Visibilizar
a LIX non é doado. Acadar un espazo no que se fale sobre libros para os cativos
resulta case imposible. As revistas especializadas (Ai, Fadamorgana. Que
perda!) desaparecen ou malviven con moito esforzo. O voluntarismo converteuse
na base fundamental de que se poidan ler certas recensións mesturadas entre
noticias e outros libros cunha importancia cuestionable. No Faro de Vigo, no
seu suplemento O Faro da Cultura podemos atopar un par de críticas cada semana.
Canto boto de menos, tamén, o suplemento infantil d'A Nosa Terra, no que cada
sete días podíanse ler columnas e recensións sobre literatura e educación! Polo
menos mantiñan vivo o espírito esencial da nosa literatura infantil e xuvenil.
Por
iso, non podemos menos que salientar e aplaudir a páxina completa que,
semanalmente, aparece en El Correo Gallego dedicada integramente á LIX galega.
Sei do traballo que lles dá a Blanca –Ana Roig Rechou e ao seu equipo de
persoas ilusionadas para que vaian aparecendo noticias, libros, entrevistas
etc. neste lugar, verdadeiro oasis literario. Proxectos coma este non poden
esmorecer e, moito menos, morrer no xornal. Oxalá este exemplo fose seguido por
outros diarios.
Conta
Isabel Mociño, unha das persoas que realizan a páxina, que esta xurdiu pola
necesidade de VISIBILIZAR a Literatura Infantil e Xuvenil galega, en galego e
facelo a partir dunha crítica divulgativa asentada no coñecemento desta
literatura. Confeccionar algo escrito con rigor científico, aínda que sen
esquecer o obxectivo de chegar a todo tipo de públicos, como é normal, no
soporte de xornal.
Unha
tarefa exemplar e digna do maior apoio posible.
Unha
referencia esencial para coñecer a enorme riqueza da nosa literatura escrita
especialmente para pequenos lectores e mozos, sen esquecer os pais e nais, ao
persoal das bibliotecas, mediadores/as e docentes.
A partir deste contacto tan estreito que tiñamos, os
intercambios e debates leváronnos a decatarnos de que os investigadores da
lusofonía non podían formar parte da Asociación Nacional de Investigación en
Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), ao acoller esta Asociación só a
investigadores residentes en España. Foi así como ELOS quixo converterse no que o seu nome significa, en ponte, en
enlace, entre a Asociación Nacional de Investigación e a lusofonía e deste modo
ELOS pasou a ser unha sección de ANILIJ, integrando por dereito propio a todos
os investigadores lusófonos (portugueses e brasileiros, fundamentalmente) nunha
organización que lles abría as portas tamén cara a Europa, dado que a ANILIJ
forma parte da IRSCL (International Research Society for Children’s
Literature).
E volvendo á páxina de El Correo Gallego aquí os membros de ELOS quixeron
tamén establecer unha unión entre o seu traballo académico e de investigación e
a sociedade en xeral que accede diariamente á información dun xornal. Con esa
idea, a de informar e formar, concibiuse esta páxina semanal centrada en todo o
que ten que ver coa Literatura Infantil e Xuvenil e que está estruturada en
catro seccións:
1. “Para lembrar”: aquí danse
noticias moi breves nas que se lembran eventos, celebracións, prazos que están
abertos para inscribirse ou para participar en actividades das que normalmente
non se dá conta na prensa, na que pasan desapercibidas.
2. “Protagonistas elixidos”: unha sección tamén breve na que se fai protagonistas a creadores, institucións, premios, publicacións... que sexan noticia por algún motivo, como pode ser pola celebración dun aniversario, por recibir un premio, por concederse un galardón, por darse a coñecer o gañador/a dun premio etc., sempre tendo en conta a relevancia que estas figuras ou eventos teñen para a LIX galega e universal.
3. “Elos de
lectura”: é a sección central da páxina, a máis extensa tamén, e na que se
desenvolve unha recensión. Estes comentarios son de catro tipos: sobre unha
obra literaria canonizada ou un autor clásico que se reedita (reler); sobre unha novidade literaria
que se publica (actual); sobre unha
tradución que se faga á literatura galega (tradución);
ou sobre unha monografía ou revista que teña a LIX como elemento central (crítica). Deste modo aténdese e
infórmase sobre a inmediatez das novidades, sobre os clásicos que hai que reler
e volver a eles, sobre as traducións que chegan ao noso sistema e tamén sobre
as obras de crítica e sistematización que como sabes son tan necesarias. A idea
é dedicarlle cada semana do mes a unha cousa diferente, aínda que non sempre o
conseguimos, pois non todos os meses se publican obras de crítica nin
reedicións de clásicos (que mais quixeramos!), así que ás veces o equilibrio
cuestiónase un chisquiño.
4. “Para
coñecela +”: pódese dicir que é unha historia da Literatura Infantil e Xuvenil
galega express. Digo así porque vai
en pílulas. Está organizada por décadas. Comezamos a principios do século XX e
en cada unha das décadas faise un contexto xeral para salientar os factores
máis determinantes para a literatura dende o punto de vista social, logo
percórrese cada un dos xéneros canónicos (narrativa, poesía e teatro) primeiro
atendendo á produción infantil e despois á xuvenil. Tamén se dá conta da banda
deseñada e da crítica e a investigación que se fixo en cada década. Nesta
pequena historia tentamos marcar tendencias xerais que seguiu a produción
galega e destacamos as obras máis relevantes de cada unha delas. Actualmente
estamos xa coa narrativa xuvenil da primeira década do século XXI. Cando
acabemos estamos a pensar en diferentes posibilidades, unha pode ser detérmonos
nas coleccións, os premios etc. máis relevantes da LIX galega, aínda que está
por determinar.
E así está a cousa... levamos dende o 2010
semanalmente coa páxina e como imaxinarás aínda que somos bastantes dá
traballo! Pódoche dicir que a xente que asiduamente participa é: Blanca Roig,
Eulalia Agrelo, Mónica Álvarez, Pilar Bendoiro, Carmen Ferreira, Mar Fernández,
Isabel Mociño, Marta Neira e Isabel Soto, ademais das investigadoras
brasileiras Geovana Gentili e Vanessa Ferreira. Tamén teñen colaborado as
investigadoras portuguesas Ana Margarida Ramos, Sara Reis, Carina Rodrigues e Ana
Vasconcelos. En fin, unha tropa de mulleres e de cando en vez algún home tamén
(Xavier Senín, Chema Mesías, Celestino Amarante, José António Gomes ou Rui
Ramos).
ISABEL MOCIÑO
Eulalia Agrelo, Mónica Álvarez, Mar Fernández, Carmen Ferreira, Isabel Mociño |