![]() |
| Paco dedicando un libro na súa casa. Con Susi, Ánxela e Alba |
O primeiro libro que lin de Paco
Martín custoume 280 pesetas no ano 1982. O seu título: Muxicas no espello.
Estaba editado por Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Ventobranco.
Sorprendeume e gustoume. Eran como minirrelatos de carácter poético e crítico.
Ilustrado por Xoán Balboa (como non!), Carlos Casares, no limiar, facía alusión
a unha novela, No cadeixo, “que o revelara como un dos narradores máis orixinales, finos e sensibles da
literatura galega moderna.” Casares lía moi ben e no ano 1983 saíu a nova
edición, editada por Galaxia, merqueino e fiquei impresionado. No momento que
escribo isto, estou a relelo. Paco Martín escribe de marabilla. E faino nun
galego con recendos da fala popular, cunha linguaxe moi rica e moi ben
empregada. É quen de contar a miudeza da vida, iso si, dun xeito irónico, como
é el, e artellar novelas enxeñosas que permiten, tanto á xente nova coma aos
adultos, saborear a boa literatura sen adxectivos. Iso aconteceu, por exemplo, con Das cousas
de Ramón Lamote (Ed. Galaxia/SM. O barco de vapor). Para min foi a constatación
dun feito: estabamos diante dun dos grandes escritores da nosa literatura. Esta obra, protagonizada por un profesor de
chairego, resulta moderna. É de lecturas múltiples e faise atractiva para calquera clase de lector.Nela, mestúranse
personaxes fascinantes que se moven entre a fantasía e a realidade, o humor, a
tenrura e a ironía con que o autor "agasalla" a esta sociedade nosa. Con esta
obra, gañou o Losada Diéguez en 1985 e o Premio Nacional de Literatura, un ano
despois. Eu vexo a Paco Martín coma un discípulo de Cunqueiro e Fole, que logo
atopa a voz de seu e consegue facer unha literatura de moita calidade. Posúe
unha voz literaria fonda, que non pasa inadvertida , que che fai volver a
cabeza e abrir os seus libros para gozar deles. Pura literatura escrita que, ademais, provoca verdadeira delicia
escoitar parágrafos oralmente. Paco é un gran contador de historias. Como é na
súa vida cotiá. Paco é unha persoa amable, aberta e agarimosa. Escribo libros porque é algo que me resulta
divertido e, ademais, axuda a facer amigos.Palabras que podemos ler en “Cando o
autor fala de si” no seu libro Sevando I , rei do mundo enteiro (Ed. Xerais.
Col. Merlín) e que definen con claridade o seu
carácter. Paco é, ademais, un home
simpático, un gran conversador, dos que case non quedan, que che fai rir coa
morea de anécdotas que conta, inventa ou reelabora. A min, paréceme das persoas
máis honestas que atopei no mundo da literatura. Coñecelo foi un pracer.
Compartir con el camiñadas por certos treitos do Camiño de Santiago, algo
gozoso. Admíroo moito e quéroo, como quero a Ánxela, a súa dona, todo un
exemplo de discreción e dozura.Pero levo moitísimo tempo admirándoo. Non podo expresar
aquí a ledicia que significou para min editar, na compaña dos meus colegas, o seu libro Lembranza
nova de vellos mesteres, número dos da colección Árbore, alá polo ano 1988.
Mais non debemos trabucarnos. Paco Martín é inflexible contra todo o que atenta
contra a dignidade do ser humano. Contra o que fere. Contra a necidade.E quero dicir,
ademais, que houbo máis vida despois de Ramón Lamote. Máis títulos, unha chea
de colaboracións en xornais, revistas etc.
e un segundo libro, magnífico, co profesor de chairego anos despois.Tampouco non me esquezo dun libro que utilicei moito, ¿que cousa é cousa...? Libro das adiviñas. (Ed. Galaxia.1985), un dos libros máis completos que lin nunca sobre esta mostra da tradición oral. Paco Martín é un home que che alegra a vida cando estás con el, que nos abriu a
súa casa para que compartísemos con eles un anacos da súa vida, que nos levou
por Lugo e nos contou vivencias moi curiosas.

