Estás, como case todos os días, na
libraría. Estás na sección de libros en galego. Estás na procura daquel título
que desexas levar á túa casa porque alguén cho recomendou.Estás folleando algún
de poesía. Estás no medio dun mundo tan apaixonante para ti. E tras moitos estás , aparece alguén que te coñece e ponche un libro nas
mans. Un libro que non está dirixido a ningunha idade en particular. Momento de
sorpresa. Colles o libro, xa máis consciente, e les o título: O Rei Portador e outras historias, de Beatriz
Fraga (Euseino? Editores.2012). E
resulta que ti coñeces a Beatriz, pero non a Fraga (enténdase ben, estamos a
falar só de apelidos). Decides mercalo. E curioso: a autora está na libraría folleando uns
libros. Dimo a libreira. Fico sorprendido e moi contento. Tenme pasado máis
dunha vez. Achégome a ela. Doulle dous
bicos co libro na man. Pídolle que mo dedique. “Vou levalo”, dígolle. Ela, coa
súa modestia, resístese a que o merque . Eu négome inflexible. Á fin consigo
que mo dedique. Parece sentirse algo violenta. Non sei a razón. E escribe unhas
palabras que me encantan: Para Antonio García Teijeiro, pola
musicalidade dos seus poemas, con agarimo. Falo un pouco con ela, alégrome
moito de que se decida a crear con maior continuidade, inclúo o seu libro entre
outros que tiña reservados e marcho. Lereino en canto remate unha novela de
Jordi Sierra i Fabra. E así foi. Rematada a novela do meu amigo, abrín O Rei Portador e outras historias. Vin que as ilustracións eran
da propia autora. Fenomenal. E ,tras a primeira delas, atopo un pequeno texto
de Platón, Timeo 23 b, que di: Dese xeito, desde o principio volvedes ser
outra vez coma nenos, sen saber nada do que, nin aquí nin entre vós, aconteceu
nos tempos antigos.Fermosa palabras dun texto máis amplo que figura nunha
das lapelas. E, ademais, toda unha declaración de intencións. Leo o libro dunha
tirada. Hai certas obras que eu sinto cálidas. Obras cuxa lectura me deleitan.
Teño unha grande intuición para iso. Eses libros léoos na cama cunha pequena
lámpada, para non molestar a quen dorme ao meu lado. Este libro conseguiu entrar nesta categoría.
A categoría dos que aloumiñan e les con pracer. É un libro escrito cunha prosa
limpa, cunha cadencia ben medida, cunha linguaxe nada afectada, moi
natural. Son historias moi ben contadas
polas que pasan Atlas, Atenea, Odiseo, o
cabalo de Troia, o Coloso de Rodas, Ptolomeo III ou Berenice.” Historias que”,
en palabras da autora, “naceron dun xeito inesperado, sendo a primeira A torre
que quixo acadar o ceo, que xurdiu despois de mirar atentamente o cadro de
Pieter Brueghel, O Vello, A gran torre”.
Historias baseadas nunhas lendas que veñen de lonxe e que aterran, nos nosos
días, frescas e próximas, da man de Beatriz Fraga. Historias contadas con
enerxía controlada, con sinxeleza , que non con simpleza, e que reforza no
lector ou lectora o gusto por ler e, mesmo, por escoitar, dada a sonoridade do
estilo empregado pola autora. Si, porque eu considero, dende o punto de vista
de lector, que este libro posúe tres características importantes: lese con
moito agrado, ten un gran sentido da
oralidade e percibes nestas lendas un
discurso, en moitos momentos, completamente actual.Non perden vixencia. Cando
rematei, sentinme moi ben. Quería máis historias. Iso fala moi ben do libro.
Gocei con el e sentinme acariñado polas súas verbas.
E remato dicindo que Beatriz Fraga
é mestra de Educación Infantil no “CEIP García Barbón” de Vigo. Que ama a
palabra en todas as súas versións, que traduce textos variados e que no 2009
esta muller nacida en Carballo publicou Marcelo
o morcego na colección Tartaruga da
Editorial Galaxia. Como non o teño, mercareino na miña libraría.
Parabéns, Beatriz. O teu libro
arroloume con agarimo e esa noite durmín moito mellor.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO