Hai proxectos que non
podo máis que celebrar polo que teñen de calidade e de necesario. Vivimos nunha
literatura minorizada e todo o que se faga por facela máis fonda e de maior
coñecemento da mesma é pouco. Para iso precisamos que os máis novos comecen a
collerlle gusto á palabra literaria dende as primeiras idades. Que se lles
acheguen libros axeitados aos seus intereses, escritos e ilustrados con
respecto e editados dun xeito atractivo para que chamen a súa atención.
Todo isto vén a conto da recepción de dous
libros marabillosos, moi ben editados e que me parecen absolutamente necesarios.
Refírome a esa nova
colección, Miudiños, que sae do prelo por iniciativa de Edicións do
Cumio. Teño os dous primeiros volumes na miña man e podo asegurar que
suscitaron en min un interese enorme.
O autor e autora destes libros son
Alba De Evan e Xabier Domínguez. Veño seguindo con atención estas dúas persoas e debo dicir que sempre me
sorprenden con tarefas, cheas de vida, orixinais, frescas e anovadoras. Seguídeos
e veredes que o que estou a dicir é rigorosamente certo. En cada proxecto que
acometen o bo gusto e a paixón literaria brillan con luz de seu.
Xabier Domínguez e Alba De Evan
Desta volta, presentan Rosalía de
Castro e Luis Seoane. E que nos ofrecen? pensarán
vostedes. Pois dous fermosos achegamentos á vida de artistas importantes da
nosa cultura a través de diferentes biopoemas, é dicir, a vida e a obra
contadas con sinxelexa en verso, para que gocen lectoras e lectores das
primeiras idades. Paréceme unha idea marabillosa. Áxil, rítmica e con datos que
se expresan mediante versos que aloumiñan.
No volume dedicado a Rosalía, á parte da
breve biografía en verso (Hai moito tempo, / nunha noite na que o inverno
ruxía, / naceu unha nena, / á que puxeron por nome Rosalía), atopamos, unha
pequena presentación do libro, unha cronoloxía da súa vida e o poema de Cantares
Gallegos, As de cantar/ que ch´ei de dar zonchos; as de cantar/ que
ch´ei de dar moitos.
Produce un pracer
infinito ler un libro feito con tanto gusto.
No segundo volume, dedicado a Luis Seoane,
ademais dunha explicación do personaxe, temos a vida en verso e a cronoloxía.
Pecha o libro a reprodución do óleo El e ela, pintado sobre lenzo en
1976. Interesante achegamento a un artista xenial, multidisciplinar (editor,
pintor, xornalista, poeta…) cunha vida complexa e moi interesante.
Non podo deixar á beira a Bea Gregores,
a ilustradora, hoxe xa unha artista recoñecida, que lles dá a ambos libros o
seu selo persoal, cheo de cor e cunhas figuras moi expresivas, e suxestivas
pola limpeza do seu trazo e a orixinalidade da súa proposta estética.
Parabéns aos tres e a Edicións do Cumio
por esta proposta e desexando que a colección continúe. Unha fermosa maneira de
facer Galicia.