martes, 3 de septiembre de 2013

CADERNO ÍNTIMO (XIII)



                                                      
                                               Páxina decimoterceira

Aínda que hai días que non publico ningún caderno, iso non quere dicir que  non teña escrito nada nel.
Neste espazo onde vivo de costas ao mundo, de cando en vez notas unhas raiolas de sol que quecen os teus ósos, normalmente fríos.

Deixeime levar hai un tempo polo agarimo e pola intelixencia dun amigo moi especial: un amigo novelista, capaz de converter soños en realidade e dúbidas en cousas certas. Si, dixen ben. Todo isto é así. E este amigo, de nome Álvaro, en adiante A., conseguiu que deixase a Nada e me achegase a esas eternidades que latexan debaixo das sombras das árbores, eternidades distantes molladas polas bágoas deses ceos, tantas veces malditos, que deixan caer auga invisible que esvara  procedente de quen sabe onde. El e mais eu  camiñamos pola senda do río Barragán. E non tardei moito en abandonar o sentido da voráxine. Case sen me decatar apareceu unha sensación perdida: a pracidez.
Apareceron pontes vestidas de carriza que tocabas con gusto. As follas caían sobre os hábitos cotiáns do pensamento cero. Nun principio esquecías pensar. A Nai Natureza levábanos da man e envolvíanos cos seus panos multicores. E non pensabas. Para que? A beleza abranguía os nosos pasos e os ollos ficaban limpos perante a paisaxe que nos enfeitizaba.

O río, á nosa esquerda, quería sumarse ao feitizo e espallábase dun xeito máxico. Eu precisaba dos seus abrazos. Procuraba con ansiedade ese intre, no que  me volvese pedra brillante e caese no seu corpo frío, cristalino e espello de matices variados. Houbo un momento en que camiñamos á súa altura. A. e mais eu colliámolo da man e os tres semellabamos xinetes cabalgando  a través de prados fantásticos. As arterias dos carreiros contiñan  uns muíños sorprendidos polas pegadas dos nosos pasos.
As xestas, dun amarelo semellante ao ouro, murmuraban cancións ledas que soaban a veludo.
Cando o río soltou a nosa man, quedamos cegos e quixemos voar. Mais non tiñamos ás.  As nosas palabras confundíanse coas verbas miúdas da herba.

Os carballos chamaban a nosa atención coma se estivesen confusos diante dos catro ángulos do vento, que diría o poeta bengalí Malay Roychoudhury.
Eu non perdía de vista o río. A. estaba seguro de que nun recanto , este nos permitiría mergullarnos na súa sabedoría e na súa función de nobre anfitrión.
E así foi. Entre palabra e palabra, sempre intelixente de A., chegamos  a un lugar onde a súa alma, a do río Barragán, tiña unha fenda  que nos ofrecía cal presente dos deuses coma el. Non o dubidei. A auga fría, limpa, chamábame dende a súa alma sublimada.  Deixeime caer no seu seo. Perdinme nas súas concavidades. E A., un home excepcional, pediume que lle dese as costas, que cruzase o río ao ancho. Obedecinlle. Fun facéndoo paseniño, acariñando as augas e, no medio daquela marabilla, a súa voz foi recitando en voz alta, ao tempo que se fundía cos rechouchíos dos paxaros, versos que me resultaban coñecidos.  Antes diso eu pensei como o poeta bengalí, o que o ceo dicía no seu poema: que fixeches co río estrullándoo?

Eu non quería estrullar  o río. Máis ben, ao contrario, desexaba que o río me estrullase a min e perderme na súa calma xeada.
Daquela, a voz de A.. dicía por riba dos pórticos arbóreos:

O meu amigo A.

Foron eles os que
   nunca
   volveron a cabeza
nin deron as costas a
   ninguén cando o
horizonte se ateigou de
  treboadas
             nacidas da maldade.
Sempre estiveron aí,
  coas súas mans cálidas,
os sorrisos sinceros
e os ollos limpos
      e serenos.

Eu estaba abraiado, perdido na inmensidade da auga fusionada coa verba poética. Recoñecín o poema e foi coma se o oráculo se centrase na miña voz. Mais era coma se o poema me resultase arredado e os seus versos non fosen meus.

E seguía resoando a voz agarimosa de A. dicindo: Crucei a porta / e desviei / os pasos / cara a esas ventás / que amosaban o / retrato / obsceno…
Eu continuaba  movéndome polo río e cheguei a sentir que a miña cabeza daba voltas sen acadar recoñecer como miñas as palabras que A. ía convertendo en paxaros amarelos. Eu case que non oía. Sentía.  Daba voltas a cabeza o era a contorna a que xiraba? Non cheguei a sabelo con seguridade.
       A. seguía imperturbable:

Coa area húmida
   nas mans
fun tecendo
a historia doutro
     tempo
no que non
    había
             mar.


A miña travesía víase enriquecida naquel lugar solitario pola voz emocionada de A. O río choraba. As árbores convertían en bágoas de emoción as follas que ían caendo. A palabra que A. espallaba naquela paisaxe edénica quentaba a auga e os meus movementos dentro dela deixaron de ser dispersos.
O sol seguía agochado tras a alta vexetación que dominaba este espazo e seguro que estaba a gozar con esa música poética que alegraba o lugar.

O meu amigo A. lía un e outro poema. Os versos brillaban tremendo conmovedores á par da corrente.
Non sopraba o vento naquel recanto máxico.
Dei a volta e fitei a A. Ambos os dous estabamos felices.
Daquela leu o derradeiro poema. Detívenme no medio do río. E escoitei:

Nos días
           de chuvia
o asfalto
          mollado
procuraba
        o
paraugas
de     
            teu
                   nome.


Saín da auga, lugar espontáneo, simbólico na fusión dos versos co ventre do río Barragán, que case se detía, e cun aire entre luminoso e sombrizo que nos acariñaba.
Saín do río, como dixen, e deille a A. unhas apertas emotivas que rozaron a existencia dun deus artístico e humano.

Cando abandonamos o lugar, sentín o exilio obrigado polo tempo e coñecín máis fondamente a vida de A.
A camiñada remataba. Volvemos sobre os nosos pasos. Os dous sentiabámonos extasiados.
Falamos de literatura (como non!), de autores, do valor da palabra literaria. Fomos esquivando todos os atrancos que nos saían ao paso. Eu seguía tocando as palabras que escoitara. Que ben soaron os poemas de Presenzas marcadas! No meu interior a tristura e a ledicia, a virtude e o pecado loitaban por manterme ergueito.

Pero aínda quedaba outro instante conmovedor.
Todos os que coñecemos a  A. sabemos que é un amante do mar.  Eu, tamén.
Contoume A. que algunhas veces ía só e sentaba fronte ao mar. Con el levaba decote para ler, entre as cores da ría e o movemento das ondas, o libro de Paul Valéry, O cemiterio mariño. A.  reencontrábase, nese exercicio de lectura total, consigo mesmo. Eu escoitábao entendendo perfectamente unha acción que lle facía encher baleiros sen memoria.  A. é un ser incrible. Daquela, comezou a recitarme estes versos en castelán dunha obra profunda, belida e intensa. Os seus ollos brillaban.


¡Templo del tiempo, que un suspiro cifra!
A esta pureza subo y me acostumbro,
De mi marina mirada ceñido.
Como en mi ofrenda suprema a los dioses,
El centelleo tan sereno  siembra
En la altitud soberano desdén.
                                             
(Tradución de Jorge Guillén)


Fixemos a camiñada sós?  Máis ben acompañados pola natureza en estado puro. Coa palabra poética. Coa sensación de ter vivido un tempo sen reloxos. Coa palabra amizade marcando os pasos.
Pasear con A. e todo o que el significa, fíxome esquecer que estou de costas ao mundo.
Fíxome esquecer que vivo preto da Nada.
Fíxome valorar a necesidade da boa compaña.
E como estou a ler unha antoloxía magnífica de poesía bengalí contemporánea, editada por Olifante, remato as follas deste caderno cos versos de Debdas Acharya referíndose á figura do Poeta:


Un día
entraré poco a poco
como si alguien me tirara de la mano
hacia la profundidad

allí está el azul claro, el agua verde casi amarilla,
unos túneles de helechos altos,
el juego de coral,
yo floto levemente
¡ay! qué alivio este movimiento dentro del sueño.

No puedo seguir mucho tiempo así:
sufre la respiración, regreso hacia arriba.

los animales del agua viven en el agua,
los animales de la tierra viven en la tierra,
sufren solamente los animales del sueño.



Rematei a camiñada e case chego a dar a volta da vida que sobrelevo de costas ao mundo.
Grazas, A., pola túa sensibilidade.

                                                                                         O VELLO SOÑADOR