Mostrando entradas con la etiqueta aute. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta aute. Mostrar todas las entradas

viernes, 14 de noviembre de 2014

"BELEZA CONTRA A PODREMIA!" UN CORREO POÉTICO de AN ALFAYA



 
An Alfaya

     Dedicarme a isto da literatura deume, ao longo de todos estes anos,  máis alegrías que decepcións. Claro que decepcións tamén as houbo, pero as alegrías supéranas con enorme vantaxe.
      
     Un escribe neste blog -e manteno dun xeito habitual- para que nel teñan cabida as opinións literarias e artísticas máis variadas.
      

      Encántame que as persoas escriban nel. Que a súa creatividade, as súas reflexións, o seu talento fiquen ancorados permanentemente nesta fiestra aberta. Este é un blog que non pretende estar ao meu servizo, senón que quero que sexa participativo. Cantas máis colaboracións haxa, mellor. E non me mpodo queixar neste aspecto.
      
      Moitos lectores e lectoras así o entenden. E gústalles que sexa desta maneira. A nós, tamén.
      
      O principal obxectivo que procuramos é que a arte teña presenza en Versos e aloumiños e que a poesía, xénero minoritario por desgraza, ocupe un lugar importante. Pero non pechamos as portas a toda sorte de textos creativos: fotografía, música, narrativa, pintura, crónica, artigos literarios, xornalismo etc.
      
     Van saíndo moi ben as cousas. Grazas por comprender e compartir o espírito que nos move.
      

     Dicía que a literatura me deu moitas alegrías. E amizade.
     Unha desas persoas amigas é, sen dúbida, An Alfaya.
      
     Hoxe, tras publicar a entrada do meu Caderno íntimo, á que chamei “Repugnancia”, recibo un correo que me emociona. Ben se ve na entrada a carraxe, o noxo que me produce a actitude de certos (bastantes) seres humanos nestes intres tan convulsos.
      

     De aí que as palabras de An me enchan de satisfacción. Eu non son un ser negativo e á chea de cousas que levo feitas na vida remítome. Pero a paciencia, a tolerancia e a comprensión teñen un límite. Xa non podo ver tanta superficialidade nin sentir preto de min o pasotismo das persoas. Esa non é a actitude que se debe tomar diante de tanto atropelo. Síntome agredido.
      
     Ben, pois lle pedín a An permiso para publicar o correo enviado e mais o poema que as miñas palabras lle provocaron. Boa provocación, xa que eses versos me encantaron. A súa alma de poeta deu un aviso.
       
     Aquí quedan os textos recibidos.
      
     Grazas, An, por comprenderes o meu estado anímico.
      
     Un pracer.



     
     Queridísimo Antonio. Mándoche un bico nada repugnante por eses sentidos apuntamentos nos teus "Versos e aloumiños". Canta forza, canta rabia, canta necesidade de desafogar coa palabra!
Palabras tamén de interese no "Faro Cultural!.
Canta falta nos fan voces vivas como a túa ou como a do meu admirado Aute!





Beleza contra podremia!

Repúgnanme os que distorsionan a percepción do mundo
para que o mundo se mova ao seu antollo,
os que impoñen a súa  pútrida pantomima,
os que portan a diario a carauta da hipocrisía,
os que matan a esperanza a forza de estercar os soños,
eses que alimentan as vergonzas amasadas co fermento das falacias, 
Do blog de María Vázquez Sellán.

e tamén os que calan cun silencio impune.

Chío de corvos son os berros das súas voces.
Mais ás veces unha andoriña sálvanos de nós mesmos.

Beleza contra a podremia.

A túa amiga, An

      
     Tras pedirlle permiso para a súa publicación, recibín estoutro que vos presento deseguido:


     
     Permiso concedido, Antonio. Saíume de corazón. Lin as túas palabras no blog e de forma inmediata entrei no correo e escribín o poemiña.
Bicos sempre da túa amiga An

      
An Alfaya, Antonio G.T. e Helena Pérez
     Non é fermoso o feito de penetrar no máis fondo dunha persoa sensible e provocarlle a necesidade de escribir un poema?
      
     Ah!, meus amigos e miñas amigas, este é o poder da palabra escrita.
      
     Que máis se pode pedir?

     Pois outra canción do noso admirado Aute para ti e os que loitan por sobreviviren nesta treboada de irracionalidade.

                                                    "Las cuatro y diez".

                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
                                                                                  

jueves, 13 de noviembre de 2014

CADERNO ÍNTIMO (XXI). REPUGNANCIA.

        
                         
                      
                                        Páxina vixésimo primeira


     
     As actitudes de Paco Ibáñez e de Luis Eduardo Aute perante a vida, sempre excepcionais, fanme reflexionar sobre os sentimentos máis íntimos que me produce aquilo que me rodea.
     
