martes, 3 de diciembre de 2013

A LUZ DAS PALABRAS (33) Fino Lorenzo



Ilustración de Fino Lorenzo. Libro: "Recendos de aire sonoro".

A técnica de Fino Lorenzo deslumbroume cando puxo imaxes ao libro Os meus primeiros versos, nunha antoloxía “para rapaces” (eu estou completamente seguro de que moitos adultos precisarían achegarse a ela para ter un mínimo coñecemento dos nosos poetas clásicos) que editara Anaya, na colección Sopa de Libros (hoxe está en Edicións Xerais, na mesma colección). E non quedou aquí a nosa colaboración: ilustrou o meu O que ven os ollos dos nenos, un libro que a min me encanta, e tamén Recendos de aire sonoro ambos en Ed. Xerais), Bolboretas no papel (Ed. Tambre-Edelvives), ademais da edición de Galaxia da miña novela A teima de Xan.
Pero o trato con este artista, non se cicunscribe ao plano persoal. Con Fino hai unha amizade que nos levou, na compaña dalgunha outra persoa, a compartir veladas moi interesantes.
Fino é un home sorprendente, tanto a nivel persoal como se falamos do seu traballo pictórico. Moi reflexivo cando se enfronta aos lenzos, ousado cando fai certas esculturas e ben novidoso á hora de ilustrar.
Fino Lorenzo é un pintor con inquedanzas. Non se resigna a facer da arte, algo con pouca substancia. Le, visita museos, indaga sobre os pintores que lle interesan e ten unha conversa enormemente rica arredor dunha mesa. Gústalle a polémica nas xuntanzas cos amigos, escoita moito e dá gusto polemizar con el.
Cando ilustra, proxecta nos libros esas ideas que toman forma nas experimentacións que en privado realiza deseguido. As imaxes, complexas pero moi evocadoras, coa técnica, por exemplo, do collage fan de Fino Lorenzo un ilustrador diferente, suxestivo e disposto a encher de múltiples lecturas as súas ilustracións.
Ilustración de "Recendos de aire sonoro".
Fino Lorenzo racha moldes. Endexamais cae na rutina de repetirse. O seu estilo é o que é, pero cada traballo vén sendo o resultado de lecturas profundas dos textos co obxectivo de deixar a súa pegada e, como el mesmo di: “abundar no tempo real e imaxinario do poeta e nas súas estéticas para tentar unha mirada máis rica e aberta”.
Así é. Fino Lorenzo é un inconformista. É un crítico coa vida e cos comportamentos humanos, incluído o seu. Para el, as artes plásticas, nas que investiga continuamente, son unha razón para vivir.
Compartimos, ademais, o gusto polo jazz. Xa dende hai tempo, lembro a súa paixón por Thelonious Monk. Grazas a Fino, afondei neste músico (que coñecía algo superficialmente) e descubrín un xenio ao piano
E de jazz van as mostras que me enviou.
Fino escribiu un texto, como del se espera.
Un texto irónico, crítico e, por suposto, co jazz polo medio.
As ilustracións son un exemplo do que Fino Lorenzo é quen de propoñer diante dun texto. Fermosas, moi fermosas.
Gozade, meus queridos amigos e amigas, da palabra deste home que, mesturada coas imaxes que crea, preséntanos un Fino Lorenzo, creador total.
Versos e aloumiños abre aos seus lectores a nada común maneira de crear deste artista tan completo, tan  respectado no mundo da ilustración.





Blues for M        


A ese viríalle ben un retrato serio, con fachenda, non si?, seica unha fotografia, en sepia, suxire M, inspirada, coa ollada detida no señor maior que lé o xornal no café, como a que Steichen lle fixera a Morgan, lembras a foto?, e eu asinto, perdido a medio camiño entre Morgan e ese prexubilado que pescuda nas esquelas, indiferente ao infinito capitalista que M espalla sobre él, logo de acomodalo nun sillón de coiro vermello chatolado, dando ordes cunha voz rouca que M dá en imitar, xusto diante do escaparate de Zara, e xa o relato se expande dun xeito exhaustivo e autónomo, arredor do sillón que ocupa o centro desa imaxe, única e irrepetible, da que M é autora, cámara, trípode, negativo e copia.



Se cadra, as viaxes de M polo tempo e o espazo son causa de devota adicción, que eu procuro alimentar nos paseos conxuntos á anoitecida, despois de quedar por teléfono, ou deixarlle un breve recado no contestador, ou xa sentados cun viño na atalaia das terrazas, quilómetro cero para sinuosas improvisacións, fecundas digresións á pé de rúa que sempre conteñen unha pinga maliciosa e perversa, desenvolvidas a partires de desatadas secuencias, de imaxes icónicas, referenciais, que M arrebola a cachón, xenerosa, como aquel día memorable no que sinalou desde a penumbra do bar a presenza solitaria de John Wayne vestido de azul, fóra, chantado no limiar, ou cando albisca o burel de Durero nese punki que toca a frauta no Porta do Sol, como se a rúa fora unha interminable galería de imaxes saídas dos libros, catálogos e museos, que dito así semella unha cultura elitista e distante, porén é radicalmente falso, pois os coñecementos de M son amplos e diversos, e así, ás veces, na porta do banco recoñece a queixada dun dos irmáns Dalton, ou anticipa, risoña, o agocho de Harry Lime nun escuro e maxestoso portal de Gómez Román. 


