jueves, 26 de septiembre de 2013

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO EN ZIGZAG DA TVG2



No programa Zigzag Diario do día 23 de setembro na TVG2, aparece unha reportaxe moi fermosa na que Antonio García Teijeiro le un poema, Hai moitos ollos no mundo, dedicado á súa neta, Libby, e fala sobre a antoloxía da súa poesía ao longo de vinte e cinco anos, Un rato díxolle á lúa. Este é un libro moi especial para o autor, porque contén cronoloxicamente poemas dos seus libros escritos en galego e un poema inédito. O prólogo e mais a escolla correron a cargo de Fran Alonso, quen realizou un traballo moi serio e acertado. As ilustracións de Xosé Cobas son dunha beleza impresionante e escoitar a Paco Ibáñez cantar tres poemas do autor, un verdadeiro luxo. Fermoso, tamén, o texto de Antón García Fernández, fillo do autor e profesor da Universidade de Tennessee en Martin (EE.UU.) no que fala da musicalidade dos versos do seu pai.
En Zigzag Diario, o noso poeta fala da necesidade de que os rapaces teñan preto a poesía, da necesidade dos mediadores, na música que conteñen os seus poemas… e as súas palabras, coa voz de Paco Ibáñez soando de fondo, gañan en emoción.

 Persoa apaixonada pola poesía, loitador infatigable para que nas escolas voen os versos nas aulas, participante en multitude de actos nos que a poesía e os nenos e mozos son o centro dos mesmos, García Teijeiro é un traballador incansable a prol  dun xénero que precisa dun esforzo especial e xeral para que os alumnos e alumnas das nosas escolas gocen do pracer poético. Non abonda, adoita dicir el, co voluntarismo. Ten que haber un programa serio e global.

 Quen queira ver a reportaxe desta intervención, poden facelo no vídeo que figura debaixo destas liñas.

Por certo, felicitar os autores da reportaxe pola  beleza e sensibilidade da mesma, que contribúe a sentir máis preto a poesía.






                                                                                                                         UXÍA ESTÉVEZ