...cando o escoito, reármome de humanidade...
      De aí que me custe tanto deixar de estar de costas ao mundo. Pero estar de costas non quere dicir que non escoite, lea e, xa que logo, sufra polo que acontece acotío.
      
     Síntome ferido. Molesto. Afectado. Impotente. Teño necesidade de cuspir.
      
     Palabras como corrupción, mentira, prepotencia, insensibilidade, aldraxe etc. están a desgastarse. Xa perderon o valor que tiñan na súa orixe de tanto ser utilizadas. Que rabia!
      
     Hoxe non quero falar da podremia dos dirixentes que nos gobernan. Non.
      
    
Jordi Savall
Cando ves persoas que viven completamente alleas ao poder, que rexeitan premios (Jordi Savall, Colita), galardóns e honras hipócritas, baleiras, máis noxo che producen os comportamentos da xente común. Esa que non se mobiliza por nada, que non arrisca nada, que non ten un comportamento solidario, que é incapaz de votar un partido político que non corta de raíz os delitos dos seus militantes. Esa que leva unha vida sen aportar nada á sociedade, que é mala profesional, que non reflexiona sobre as consecuencias dos seus actos, que vive de aparencias.
     
      E ti ves que Paco Ibáñez cumpre en novembro, o día 20, oitenta anos e conmemora os 50 anos!!! da saída do seu primeiro disco ( o fermosísimo LP dedicado a Góngora e a Lorca) e non quere homenaxes oficiais, nin grandes palabras, senón aplausos sinceros e emotivos dese público sensible que o leva seguindo con fidelidade  ao longo de tantos anos, decátaste de que ese si é un verdadeiro exemplo de honestidade, espello no que tantos deberían mirarse para non perder o norte.
...tenrura, intelixencia, xenerosidade...
     Que  Luis Eduardo non se pregase endexamais aos afagos dos que mandan e mantivese unha liña de independencia, tanto persoal coma artística, denunciando a inxustiza, a maldita corrupción ou a falta de liberdade (ademais de cantar o amor e o desamor) sen renunciar á calidade nas súas cancións debería facer pensar a moitos que, ademais, din que lles gusta.
      
... tenrura, intelixencia, xenerosidade...
     Actitudes coma estas, por desgraza, non resultan habituais nestes tempos desvergonzados. E fanche pensar.
     E cando un pensa, xa se sabe. Veñen á mente, porque están á túa beira, os mediocres, os frustrados, os parasitos, os trepas, os mequetrefes, os hipócritas… que poboan esta sociedade. Reprodúcense, ademais, a unha velocidade vertixinosa. Están no medio de todo aquilo que un respira. Unha respiración pesada, noxenta, moi difícil de controlar. Viven na pestilencia do ambiente que eles crean e sentes náuseas.
      
     Mires cara a onde mires, sempre hai alguén cuxo comportamento che dá repugnancia. Ou mágoa. Ou sentes que vives nun mundo tan diferente que non poderías agasallar a estes personaxes un sorriso nin por compromiso. Pero, ás veces, si que o fas. Hai que convivir.
      
Por eles e elas e algunhas persoas máis ben paga a pena ser así...
     E que quede claro que son unha persoa con enormes contradicións. Que se trabuca unha e outra vez. Que non imparte leccións de nada. Pero unha persoa que loita por darlle sentido á súa vida, por deixarse manipular o menos posible (aínda así te manipulan) e que quere sentir que leva facendo cousas proveitosas ao longo dunha existencia ateigada de atrancos. Vivir, amigos e amigas, non existir.
      
     Ser crítico co que non me parece xusto, encher de contido os días, sentir que deixas pegada na xente que queres, convidar as persoas a través do que escribo, para que compartan comigo aquilo que me emociona, prodúceme un enorme benestar.
      
...conversar, conversar con quen aporta algo...
     Conversar con quen podes conversar, poñer sobre a mesa sensacións afectivas; gozar dos sentimentos profundos e a flor de pel; gozar da palabra literaria, das imaxes cinematográficas ou da música en todo o seu amplo espectro, fáiseme necesario para vivir.
      
...sempre preto...
     Sentir que non pasan os días como algo baleiro, superficial. Sorprenderme diante das pequenas cousas, diante dos feitos que semellan insignificantes e non o son. Escribir, ler, pasear, convivir cos amigos, coa túa muller e fillos, ir ao cinema, escoitar música, coñecer persoas que pagan a pena, son satisfaccións íntimas que dan cor á túa vida e permítenche ser feliz, un adxectivo de significado complexo.
eles e elas dan sentido final á túa vida...

     Por todo isto, cando vexo os comportamentos dunha parte, non exigua, da sociedade, rebélome. Ás veces, mesmo, sinto que me están a agredir cos seus comentarios banais, cos seus costumes miserentos, coa súa comodidade na vida, co seu egoísmo, coa súa ignorancia social, transformado todo en afirmacións estúpidas, sen base, sen peso específico ningún.
       