Mais xa café e financeiro quedaron dez minutos atrás, e M, que aproveita as quentes correntes de aire para se elevar preto da estratosfera, plana agora pola imaxe do sillón, rexo pedestal da fotografía burguesa a catro patas, laico substituto daqueles retratos ecuestres que ilustraban un dereito natural indiscutible, alturas excelsas de máis seica, nas que piloto e copiloto damos en albiscar limitadas reservas de osíxeno, polo que M abandona presurosa os ceos burgueses e capitalistas, e mergúllase en caída libre, sen trazos de culpabilidade, nos escuros cúmulos e nimbos da clase asalariada, representada nesa muller acobadada na barra, se cadra unha escena trivial, cotiá, na que M adiviña a figura deloirada dunha pintura de Hopper, e así, en dúas brochadas rápidas e precisas, logo desdebuxa ao camareiro contra o fondo, amplía o foco de luz cenital que bate na muller, sírvelle un cubalibre de rón, e perfila a tráxica historia dunha cita que non se presentou, seica un tento de reconciliación imposible para unha ruptura dolorosa e encistada. 
 
Ilustración de "Recendos de aire sonoro"
Se cadra, o meu sentido escenográfico está pouco evolucionado, o que explica os esforzos por seguir o guión, e artellar un storyboard, viñeta a viñeta, e albisca-la face do home que non acudiu á cita, se cadra xa ten outra parella, e sinto un lixeiro e doce moxete no brazo, seica M xa logo os atopou, xuntos e revoltos, ao home desleal e á crebaparellas, ou crebafolgas, vai ti a saber, e descubro a miña cobiza por saber como son, se coinciden coa imaxe que xa teño deles, mais M, que sempre camiña ducias de páxinas por diante, estáme a sinalar un home negro e alto, de pelo crecho e encanecido, que sobe paseniño pola beira contraria de Velázquez Moreno, axudado dunhas longas pernas que lle prestan un aire de indolente disonancia, de acorde bipolar rabuñado por Thelonius, e M, despois de observalo fixamente un anaco, ...dous, ...anuncia solemne, con voz escintilante de Tin Pan Alley e murmurio triunfal de pratos, a presenza dun Gran Músico Afroamericano na Cidade, Unha Referencia Indiscutible no Panorama da Mellor Música Negra, Un Fito Imprescindible na Historia, curta, do Jazz, do que agora mesmiño non lembra o nome, ...se cadra toca nalgures, que fóra do mapa vivimos!..., e xa M viaxa pola noite escura dos Apalaches, no Oldsmobile novo de Al Haig, na compaña de X e Roy Haynes, e Miles que recibe unha malleira dun policía diante dun clube de Nova Iorque, seica foi de chulo, e eu que procuro unha luz nas insondables corredoiras de M, un facho onde me agarrar, atrapado nas diferencias dos informes toxicolóxicos, do policía irlandés e de Miles, diferencias lóxicas dadas as respectivas tradicións étnicas e tribais, e M que agora lle imputa un disco decepcionante con Ray Charles, a X, e o acusado que se detén un intre insignificante no escaparate de Villanueva, suceso conmovedor e definitivo que destrúe calquera dúbida racional, polo que M debuxa un entrecortado garabato a capella que, coas lóxicas distancias xeracionais, étnicas e culturais, reproduce os sons que ese xenio de incognito adoita extraer do saxofón, ou do vibráfono, ou da táboa de lavar, que aínda non está claro, e insere todo, garabato, instrumento e músico, nalgún vinilo imprescindible, ou acompañando a Sarah Vaughan nunha xira de Norman Granz, e o leva a Donosti, pola rota de Newport e Antibes,... e o deposita en Castrelos, bébedo, ao redor da medianoite, nunha inesquecible sesión de jazz e poesía concreta, amén.
 
Ilustración de "Recendos de aire sonoro".
O nome do presunto é xa un asunto persoal, e xa pode asomar Godzilla pola costa de Carral, e mesmo facer sangue no Sireno, que M concentra os seus raios láser infravermellos nos lustros de corpo canso que se afasta rúa arriba, e un entende que entrar agora nesa mente é como sacar o pé á pista en Indianápolis, se cadra as boas intencións non están á altura dos modelos e as homenaxes, seica non teño talento nin cultivo dabondo o invernadoiro, mais M, dona de infinitos recursos, chama á porta de Nica en Manhattan, para ver de procurar nomes bop, documentos free, fotos hard ou testemuñas cool, ...porén a baronesa non recibe hoxe, se cadra descansa de tanta creatividade e tanto polo fritido, e o músico de jazz..., porque a estas alturas ninguén discute que ese lombo pertence a un sobranceiro músico de jazz, ... e algo debe ter un músico de jazz que o distinga dun maquinista de barco senegalés ou nixeriano, digo eu, di M con certa retranca, non sei, un aura, un principio de incerteza, unha bolboreta de cores que pousa no pelo..., e a figura esvaece pola esquina de Príncipe, e con ela un biquiño de Billie Holiday no lóbulo da orella, ou as incertas pegadas dunha aperta do mesmo Thelonius, seica o adn de Bud Powell na lapela, e eu penso naqueles xogos de contactos cinéfilos que, en dous ou tres pulos, casaban a Luis Tosar con, non sei, Lillian Gish, ou Betty Boop, ...mais, xa M vén de aterrar na Alameda, á altura do Maracaibo, e me fai sinais e propón unha cervexa e mira de esguello ao vendedor da Once.

                                                                                                                                                            FINO LORENZO