Mostrando entradas con la etiqueta lorca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lorca. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de noviembre de 2020

DARDO POÉTICO (LXIX) "Poeta en Nova York", en galego. Lorca, máis preto aínda de nós.


 



Lorca ten mil significados para min. Nel atopei a sensibilidade poética, as imaxes deslumbrantes, a crítica da inxustiza, a delicadeza dos seus planteamentos líricos, o arrecendo da natureza, a percepción da lúa como algo poético sen caer nos tópicos ao uso. Podería seguir. E sigo, lin Poeta en Nova York un mundo de veces. Teño que confesar que a ruptura formal e temática deste poemario coa poesía anterior me produciu un aquel desconcertante. Pero só foi a primeira vez. Axiña notei que unha forza interna me levaba cara a el. Conducíame a perderme entre os seus versos e animábame a penetrar nos seus silencios, nas súas preguntas, nas súas arelas.

 


     Non tardei moito en facer miñas esas arelas e Poeta en Nova York converteuse nun espazo poético e vital indispensable nos meus intereses humanos e literarios. Teño varias edicións deste poemario, algúns deles pola beleza da edición ou polas ilustracións que acompañan os poemas. Cada certo tempo volvo a el. Estou imantado ás súas verbas, as súas imaxes poéticas, ás súas mensaxes descarnadas. Lino por última vez en Nova York cando fun dar unha conferencia sobre a miña poesía ao Instituto Cervantes desa cidade. Lembro a picada que me produciu no meu subconsciente, mentres pasaba as follas e os calafríos que sentín empurrándome a escribir uns poemas -  inéditos polo de agora - a partir dos latexos dos versos lorquianos.

 

Cuns amigos pola gran cidade

     Esta tarde, na miña libraría habitual, descubrín con emoción que a colección Dombate, da editorial Galaxia acababa de publicar a edición en galego de tan magna obra. Non puiden ser máis feliz. Collín o poemario e alí estaban os versos de Federico soando de marabilla na magnífica tradución de Suso Díaz. Abrín o libro e comecei a ler coa emoción de estar lendo algo sublime. E en galego.


     Si, Poeta en Nova York  falaba galego. Que marabilla! Co difícil que é entrar no seu universo poético. Porque moitos dos poemas non son nada doados, esixen un ánimo especial para desfrutar das súas entrañas líricas. Son dunha forza impresionante pero son, tamén, dunha atracción única.

    


      Nunha nota á edición galega, di Suso Díaz, con moito acerto, que “ é imposible non tremer, non sentir o calafrío en cada verso, que percorre o corpo todo para estremecelo, para queimalo co frío da verba que reflicte a crúa realidade da vida onde só hai vida, sen vida”. Palabras sabias de alguén que sente a Lorca moi fondamente, algo que eu comparto de vez. Co poema “Volta do paseo”, o primeiro desa primeira parte que se chama “Poemas da soidade en Columbia University, principiei a ilusionarme.

 

     Que ben soa no noso idioma! Coma exemplo, aquí deixo estes versos que abren un espazo infindo que, como di, Suso Díaz “non pode deixar a ninguén incólume”. Así é.

 

 

ASASINADO polo ceo.

Entre as formas que van cara á serpe

e as formas que procuran o vidro,

deixarei medrar os meus cabelos.

 

Coa árbore de cañotos que non canta

e o nenoco branco rostro de ovo.

 

Cos animaliños de cabeza crebada

e a auga farrapenta dos pés secos.

 

Con todo o que ten o cansazo xordomudo

e bolboreta afogada no tinteiro.

 

Tropezando co meu rostro distinto cada día.

Asasinado polo ceo!

 

                                                                                              
                                                                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

sábado, 7 de diciembre de 2019

DARDO POÉTICO (LXI) "Cos SEIS POEMAS GALEGOS de Federico García Lorca á miña beira"




Levo a Federico García Lorca onde queira que eu vaia. Si, a rentes de min decote.
     Vén comigo, cando viaxo, a xeito de antoloxía poética, libros sobre a súa persoa, conferencias, determinados títulos da súa obra ou algún tomo da súa poesía completa.
     
Escribín con el, sentindo a súa influencia máxica en Nova York, en Ugena, en Buenos Aires, en Mondariz e nalgún que outro lugar nestes dous últimos anos. Xa antes, nos meus poemarios aparecían homenaxes explícitas ao poeta de Fuente Vaqueros. Non é ningunha moda: é unha fidelidade dende que lin a súa poesía por vez primeira. Dende que Paco Ibáñez  lle puxese música e lle dedicase a metade dun disco compartido con Góngora.


