domingo, 15 de diciembre de 2013

PASEO POÉTICO (VII) Entre poemarios, pola libraría.




Hoxe non quedei con ninguén.
Estou desanimado.
Xa sei que os fados non son favorables e a miña andoriña non vai vir no Nadal.
Está confirmado.
Para min, non hai Nadal. Non son dos que arremeten contra esta festa, pero agora apagáronse todas as luces, a xente, na súa inmensidade que enche as rúas, abáfame e as panxoliñas sóanme a castigo mundano. A miña andoriña voará cos seus pais cara a Carolina do Norte, e nós ficaremos aquí imaxinando o seu voo.

Ben, o certo é que saín á rúa e detívenme en Elepé. Merquei algún disco. Non dou máis explicacións. Por exemplo, mentres escribo estas liñas soa o bluesman Lightnin´ Hopkins e únome aos seus lamentos. Que bo é! Déixome levar polo ritmo e mais o sentimento de “Automobile blues”. Transpórtame ao lugar da esperanza. Non quero dramatizar nada. Como di un correo que acabo de recibir, Hernández e Fernández nos libros de Tintín “ás veces as cousas son imposibles; e eu aínda diría máis, non son posibles”.
A miña andoriña voará...
Así é. Non lle vou dar máis voltas.
Ao saír da tenda de discos, fun pasear pola miña librería habitual. Chámase Librouro e, entre as mesas ateigadas de libros, cambiei unhas emocionadas palabras con Amparo, unha libreira exemplar.

Dei un paseo certamente longo por entre os andeis, os expositores e mais as mesas. Fun, coma sempre, ao recuncho da poesía que María, decote tan riquiña, mantén para que eu vexa as novidades. Ollo ao redor de min. Que pouca atención se lle presta a este xénero, sexa para rapaces e rapazas, ou sexa para os adultos! Fixeime. Había bastantes persoas e ningunha, (ningunha!!!) levaba un poemario na man. Sei que teño que acostumarme, pero mirade que me custa, eh?

Daquela, atopo un libro que me chama a atención. Leva por título “Del crear y lo creado”. Poesía completa. 1983-2011. (Ed. Vaso Roto. Esenciales POESÍA). O seu autor é Hugo Mujica (si, sen til), un poeta arxentino que hai xa ben tempo levo lendo e que me interesa moito. Poesía fonda e espida.

Leamos un poema seu, collido ao chou:

espantajo de cenizas

la grieta
en el muro

la huella de tanto adiós
en mis manos


Sigo o meu paseo con este libro na man. Detéñome diante doutro volume que me chama a atención. Editado por Bartleby Editores, é o último poemario de Marta Sanz. Chámase “Vintage”. É o seu terceiro libo de poemas. Nel aborda a memoria persoal e certas voces desa memoria colectiva que forma parte de cada un de nós. Cólloo para que acompañe a Mujica, tras follealo e ler algúns poemas.

Coma este, por exemplo:

VENGO de otro mundo.
Al deshacer la maleta,
me llega
un olor a humedad,
salitre,
gasóleo
y flor nocturna.

No sé
qué memoria
me queda
en las yemas
de los dedos.


Segue a cantar Lightnin´ Hopkins. Voz e guitarra envolventes. No aire “The walkin´blues”. Magnífico tema. Bah, como todos!
Continúo contando o meu paseo. Busco o novo poemario de Daniel Salgado, que publicou Edicións Xerais de Galicia, na súa colección de poesía. Con “Dos tempos sombrizos”, o escritor de Monterroso gañou o “I Premio de Poesía Gonzalo López Abente”. Un libro de poemas sobre o medo, tanto un medo concreto coma un medo difuso. Tráenmo. Non preciso follealo. Gústame a poesía de Salgado.

Vexamos o poema titulado, Goián. 14 de abril:


Xúntanse ao pé do río, pero cara ao interior.
Na fronteira.
Celebran que unha vez houbo república
na formación social histórica que chamamos
Estado español.
A memoria fai parte do corpo.
Doe nas mans.
Cando lembran, sempre están na fronteira.
Os camiños teñen cicatrices.


Saio feliz cos meus tres libros. Miro cara á Rúa do Príncipe. Rediós! Que marea humana! Debe de ser tarde de compras. “Déixame fuxir”, penso.
Tomo un zume de laranxa na Cuchufleta e marcho para a casa.
Cando chego, vexo sobre a mesa da sala o libro de poemas de Elvira Riveiro Tobío, “Carnia Haikai”, co que gañou o “Premio de Poesía erótica Illas Sisargas”, na súa sexta edición. Ten unha cariñosa dedicatoria. Encántame as dedicatorias sinceras.


Velaquí un dos seus poemas:

Mordo os teus labios,
cada un dos teus labios:
doce abanqueiro.

Intensamente
téñote a lume lento…
e insanamente.

Métoche os dedos
en cada boca, alí,
onde tes fame.


Chegado a este punto, póñome a contar este paseo tan especial. Segue a soar o blues. Desta vez, a guitarra fúndese cunha hármónica para non deixar en soidade a voz de Hopkins. Vivo un ambiente estrañamente voluptuoso. E continúo a ler, mentres o tempo está detido no reloxo para o que non quero mirar:

Maleducada:
para comer cos dedos
sempre estou…

Ata que, por fin, o disco se fai silencio.
Eu sigo a pasear polos versos de Elvira. Logo, virán os outros tres.

                                                                                               



                                                                                                                                    O POETA PASEANTE