E antes de que leamos o texto, Saberes, que
nos deixou para Versos e aloumiños, publicado, no seu momento en El Progreso,
na súa columna habitual, permitídeme que remate con tres faíscas, con tres
muxicas no espello que me permitiron coñecer e admirar a Paco Martín hai ben de
anos.
A MULLER
A muller que foi á feira para
vender ovos, namorouse do rapaz que vendía bonecos de madeira. Pro decidiu
esquecelo. Non quería máis fillos.
O PARVO
Os homes da taberna berrábanlle
ao parvo para que non fose de noite polas fragas.
Dicíanlle:
- Vaite comer o lobo.
- Vaite comer o lobo.
Ó parvo gustáballe o viño e non
tiña medo do lobo, porque o parvo non razoaba.
Pro
tiña medo dos homes da taberna.
O POETA
O rapaz sentouse e dispúxose a escribir unha poesía.
Levaba un bó pedazo pensando no que quería decir.
Colleu o lápiz e puxo:
"A la sombra callada de un suspiro la encontré..."
Roeu no lápiz; prendeu un pitillo e xa non fixo máis porque comenzou a pensar nas oposicións a policía segredo.
![]() |
| Con Antonio onda o recordo da homenaxe que a AELGA lle fixo en xuño de 2012 |
Saberes
Non é esta a primeira vez que aproveito
aquí algunha das anécdotas protagonizadas polo Felipiño, aquel cativo miúdo e espelido
de enormes e expresivos ollos claros, que coñecín na miña estrea como mestre de
escola rural e do que tanto eu aprendín. Del e mais das súas compañeiras e
compañeiros, que aqueles eran tempos de familias numerosas e aulas (?) ateigadas.
O Felipe do que falamos aínda non fixera os seis anos, que era daquela a idade
mínima regulamentada para que lle fose permitido o ingreso no ensino primario, pero
estaba xa na escola –e non era o único- polo que hoxe poderiamos chamar razóns sociolaborais
e a súa espontaneidade e dilixente entrega ao traballo axudaba a aledar o
ambiente e mesmo servía de estímulo a outros alumnos.
Un día, a pouco de comezar o curso e sendo xa á tardiña,
entrara o pequeno no único comercio da aldea, que tamén era taberna e algo
pousada, na procura dun mandado que lle encargara súa nai. Había alí dúas
mulleres que viñeran mercar algo e sete ou oito homes que xogaban á baralla e
falaban da vendima. Un deles dirixiuse ao cativo: “Oi Felipiño, seica xa vas á
escola.?” “Vou”, e na voz coñecíaselle certo orgullo. “E logo xa saberás moito?”,
insistiu o paisano. O neno cavilou uns segundos antes de contestar: “Si señor,
sei... Agora, se queres que che conte verdade, o que si que sabe é o mestre,
ese sábeo todo...” Riron os alí presentes e sorrín eu, que escoitaba desde a
cociña onde estaba a escribir algunhas cartas. Despois, para o meu asombro, non
houbo máis comentarios e, ao parecer, todos tomaran a inocente afirmación do
pequeno con absoluta naturalidade. Ninguén mellor ca min podía comprender o enganado
que o rapaz estaba, pero como nunca souben como había facer para desenganalo
sen que ningún dos dous quedara desencantado, acabei esforzándome todo o
posible por parecer que si, que el tiña algo de razón e facerme así merecente
do seu respecto e, de paso, tamén do dos demais.
Asistimos aos intentos que se están a facer para situar aos
mestres no espacio social preciso para que as cousas do ensino marchen mellor
do que actualmente están e vólveme á memoria a anécdota aquela. Non sei que foi
de ti, amigo Felipiño, pero non creo enganarme moito se supoño que os dous estamos
a pensar que esa mesma sociedade que agora se lamenta foi a encargada de decidir
que hoxe todo dios saiba máis que o que o mestre sabe para así dispoñer atallos
nun camiño que, para ben ser, cómpre andar enteiro.
Tamén, estou seguro, ambos os dous lle desexamos toda a
sorte do mundo a canto se faga para que todo isto mellore e sabendo sempre que
estas non son cousas que se poidan amañar se cada quen decide labrar o seu
propio eido.
![]() |
| Con Xabier P. DoCampo, unha parella inigualable. |
Grazas, Paco. Por aquí se vos quere moito
.