Mostrando entradas con la etiqueta pasando as follas do tempo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta pasando as follas do tempo. Mostrar todas las entradas

martes, 20 de agosto de 2019

VICENTE ARAGUAS escribe sobre "Pasando as follas do tempo", de Antonio García Teijeiro no DIARIO DE FERROL






A ESCOLMA DE ANTONIO


                                                               
                                                                                                                              Vicente Araguas*



Tan caladamente, coa mesma elegancia coa que vai pola vida, Antonio García Teijeiro exerce “tamén” de poeta para todos os públicos. E digo isto ben axiña pola sinxela razón de que no país onde o  persoal adoita non consentir mais que un par de ideas García Teijeiro corre o risco de ficar encapsulado niso que se chama, tan ambiguamente, literatura infantil/xuvenil (unha das miñas mellores alumnas, chámase Isolina, lía aos catorce anos a Bukowski, eu mesmo, a tal idade, “Crime e castigo”, con proveito) na que acadara todo un Premio Nacional. Isto último polo libro “Poemar o mar”. 

     
Vicente Araguas (FdV)
Sentada esta premisa direi o, se cadra non tan obvio, que Antonio é moito máis. Entre outras cousas un dylanita impecable, sentimento que nos irmana, que o levara escribir un libro de poemas titulado “Petando nas portas de Dylan”. E a maior abondamento, un volume “Arredor do teu corpo” que gañara o I Premio de Poesía Erótica “Illas Sisargas”. Ou sexa que hai moitos Antonio García Teijeiro ainda que estean nun só. E por iso, para que vexamos semellante amplitude vén moi a conto Pasando as follas do tempo (Belagua,Vigo, 2019) subtitulado “Antoloxía poética (1987-2017), prólogo, amigablemente intelixente (neste caso nada de oximoro), de Juan Carlos Martín Ramos e ilustracións de Xulio G. Rivas. ¿El que atopamos neste libro? Unha chea de boas cousas caladas, elegantes, froito dun poeta que fuxe do ruido ambiental e que se procura na poesía, ao tempo que sexamos nós tamén os que nos procuremos neste lar onde o autor goberna os seus poemas a lume manso con lentitude e conciencia de que os pasos ben medidos non teñen que ser moi longos para chegar máis lonxe. 

     E por certo que con música propia ou allea (textos de García Teijeiro teñen sido musicados por Paco Ibáñez, o noso primeiro musicador de poemas, que non exactamente cantautor), citas de Bob Dylan ou Luis Eduardo Aute para abrir o apetito diante de pratos propostos polo autor vigués (de 1952). 
 Dun autor que compre ler de vagar, cun corazón aberto para tanta fondura conceptual servida cunha linguaxe sinxela, con poucas imaxes (as xustas). Porque Antonio García Teijeiro segue aquilo que lle dixera a actriz pucelana Margarita Calahorra a un xeitoso máis desaforado Agustín González “¡La mitad, Agustín, la mitad!” Por iso gusto tanto da poesía de Antonio García Teijeiro, un home que embrida a súa linguaxe para dicirnos moito máis con menos. E -sobre todo- deixemos, de momento, nunha beira do camiño (xa volveremos a ela) o Antonio García Teijeiro da literatura infantil-xuvenil. Sexa isto o que fose, que eu sigo a non o ter moi claro. Si o que me presta que este poeta acadase o Premio Nacional de Literatura por un libro en galego.
     



*Texto publicado no Suplemento Dominical do Diario de Ferrol o 21 de xullo de 2019.




martes, 18 de junio de 2019

"Compromisos en voz alta. Cara á nitidez", crítica de Román Raña sobre "Pasando as follas do tempo", de Antonio García Teijeiro en FARO DE VIGO

Román Raña fala sobre o poemario na presentación no Club Faro




No suplemento literario “Faro da Cultura” do Faro de Vigo, o crítico, profesor e poeta Román Raña, escribe sobre a antoloxía poética Pasando as follas do tempo, de Antonio García Teijeiro.
     Versos e aloumiños faise eco da mesma e publícaa para que o lectorado deste blog-revista poida coñecela.





Compromisos
en voz alta
Cara á nitidez
  
ROMÁN RAÑA

Antonio García Teijero (Vigo, 1952),
é sabido de todos, gañou reputación
nacional e internacional coa súa literatura
dirixida a un público infantil e xuvenil.
A obtención dos máis importantes
galardóns (o Premio Merlín e a lista
de Honra do IBBY polo seu aclamado
Na fogueira dos versos, o prestixioso
Pier Paolo Vergerio, o Nacional de Literatura
Infantil e Xuvenil, pola obra Poemar
o mar) así o acredita. Mais esta exitosa
faceta eclipsou a súa produción
poética dirixida a un público adulto.
Por iso a publicación dun libro como o
que hoxe comentamos, Pasando as follas
do tempo. Antoloxía poética (1987-2017), resulta máis que necesaria.
O volume, magnificamente editado por Belagua, con pinturas de Xulio G.
Rivas e prologado por Juan Carlos Martín Ramos (un verdadeiro estudo
que analiza, en pormenor, toda a traxectoria literaria do noso poeta),
mostra unha selecciónde textos realizada por M.ª Jesús Fernández
e Alba Piñeiro coa colaboración
do prologuista.
Podemos afirmar que toda a
produción de García Teijeiro,
desde o inicial Parolando
coa vixencia (1987) até o inédito
Faragullas de luz (2014), mantén dous compromisos. En primeiro lugar,
como o autor ten declarado, coa oralidade,
quérese dicir, a poesía debe poder
ser declamada en voz alta. O contacto
co auditorio faise inescusábel
fundamentándose na musicalidade e
na repetición vocabular (paralelismos
e anáforas). En segundo lugar, un compromiso co desacougo interior perante as inxustizas do mundo.
Deste xeito, polas súas páxinas decorren
tristuras e desafectos, máis tamén gozos
e indignacións ante as derivas
dunha sociedade que o desconcertan
e o descontentan.
Román Raña e Antonio García Teijeiro
Finalmente, notamos unha evolución
do noso autor cara á nitidez e á
transparencia nas súas últimas obras.
Os poemas fanse breves e, con iso, máis
intensos. A mensaxe esencialízase, como
podemos comprobar nestes versos
que expresan unha dolorosa pureza: “A
luz/que/vomita/esta fiestra/vén sendo/
unha razón máis/para afastar/dun
home confuso/as sombras/que se citan
coa morte”.


GARCÍA TEIJEIRO, A., Pasando as
follas do tempo, Ed. Belagua, Vigo,
2019, PVP. 16




martes, 30 de abril de 2019

"PASANDO AS FOLLAS DO TEMPO", UNHA BIOGRAFÍA POÉTICA QUE ISPE SENTIMENTOS



Os que nacemos en pleno franquismo non o tivemos doado. Todo, todo era mentira. Cada palabra, cada imaxe, cada discurso, cada lección estaban baseados no engano constante.
     Agachábannos a dignidade de ser persoas, mentían sobre a realidade que nos rodeaba, borraban a historia dun pobo, manipulaban os acontecementos históricos ata o infinito.

     Moitos de nós tivemos que aprender a vivir doutra maneira. En silencio, con medo, baixo ameazas sutís de quen nos rodeaba. “No te signifiques”, dicía o meu pai, mentres loaba a figura do ditador.
     Eu tiven que rachar cadeas, afastar demos, manter contradicións, sentir en silencio, inventar apagados  berros de impotencia, chorar escondido, destruír falacias. E non me resultou fácil.
 
Paco Ibáñez

    Daquela, nun momento clave da miña vida, apareceu Paco Ibáñez e con el, a poesía. A ela agarreime con forza e ilusión. Algo estaba a prender en min e sentino ben dentro. A poesía deulle sentido á miña vida. E tras lecturas variadas, e cun gran proveito, sentín a chamada dos versos. Comecei a ver o mundo doutro xeito. As palabras provocáronme un sentido da responsabilidade especial e recuperei tanto soño roto.
      


No ano 1987, tras unha longa aprendizaxe, iniciei a miña carreira poética. Un itinerario  tan necesario como honesto. Parolando coa vixencia foi o meu primeiro título poético para adultos. Coplas, Nenos e Aloumiños, os primeiros pensando na rapazada. Nunca deixei de escribir.


     Hoxe  en día, son feliz. A poesía (e mais a música) deron cor e ilusión á miña vida. Sentín que as sendas percorridas alimentaron o meu espírito.
     Reunir case toda a miña poesía nun volume foi un soño íntimo que tiven dende hai ben tempo. Hai uns meses fíxose realidade. Belagua, coa incrible Edurne Baines á fronte, publicou este vello anhelo. Coa colaboración de Alba Piñeiro, Susi Fernández e Juan Carlos Martín Ramos (antólogos), ademais de Xulio Gª Rivas coas súas pinturas, naceu Pasando as follas do tempo.  O título é ben claro: esas follas son as follas da miña vida. Cos meus soños perdidos, coas feridas na pel, cos sentimentos afogados, co amor e o desexo, coa esperanza dun mundo mellor, coas persoas que tallaron a miña existencia, este poemario, que abrangue trinta anos de escrita, é o fiel reflexo, tatuado no corazón, dunha vida chea de vida.  É unha radiografía de sentimentos escritos na néboa. É a afirmación dun ser humano que, a través da palabra poética, precisa o aire para respirar agora que os anos van pasando e xa non hai retorno.
 
Antonio Gª Teijeiro (Foto de Ricardo Grobas)
     Amo a poesía honesta, directa, sen artificios.
     Amo a palabra poética que acariña, que critica, que sinala, que emociona, que foxe da impostura.
      Amo as persoas que non viven das aparencias, que son auténticas, que saborean  o líquido da harmonía, que beben os ventos da amizade.
     E así naceu este poemario, poemas que percorren espazos creados para compartir.
     Podedes entrar neles e convídovos a sentir á miña beira.