemas que publica Kalandraka Editora
Portugal. Trece poemas que inauguran a colección “Treze Luas” en portugués,
que vén reforzar as “Trece Lúas” en galego e as “Trece Lunas” en castelán.
Unha alfaia máis desta
editorial que non deixa de abrir portas nos edificios máis universais.
Trece poemas moi ben
escollidos por Margarida Noronha e Pedro Proença, responsables, ademais,
da edición literaria. Poemas emblemáticos do universo de Pessoa, cunhas
ilustracións de Pedro Proença, unha
das figuras máis salientables do panorama das artes plásticas, que aporta ao
libro unha viveza e un colorido espectaculares, non exento dun humor moi
persoal.
Non podo resistir a
tentación de incluír neste artigo un dos poemas máis significativos do poeta de
Lisboa.
AUTOPSICOGRAFIA
O poeta é um fingidor.
Finge tão completamente
Que chega a fingir que
é dor
A dor que deveras
sente.
E os que lêem o que
escreve,
Na dor lida sentem bem,
Não as duas que ele
teve,
Mas só a que eles não
têm.
E assim nas calhas de
roda
Gira, a entreter a
razão,
Esse comboio de corda
Que se chama coraçao.
Kalandraka
ten
levado moitos premios pola liña trazada dende o principio. Pero eu quero
subliñar dous deles: O Premio Nacional ao mellor labor editorial cultural 2012 e un segundo que me
gusta especialmente: O Premio Xoán M. Pintos ao compromiso coa
lingua 2013.
Unha festa da palabra e
das artes plásticas son os libros desta singular editorial galega.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO