Esmorecía o mes de abril, e o un tempo amable de primavera douraba as
ilusións tanto literarias coma afectivas.
Tras a participación nun
programa de radio, Menudo Castillo, dirixido por Javier Jiménez, con
participación de nenos e nenas, e desenvolvido en Fuenlabrada, nun acto
aberto ao público, enfilei cara a Andalucía. Susi, Juan e Lurdes completaban
a expedición literaria.
Un momento do programa de radio en Fuenlabrada |
Agardábame alí un encontro con dous centros públicos na Feira do Libro de Córdoba. O acto foi realmente positivo.
Máis de setenta rapazas e
rapaces viviron unha hora de poesía -e música- cun interese verdadeiramente
exemplar.
O encontro xirou arredor da Triloxía
do mar e , particularmente, Poemar el mar.
Linlles uns poemas de Rafael Alberti contidos no seu poemario Marinero en tierra. Porque o poeta gaditano foi o meu auténtico detonante poético para que eu unise a través do tempo os conceptos literarios de poesía e mar.
Un momento do encontro na Feira do Libro |
Os nenos e nenas repetiron versos, xogaron cos mesmos, fixeron preguntas e sentiron fondamente a maxia poética dentro deles.
En la cuna del mar, a
lectura en galego duns poemas de Palabras do mar e as actividades
propostas arredor do libro Poemar el mar deixaron pegada no alumnado e no
profesorado.
Por se fose pouco, Juan Carlos Martín Ramos e Lurdes López interpretaron unha canción moi fermosa, que eles mesmos compuxeron, a partir do meu poema Por la acera de mi calle, que se atopa no libro conxunto con Jordi Sierra i Fabra, Cuentos y poemas para un mes cualquiera (Ed. Oxford).
Juan C. Martín Ramos e Lurdes López cantan "Por la acera de mi calle" |
A poesía, moi viva nesta Feira anual que fai de Córdoba un lugar para gozar dos libros.
Esa mesma tarde tivo lugar o
espectáculo do noso libro Versos e viceversos, que contiña recitados e 10 cancións nacidas
dos nosos poemas. Sempre é un pracer deixar no aire música e poesía, pero debo
recoñecer que a organización non estivo á altura do acto.
Espectáculo "Versos e viceversos" |
Unha mágoa, pero aí quedaron
as notas, a voz de Lurdes e as palabras.