viernes, 11 de abril de 2014

"DEBUXOS NO MURO" de AURORA RUÁ: PASADO E PRESENTE UNIDOS POR TRAZOS DE CARBÓN



    
Aurora Ruá
Interésanme sempre  todos aqueles libros que rozan a guerra civil española. Que a teñen de fondo. Que a tratan con elegancia literaria.
       
     Nesta época, na que a Lei da Memoria Histórica está a ser desprezada, convén que a mocidade saiba que aquí houbo unha contenda que ten feridas sen cerrar. Odio esa frase  “hai que pasar páxina”, cando quen a di, sempre dende o mesmo bando, se refire a esquecer, soterrar algo que aínda ten as súas reminiscencias entre a poboación  e do que aínda faltan moitos estudos por facer.
      
     Por iso gocei coa novela “Debuxos no muro” da escritora, avogada e libreira Aurora Ruá, publicada pola editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste.
      
     “Debuxos no muro” é unha novela curta de menos de oitenta páxinas que presenta dúas historias paralelas, afastadas no tempo, e dous mozos coma protagonistas delas.
      
     Unha prodúcese na actualidade  (ano 2011) e a outra desenvólvese contra o remate da guerra civil (ano 1938).
     
      Pablo ten quince anos, quedoulle para setembro unha materia (Historia, precisamente) e pasará co seu pai, unha especie de castigo, os últimos quince días de agosto para preparar o exame de setembro no hospital onde o home é director.
      
Debuxo de "Atila en Galicia". Castelao.
     Pep é un rapaz da mesma idade de Pablo, prisioneiro republicano, fillo dun cartelista de sona que un día, en plena guerra desaparece. Pep remata recluído nun campo de concentración para presos que defendían a República. A Pep gústalle debuxar e faino ben. Dada a súa falta de liberdade, o mozo debuxa na parede e nun caderno aquilo que para el resulta esencial.
     
      O que semellaba un castigo converteuse para Pablo nunha aventura interior e exterior interesante. Cando descobre os debuxos que hai na parede dunha cova, a súa actitude comeza a cambiar e o interese por esa descuberta dálle un sentido inagardado á súa estadía no hospital.
      
     Ao mesmo tempo, setenta anos atrás, os feitos sucédense dun xeito diferente pero Pep mantén certas ilusións e coñece o amor. Un amor xuvenil, pero de sentimentos moi fondos. Pep namórase de Carme, a sobriña de dona Amparo. Esta muller, encargada de facer comidas para os prisioneiros, cólleo ao seu cargo.

     
      Non sigo. Hai que descubrila. Nesta novela aparecen dous personaxes moi tenros en ambas historias: Vicent e Ferran, que teñen moito peso sobre cada un dos protagonistas. Mais tamén dona Amparo é un ser entrañable.
       
      No libro quedan expostas as pegadas da loita “incivil” con moita claridade. Tamén certos trazos que denuncian, como se se quixese pasar por alto pero non pasa, o descoñecemento real dos mozos e mozas de hoxe en día sobre un suceso tan importante no devir  deste país. A Pablo non lle interesa, nun principio, todo o relativo á historia. E isto, por desgraza, ocorre na realidade.

      
     A novela está contada con sinxeleza, cun ritmo moi vivo. É moi clara na súa exposición. Talvez quede algo curta; quizais se podería tirar máis  proveito dos personaxes, interesantes de por si. Ben, eu non son crítico. Non exerzo diso. Unicamente son lector.A min emocionoume esta historia en varios momentos. Presenta situacións que se deben coñecer. Non hai rancor ningún no relato. Pero, a pouco que o leas, vas descubrindo detalles que che fan reflexionar.
      
     Non quero deixar pasar a tradución de Ramón Nicolás. Seria, rigorosa, permite que se lea con fluidez. Utiliza palabras que enriquecen o léxico dos lectores sen buscar rarezas que confundan.  Unha tradución que non traizoa, estou seguro.
      
     “Debuxos no muro” é un libro que se le ben e, case en voz baixa, intenta poñer certas cousas no seu sitio.

                                                                                                                                                                                                                              Antonio García Teijeiro