     Daquela, o desacougo toma a forma de noxo, de rabia e rexeito de maneira firme esa superficialidade e afástome deles. Non os quero oír nin ver diante.
      
...demasiasa importancia para figurar...
     Desprezo (e prodúcenme repugnancia) esas persoas que viven das aparencias un día si e outro tamén. Aqueles que se gaban do que non son, que fan dos automóbiles, da roupa que visten, dos colexios dos seus fillos, das viaxes que realizan, do listos que son os seus rapaces… sinais de presunción e viven nun mundo sen máis ideais que posuír bens sen límite. 
    
...para que...?
Son os mesmos que desprezan os que desenvolven traballos de inferior categoría segundo códigos clasistas, que non van ás manifestacións, que non secundan ningunha folga, que non len un libro, que non se informan con rigor do que acontece, que coñecen eses personaxes lamentables que poboan os platós televisivos, que non van a un concerto, que procuran amizades interesadas para formar parte dese rabaño social ao que aspiran para sentírense importantes.
      
     Son os que viaxan para diciren que viaxaron, aínda que a ilusión desa viaxe sexa amosar aquilo que mercaron nun centro comercial. Son os que miran para outro lado se alguén pide axuda e ese alguén non é fundamental para seguir no rabaño.
      
... a razón de moitas viaxes...
     Cren que un colexio privado (mellor, relixioso) lles dá maior categoría a eles (e aos seus fillos) que un centro público. Son os que se moven principalmente polo diñeiro, por ter, por amorear propiedades; os que só pensan no material e non medran de verdade por dentro. Son xactanciosos, déspotas, insolidarios, mentireiros, hipócritas. Calquera movemento que se produce ao seu redor dálles medo e resgárdanse nos seus círculos. Viven aparentando o que non son, créndose importantes, deitando sobre os seus fillos o líquido da máis ridícula superficialidade e danlles unha educación que produce vómitos. Mesmo son dados a alardear de calquera actividade que os rapaces realizan. Que miseria!
      
... que gocen coa actividade, sen que presuman os pais...

     Como canta Joaquín Sabina, “eran tan pobres que no tenían más que dinero” (e algúns, nin iso). Ou como di Aute, nun tema demoledor, “más que náusea dan tristeza/ no rozaron ni un instante la belleza”.
      
...di cousas moi intelixentes, pero...
     Non aportan nada que teña valor. Sen opinións de seu, miran con desprezo aqueles homes e mulleres que defenden causas e loitan polos seus ideais.
     
      Son de papel. Votan cada catro anos (sempre á dereita, claro, porque lles dá seguridade) e refúxianse nos seus complexos, na súa ignorancia, na súa comodidade vergoñosa.
      
... dereita, unicamente...?
      Por iso, sigo de costas ao mundo. Non quero ver tanto uniforme, tanta inmoralidade, tanto materialismo, tanta falsidade, tanta coitelada, tanta decepción.
...uniformes para que non haxa diferenzas? nin o creo nin o crin...
     Continúo dando as costas ao mundo cos meus defectos enriba. Eses defectos que quero desbotar e substituílos polo agarimo, pola honradez, polos aloumiños e pola xenerosidade. Quero as persoas que están preto de min. Esfórzome en no defraudalos. Non sei se o consigo sempre. Talvez non, mais loito por conseguilo.
      
...exemplo perenne, traxectoria única e impecable...
     Homes como Paco Ibáñez ou Luis Eduardo Aute (e tantas persoas anónimas que traballan na autenticidade), coas súas actitudes vitais seguen a marcarme o camiño. Con eles, síntome estimulado, consciente de que non estou errado, de que esa senda debe ser transitada e de que debo continuar os ronseis que van deixando no noso mar.
      
     Enchen de contido os nosos sentimentos, os nosos soños, as nosas eivas.
     Dan, en definitiva, sentido á palabra ética.
      
     Sinto no meu ombro a man da muller que me ama. Sabe das miñas teimas e intenta tranquilizarme. Conségueo e decido calar.
    Un bico. Dous. Un millón deles. Caricias. 

...a man que desexo, que quero sentir e a que me guía...

     Para rematar, podedes ver e escoitar dous vídeos. Un, de Paco Ibáñez, "Es amarga la verdad"(Quevedo); o outro, de Aute, con esa fermosísima canción, á vez que demoledora contra a corrupción, "La belleza".
     Ambas as dúas ilustran musical e literariamente todo o que acabo de dicir.
     Que vos presten! 


                                         Paco Ibáñez no Palau da Música, Barcelona canta a Francisco de Quevedo. 2007




                                                      Luis Eduardo Aute na Habana en abril de 1999.  "La belleza".