     

       Sinto a Lorca moi fondamente. Sempre a sentín. Aínda lembro algunha conversa con Rafael Alberti en Madrid e en El Puerto de Santa María, cando, con toda a naturalidade do mundo, nos contaba que Federico dicía, que Federico o chamara, que Federico… Nós, a miña muller e mais eu, ficabamos engaiolados porque ese Federico de quen contaba anécdotas, ese Federico que ría de calquera cousa era García Lorca. El contábao coma se fose onte, ou antonte ou a semana pasada. Case nada. E o agarimo do poeta gaditano por Federico era enorme.
 
Con Alberti en Madrid
      O amor que sinto por Lorca, pola súa personalidade, pola súa lírica é complicado de explicar con palabras. Sempre retorno a Lorca, como a Rosalía, Alberti, Machado, Miguel Hernández, Cunqueiro ou Celso Emilio entre outros.

    

     Estivemos tres semanas nos EEUU. E os Seis poemas galegos do poeta granadino viñeron comigo. E na conferencia que dei na Universidade de Tennessee saíu (como non!) Lorca e tiven que explicar a miña relación coa súa poesía.

 Como dicía, Lorca veu comigo nesa edición marabillosa que me agasallou na capital arxentina Quique Alvarellos xunto a outro libro que me encheu de ledicia como galego: El gran viaje de estudios de García Lorca, unha marabilla de edición de Alvarellos, que inclúe as cartas e os escritos do propio poeta e que está contada polo seu compañeiro Luis Mariscal. Unha alfaia.


      A edición dos Seis poemas galegos que tirou do prelo Alvarellos Editora é unha edición facsimilar da Editorial “Nós” (Compostela, decembro 1935) que leva o prólogo de Eduardo Blanco Amor, ademais de incluír, comentadas, as fotografías do poeta en Galicia.


          Di Blanco Amor que lle treme a man – e a ánima – ao poñela sobre estes versos, que xa nos nacen reliquia, para botar máis aló ou traer máis acá “un desmandado apóstrofo”. Pero nada máis ca iso.
E engade o autor ourensán que “a naturalidade destes poemas foi pulcramente respectada”.

  
Blanco Amor
Non podía ser doutro xeito, afirmo eu, porque se lle quitas a naturalidade aos poemas lorquianos deixan case de pertencerlle.
Imaxino a emoción de don Eduardo cando lle chegou, un día calquera da súa amizade, cunha presada de versos galegos. Aínda traían no tenro da súa brandura recén modelada, o movemento arbitrario dunha grafía nerviosa de riscadas, curvas e engadidos; plástica da inspiración; movemento case involuntario da man, agarrotada por esa eléctrica torrenteira, discontinua, que, ao baixar dos miolos ata os dedos, se apodera de todo canto poida estremecerse na nosa carne.

     Imaxino si, esa emoción, de axudar a incluír a Lorca na nosa literatura galega e máis cando o propio poeta, tras recoñecer que tiña ben lidos a Curros e a Rosalía, lle pide a Blanco Amor – case llo esixe – que sexa el quen ordee, edite e prologue estes poemas.

     Hai que felicitar a Alvarellos Editora por estas publicacións serias e necesarias. Non é a única que hai no mercado, pero estes Seis poemas galegos, nesta edición, dá gusto saborealos unha e mil veces como me acontece a min.

     E para que lle tomen gusto a este Lorca galego, poñemos deseguido, neste dardo poético, dous dos poemas do poemario e gocemos, unha vez máis, deste poeta universal. Un poeta do que moitos nos sentimos ben orgullosos de que puxese o seu talento nuns poemas no noso idioma.


Madrigal á cibdá de Santiago

Chove en Santiago
                                                      meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu amor.


Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol:
Ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón.





Noiturnio do adoescente morto

Imos silandeiros orela do vado
para ver o adoescente afogado.

Imos silandeiros veiriña do ar,
antes que ise río o leve pro mar.

Súa i-alma choraba, ferida e pequena
embaixo os arumes de pinos e d’herbas.

Ágoa despenada baixaba da lúa
cobrindo de lirios a montana núa.

O vento deixaba camelias de soma
na lumieira mucha da súa triste boca.

¡Vinde mozos loiros do monte e do prado
para ver o adoescente afogado!

¡Vinde xente escura do cume e do val
antes que ise río o leve pro mar!

O leve pro mar de curtiñas brancas
onde van e vén vellos bois de ágoa.

¡Ay, como cantaban os albres do Sil
sobre a verde lua, coma un tamboril!

¡Mozos, imos, vinde, aixiña, chegar
porque xa ise río m’o leva para o mar!




                                                                                                                                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO